Este ano, as xornadas reflexionarán sobre os distintos modelos de unidades de produción públicas con representantes do Teatre Nacional de Catalunya, o Centro Andaluz de Teatro ou o Teatro Arriaga Antzokia de Bilbao, entre outros.
Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, organiza no marco do Culturgal as xornadas profesionais que levan por título Teatros nacionais, centros dramáticos e unidades de produción públicas: distintos modelos de xestión, que chegarán ao Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro 29 de novembro.
Os participantes e os relatores das xornadas partillarán coñecementos para a mellora nas posibilidades de xestión dentro do sector escénico profesional en tres modelos institucionais moi diferentes: teatro nacional, centro dramático e unidade de produción pública no ámbito local. As xornadas estruturaranse en tres bloques que seguirán a configuración dunha introdución realizada polos relatores á que seguirá unha quenda de preguntas e debate co público asistente, ademáis dunha rolda final de peche e conclusións ao redor dos tres modelos analizados.
Inaugurarán a xornada Jacobo Sutil (director da AGADIC), Víctor López (presidente da Asociación Culturgal) e Belén Pichel (presidenta de Escena Galega), que darán paso a partir das 10:45 a Mónica Campos (directora executiva do Teatre Nacional de Catalunya) que, acompañada do vicepresidente de Escena Galega, falará da xestión, estratexias de produción, distribución e actividade no TNC, centrádose na formación, exhibición, coprodución e relación cós públicos.
A partir das 11:30 Pedro Álvazez-Ossorio (director de La Fundición de Sevilla e ex- director da Unidade de Produción do Centro Andaluz de Teatro) abrirá, acompañado do tesoureiro de Escena Galega, a segunda das mesas, que versará sobre o modelo desaparecido do Centro Andaluz de Teatro, o seu modelo de xestión, as consecuencias para o sector e os retos para o futuro.
Tras a pausa do café, ao redor das 12:45, Andoni Olivares (director de programación do Teatro Arriaga Antzokia de Bilbao) acompañado pola directora da asociación, reflexionará sobre o modelo da unidade de produción pública de artes escénicas a nivel local partindo do caso do propio Teatro Arriaga.
As xornadas terán lugar o vindeiro venres 29 de novembro de 10:00 a 15:00 no Pazo da Cultura de Pontevedra e a entrada é de balde sen necesidade de inscrición previa.