Bailarina e coreógrafa, Premio da Crítica de Galicia de Artes Escénicas o pasado 2019. Rut Balbís é a directora artística da compañía Pisando Ovos, referencia da danza e do movemento en Galicia e no resto do estado. Entre as súas creacións destacan Que volvan as flores, Give it a Spin ou, recentemente, Directo 9, en coprodución co Centro Coreográfico Galego. Ademais, Balbís ten colaborado con creadoras como Matarile Teatro, Licenciada Sotelo, Traspediante ou Chévere.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Desde hai dous anos a miña mesa de noite cambiou de estilo literario radicalmente e encheuse dunha morea de libros infantís. Polo medio deles continúa El espacio vacío de Peter Brook.
A túa banda sonora destes días.
Pois é unha mestura bastante curiosa entre as bases rapeadas do meu compañeiro nos espertares, a radio coas noticias nos almorzos, algo de Ólafur Arnalds para as clases online e moitas cancións para nenos que van desde A vaca Lola a A saia da Carolina.
O último filme que te impresionou.
Hai tempo quedei marabillada polas personaxes e interpretacións de Scarlett Johansson e Adam Driver en Marriage Story de Noah Baumbach.
A obra de arte na que te perderías agora.
Estou volvendo a ver Barbe Bleue da gran Pina Bausch e creo que me perdería en calquera das súas obras.
A peza que che gustaría facer.
A última peza de Pisando Ovos, Directo 9, estaría de xira durante estes meses despois da súa estrea hai máis dun ano. Encantaríame volver remexer nesta creación antes de que volva a escena.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Isadora Duncan.
Se non foses bailarina, serías…
Sempre quixen tocar un instrumento, así que pianista.
GIPHY App Key not set. Please check settings