O Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá este venres, 17 de xaneiro, ás 20.30 h. a estrea de Leira, novo espectáculo de Nova Galega de Danza, que contará coa participación en directo da cantante Rosa Cedrón.
A nova produción da compañía conta coa dirección artística de Jaime Pablo Díaz e coreografía de Iker Gómez. Rosa Cedrón será a encargada de poñerlle a voz en directo a unhas composicións musicais de Sergio Moure de Oteyza. A escenografía é de Jaime Pablo Díaz, o deseño de iluminación, de Antón Cabado e o vestiario, de Erica Oubiña. Bailarán Inés Vieites, Estefanía Gómez, Iván Villar, César Louzán, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Uxía Rivas.
O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transportará á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica; día e noite, xornada tras xornada repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os surcos arados na terra. Pero Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo. A celebración dunha Galicia intemporal e máxica.
Tras a súa estrea na Coruña, Leira continuará neste primeiro semestre de 2020 a xirar polos escenarios galegos. Polo de agora xa están confirmadas as seguintes datas:
- Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes de García Rodríguez: 8 de febreiro ás 20:00.
- Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba. 18 de abril.
- Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo: 24 de abril ás 20:00.
- Pazo da Cultura de Carballo: 25 de abril ás 20:30.
- Teatro Jofre de Ferrol: 29 de abril ás 20:30.
- Teatro Principal de Compostela: 14 de maio ás 20:30.
Nova Galega de Danza
Nova Galega de Danza é o resultado dun proceso que empezou en 1988, cando os bailaríns, Vicente Colomer e Jaime P. Díaz, acadan a súa madurez artística e profesional, e deciden concentrar esforzos para satisfacer as súas inquedanzas na procura de novas formas de expresión que fusionen a tradición folclórica galega coa danza contemporánea. Xuntos, acadan con Sinerxias o Segundo Premio do I Certamen de Creación Coregráfica de Galicia, o Cuarto Premio no I Maratón de Danza de Madrid, e quedan finalistas no Certamen Nacional de Danza Española y Flamenco de 2002.
O seu primeiro espectáculo, Alento, inaugurou un novo xeito de concibir a danza e a música realizadas en Galicia, sendo finalista dos Premios MAX como Mellor Espectáculo Revelación do 2005 e recoñecido no informe anual da SGAE como a Compañía Galega Independente máis exitosa do ano. Fai historia tamén ao ser a primeira compañía de danza programada na Feira Profesional de Teatro de Galicia.
Nova Galega de Danza volve a reinventarse con Engado, estreada no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, e na que afonda, máis se cabe, no proceso de fusión, ofrecendo un espectáculo cheo de enerxía, frescura e sorpresa. A xira de Engado leva a Nova Galega de Danza a escenarios nacionais e internacionais, como a XIV Feira das Artes Escénicas, Festival de Ortigueira, Festival Madrid en Danza, Festival de Danza Escena Navarra, Festival de Paredes de Coura (Portugal), Festival Internacional Meet in Beijing (China) ou a Expo de Zaragoza, así como á apertura da Pasarela Gaudí en Barcelona, entre outros.
O músico e compositor Pedro Lamas, asume a dirección musical de Tradicción cun traballo de creación inspirado en melodías tradicionais. Fórmase, entón, a primeira gran Orquestra de Jazz de Galicia para representar Tradicción na presentación da nova marca Galicia para Turgalicia. En Nantes, convidada polo prestixioso músico Sébastien Bertrand, obtén una residencia artística para a creación coreográfica Grand’Danse Club de conexión, as expresións libres, e promove, así mesmo, De Asís a Compostela: 800 Aniversario da vinda de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
Dez conmemora os dez anos de vida da compañía, que neste espectáculo interpreta as súas mellores pezas.
Convidada de novo ao Festival Madrid en Danza, participa tamén en Lúas de Outono 2014, en homenaxe ao poeta Manuel María, no Teatro Colón de A Coruña.
En 2015, ante unha nova procura de formas de expresión, colabora con outros grandes coreógrafos e directores, como Carlos Rodríguez, co que crea un espectáculo que axunta flamenco e baile tradicional galego.
En Son reúnese un gran elenco de artistas do talle de Alberto Velasco (director de escena, actor e bailarín), Carmelo Segura (coreógrafo de danza contemporánea), Carlos Rodríguez (director e coreógrafo), Luis Perdiguero (escenografía e iluminación), e, ademáis, o compositor Sergio Moure de Oteyza. A súa posta de largo internacional tivo lugar no Teatro Colsubsidio Roberto Arias Pérez, de Bogotá, e a estrea nacional foi no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, con gran éxito de público e crítica. Con este último traballo, recibiu cinco candidaturas aos Premios Max y o Primeiro Premio do Público na 33 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
Actualizado o 15 de xaneiro de 2019.