Centos de manifestantes en Tirana enfrontáronse coa policía o pasado domingo despois de que o goberno albanés comezase a derrubar o histórico Teatro Nacional, nunha decisión que resulta imperdoable para milleiros de albaneses, que saíron á rúa a protestar contra o que consideran unha “deriva ditatorial” do goberno do primeiro ministro, Edi Rama. | M. X. |
As protestas, que provocaron enfrontamentos coa policía, comezaron na capital albanesa despois de que os funcionarios procederan á demolición do Teatro (Teatri Kombëtar). Os manifestantes, entre os cales se contan numerosos artistas, esixen a reconstrución do edificio.
Activistas, políticos da oposición e artistas opuxéronse á demolición que querían que o edificio, orixinalmente construído durante a Segunda Guerra Mundial, durante a ocupación italiana, fose rehabilitado. Rama, declarou que os que se opoñen ao seu plan para un novo teatro “non aman o progreso”. O propio presidente da República, Ilir Meta, interveu na disputa para poñerse do lado dos manifestantes, cualificando a demolición do teatro como “un crime moral polo que non se pode conceder amnistía”.
A delegación da UE en Tirana tamén criticou a demolición do teatro e declarou que se levou a cabo nun momento no que “pediamos diálogo entre as autoridades e a sociedade civil antes de que se tomase unha decisión irreversible”. Europa Nostra, a Federación Pan-Europea para o Patrimonio Cultural –que chegou a declarar o edificio como un dos monumentos máis ameazados de Europa– tamén condenou o derrubamento.
O Concello da capital albanesa aprobou a demolición do teatro tres días antes de que as máquinas demolesen o edificio, mais as decisións municipais só entran en vigor dez días despois da súa publicación, polo que a derruba se converte nun feito legalmente cuestionable.
A polémica sobre o futuro do teatro Nacional estivo no foco da atención pública albanesa dende hai dous anos. O plan anterior de Rama era construír un teatro máis pequeno no mesmo lugar que ocupaba o vello edificio, a través dunha asociación público-privada, cedéndolle o resto dos terreos a unha sociedade privada. Daquela, o goberno tivo que modificar a lei para permitir que o modelo de financiamento do proxecto encaixase cos acordos de Asociación entre a UE e Albania, pero cinco meses máis tarde, o proxecto fracasaba por falta de interese dos investidores.
Aínda que Rama afirma agora que se construirá un novo teatro con fondos públicos, ata o momento non se destinou partida ningunha para o proxecto. O que si contempla o novo plan é a construción dun centro comercial e un rañaceos.
O Teatro Nacional de Tirana, único no mundo no seu xénero, era considerado unha obra mestra da arquitectura racionalista. Foi proxectado por Giulio Berté e inspirado na pintura metafísica de Giorgio De Chirico. Unha das súas particularidades consistía en estar construído cun material experimental coñecido como pupulit, unha combinación de cemento e serraduras moi lixeira que convertían o teatro nunha edificación pioneira da arquitectura sostible. O Teatro Nacional converteuse no centro onde se establecerían algunhas das institucións culturais máis importantes da Albania de posguerra.