in

Profesionais da danza denuncian a falta de compromiso de Agadic co Plan de Danza

PACCG |
A primeira reunión dos profesionais da danza coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), despois de que o conselleiro de Cultura e Turismo anunciase a posta en marcha dunha mesa de diálogo para implementar un Plan de Danza, comezou cun adiamento por, segundo os profesionais, “a discrecionalidade coa que a reunión foi convocada”. A Agadic aceptou revisar a fórmula e o protocolo de participación, pero non se compromeu a cumprir as condicións mínimas para a apertura do debate esixidas polos profesionais. | M. X. |

 

A Plataforma de Afectados polo Centro Coreográfico Galego, un colectivo que agrupa máis de 277 profesionais, compañías e entidades da danza e das artes do movemento, convocou onte unha rolda de prensa na que informou sobre o estado das relacións coa administración, despois de que se anunciase, por parte da Axencia Galega de Industrias Culturais a supresión da dirección artística do Centro Coreográfico Galego (CCG), a rebaixa do orzamento adscrito a dito centro nun 66% e a fusión do actual Departamento de Produción Coreográfica nun “Departamento de Música e Danza” de nova creación.

Tras as duras críticas recibidas nos últimos meses pola situación da danza en Galicia, o pasado 5 de febreiro, o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou no parlamento que a Xunta elaboraría “un plan da danza da man do sector” e explicou que “esta folla de ruta será o resultado do traballo dunha mesa plural da danza, con representación de todos os axentes implicados neste sector.”

Seguindo este anuncio, a AGADIC decidiu convocar unha reunión onte, martes 18 de febreiro, nas súas oficinas na Cidade da Cultura, co asunto “Grupo de Traballo para o Plan Integral da Danza en Galicia”, á cal foron convocados diversos axentes relacionados coa danza, entre eles a PACCG, que asistiu a esta convocatoria.

A PACCG transmitiu a reivindicación dun marco de condicións mínimas indispensables para a apertura do debate e o grupo de traballo dun “Plan da danza”. O colectivo considera fundamental chegar a un consenso entre a AGADIC e o sector profesional da danza, con carácter previo á constitución desta mesa de diálogo, sobre as seguintes medidas:

  • A apertura da “Mesa da danza” á pluralidade diversa de axentes implicadas na vida cultural no ámbito da danza e das artes do movemento en Galicia mediante un procedemento regrado de convocatoria pública no que se preveñan as necesarias e esixibles garantiías de participación individual, colectiva, presencial, delegada ou telemática así como as medidas de resposta, control e avaliación que foran necesarias para o efectivo cumprimento da lexislación vixente en materia de participación, transparencia e bo goberno.
  • A renuncia da AGADIC á fusión do actual Departamento de Produción Coreográfica nun “Departamento de Música e Danza” de nova creación previsto no proxecto de Decreto polo que se modifica parcialmente o Decreto 150/2012 de 12 de xullo polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais ao que esta plataforma presentou en forma e prazo “Suxestión á normativa en tramitación” o pasado 12 de decembro de 2019.
  • O mantemento da autonomía do Centro Coreográfico Galego (CCG) como centro institucional de referencia para a comunidade da danza e das artes do movemento en diálogo con outros centros análogos nacionais e internacionais para o que se considera indispensable: i) a convocatoria dun proceso de selección para a provisión do posto de dirección do CCG ii) o mantemento na nova normativa estatutaria da AGADIC da relación de competencias atribuídas e esixibles ao CCG segundo se recollen no art. 27 do vixente Estatuto (sen prexuízo da necesaria adaptación das mesmas ás esixencias da Lei 9/2017 de 8 de novembro de Contratos do Sector Público), iii) a equiparación orzamentaria do CCG a outros centros similares como o Centro Dramático Galego (CDG) ou o Centro Galego d Arte e a Imaxe (CGAI) como medida de equidade compensando, cunha proposta económica concreta, a rebaixa orzamentaria actual dun 66% respecto do ano anterior.

