in

O director da Agadic non aclara as dúbidas sobre o futuro do CDG e o CCG

ParlamentoCEC2 |
????????????????????????????????????
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre o proceso de elaboración do novo Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, pero as súas respostas resultaron insuficientes. | Manuel Xestoso | | Foto: Arquivo Parlamento de Galicia |

 

Non pasa nada: este podería ser o resumo da comparecencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais, no Parlamento, onde acudiu para contestar unha pregunta da deputada do BNG, Olalla Rodil sobre o proceso de elaboración do novo Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) anunciado polo Goberno galego, sobre as modificacións que introduce e sobre os cambios que vai supoñer, especialmente para o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego.

Olalla Rodil, previamente, debuxara un cadro menos apacible e máis acorde coa actualidade: os recortes que sofren o CDG e o CCG no proxecto de Orzamentos Xerais para o próximo exercicio, que aínda non foron aclarados; as continuas polémicas pola baixa produción, polos cuestionados procesos de selección de elencos e pola exigüidade das xiras; a demora na selección de directores para ambas unidades de produción da Axencia, actualmente vacantes; as recorrentes acusacións do sector de falta de diálogo… “O único que vemos é que están creando as condicións idóneas para desmontar o CDG e o CCG”, resumía Rodil.

Malia que aínda resoaban os ecos da rolda de prensa de onte, na que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a Academia Galega de Teatro esixían a retirada do proxecto de Decreto para modificar os Estatutos da Agadic, o director da Axencia limitouse a negar a maior e a repetir que os cambios son de natureza exclusivamente administrativa. “Os cambios non significan nada do que vostedes din”, insistía, “e non cambiarán nada no funcionamento do CDG: é un cambio completamente irrelevante”, dixo. “Para poder implementar a nosa política cultural necesitamos unha estrutura administrativa forte”, declaraba Sutil. E invitou a participar no proceso, xa que o proxecto segue en prazo de envío de suxestións (un prazo que remata hoxe).

Pero o máis sorprendente foi a explicación que deu sobre os recortes nos orzamentos do ano próximo. Sobre este tema afirmou: “entendo, espero, que unha parte da produción terá algo que ver co Xacobeo; por agora vai permanecer así porque aínda non hai director, cando haxa director decidirá que tipo de produción se fai e, a partir de aí, ou ben colleremos fondos do Xacobeo ou ben incorporaremos ese diñeiro para que o faga directamente Agadic”. “Respectamos a autonomía do director”, apostilou.

A deputada do BNG insistiu en que as mudanzas reflectidas no novo Estatuto eran de calado e que lle restaban poder de decisión ao director do CDG, que o CCG perdía rango ao ser integrado nun departamento de Música e Danza, e que era falso que houbese consenso nos cambios, como demostraron as declaracións públicas feitas onte polos principais representantes do sector.

Mais Sutil, para exemplificar o seu diálogo coa profesión, esgrimiu algúns acordos aos que chegou con Escena Galega –a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas– para, por exemplo, a creación do circuíto Camiño Escena Norte ou para a xestión de Galicia Escena Pro; é dicir, sobre cuestións que afectan ás compañías privadas pero non ao funcionamento do teatro e a danza institucionais. Con iso deu por rematadas as explicacións.


Publicidade

 

Reunión coa AAAG

A Consellería de Cultura e Turismo anunciou esta mañá que Sutil convocou para esta mesma tarde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o que –segundo fontes próximas á AAAG– podería significar que a Agadic pretende buscar un acordo de última hora para lexitimar a reforma do Estatuto da Agadic que, até o de agora, elaborou sen buscar o consenso co sector.

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EroskiFilme |

‘Eroski Paraíso’, o filme, estréase en salas este venres

NekrassovAbadía |

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña presenta o seu programa para o próximo semestre