Ademais, a PACCG denunciou a discrecionalidade coa que a reunión fora convocada. “Segundo nos consta”, relataron, “outros axentes diferentes –entre compañías, colectivos ou festivais– solicitaran en días previos á AGADIC a súa participación na reunión de hoxe, presenza que foi denegada”.

Tras trasladar as peticións da PACCG, que segundo a plataforma “atoparon consenso xeral entre as axentes asistentes á mesa”, a AGADIC comprometeuse a revisar a fórmula e o protocolo de participación que garanta a pluralidade e o dereito a participación de cara a un futuro Plan da Danza.

No relativo ás reivindicacións concretas da Plataforma, non se deu un compromiso firme por parte da Agadic: nin en relación á renuncia á fusión do Departamento de Música e Danza, nin á recuperación da autonomía e capacidade do Centro Coreográfico Galego, cuestións sobre as que a dirección da AGADIC non deu un pronunciamento claro.

A Plataforma declara que “continuará apostando pola mobilización do sector para seguir defendendo a vía da transparencia e da participación na construción e definición das políticas públicas” e insiste “na necesidade de que a AGADIC dea pasos adiante  e tome medidas firmes e reais en prol da danza, que vaian máis alá de expresións voluntaristas e oportunidades políticas”.


Publicidade

 

Un conflito que se enguedella

As relacións coa Agadic son moi tensas dende xuño do ano pasado, data na que un nutrido grupo de profesionais asinaron un manifesto que denunciaba presuntas irregularidades múltiples irregularidades na produción do espectáculo Maestro Rodrigo promovido pola Agadic e a Fundación Victoria e Joaquín Rodrigo, do espectáculo Maestro Rodrigo promovido pola Agadic e a Fundación Victoria e Joaquín Rodrigo,e a mala xestión e falta de transparencia do Centro Coreográfico Galego e da súa directora Mercedes Suárez.

A inactividade do CCG viña sendo obxecto de malestar dende moito tempo antes, mais foi a partir deste momento en que os profesionais decidiron agruparse nunha plataforma para esixir respostas da Agadic ás súas demandas.

Os recentes anuncios dunha redución orzamental do 66% no Centro Coreográfico Galego e dunha reforma do Estatuto da Agadic que traería emparellada a fusión de danza e música nun único departamento, así como a desaparición da dirección do CCG, non fixeron máis que agudizar as tensións coa axencia.

O debatido cambio no Estatuto da Agadic foi anunciado no Parlamento en novembro. O conselleiro de Cultura e Educación; Román Rodríguez, trataba de contestar con el á crítica dos retallos nos orzamentos do CCG e do Centro Dramático Galego denunciados pola deputada do grupo parlamentar do BNG, Olalla Rodil. Rodríguez afirmou entón que se trataba dunha mudanza consensuada co sector. As asociacións profesionais, porén, declararon que non constaban “contactos sobre este asunto co groso do tecido asociativo profesional nin se informou dos sensibles cambios que se emprenderán, polo que se debe considerar que o novo estatuto se realiza de costas ao sector. extremo este que negaron todas as asociacións profesionais”.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a asociación Músicos ao Vivo e a Academia Galega de Teatro tamén se manifestaron en contra destes cambios no Estatuto da Agadic, e advertiron en decembro de que estas modificacións acentuarían “o desmantelamento sistemático que a Xunta de Galicia está a practicar coas unidades de produción institucional”.

O enredo dende ese momento non fixo máis que enguedellarse: primeiro, con declaracións contraditorias por parte da Agadic, que primeiro lle negou á erregueté que fose a reducir os fondos para as unidades de produción para logo confirmar a redución; despois, co anuncio de que a dirección do CCG desaparecería despois de manter que o novo Estatuto non traería ningún cambio de calado; e finalmente, co anuncio en sede parlamentar dun Plan da Danza que sería o resultado “do traballo dunha mesa plural da danza, con representación de todos os axentes implicados neste sector”, mais sen que o sector tivese noticia desta convocatoria.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SoXampatitoPato |

Xampatito Pato triunfa en FETEN con ‘Só’

ExireMedula |

A compañía Exire estrea ‘Médula’ na Coruña