Identidade e demanda
| Manuel Xestoso |
| Foto: Laura Iturralde |
As cousas, ás veces, suceden así: empézase por pronunciar a palabra marica e remátase berrando a palabra revolución. Se cadra, o adxectivo millennial ten a ver sobre todo coa convicción de que as loitas contra as formas de dominación sexuais e raciais son unha esixencia sen a cal non existe a posibilidade do cambio. De que a construción das subxectividades fai parte dun proceso emancipador máis amplo que ten efectos sociais e que chama por unha forma política que o acolla.
Davide González, en escena, recrea ese proceso de construción dunha identidade, con todos os detalles aterradores que se poden esperar da adolescencia dun homosexual nunha parroquia rural. Mais faino sen vitimismo, sen redundar no drama, senón buscando unha explicación que revalorice o proceso, un mapa no que situar o catálogo de agravios. Trátase un asunto grave restándolle patetismo, que non importancia.
Incendiaria escolle unha estratexia narrativa na que converxen a instalación e a performance, a suxestión e o alegado –valla a redundancia– incendiario. O interesante é a recollida de fragmentos que pouco e pouco van completando o debuxo dun proceso de toma de conciencia. O actor é o eixo indiscutible dun espectáculo que ten moito de autobiográfico, mais é o traballo colectivo –a iluminación de Laura Iturralde, a escenografía de Carlos Alonso, a man escondida de Vanesa Sotelo modulando os tempos– o que lle devolve o carácter social que o discurso reclama.
Se cadra, hai algunha escena que se recrea demasiado en si mesma, que retarda un chisco a entrada en materia; pero unha vez alí, as pezas van encaixando dun xeito inapelable: o subxectivo enmárcase no tempo –na era que comeza co esboroamento da Unión Soviética e a guerra do Golfo– e a historia persoal intégrase na Historia. Talvez a clave de bóveda está nesa lembranza dun mozo gai entregándolle ao pai un sobre de diñeiro froito do seu traballo: a afirmación da personalidade a través do único valor con que a clase obreira conta para se enfrontar coas asperezas do mundo.
O recoñecemento mutuo dáse nese encontro que tampouco deixa de lado a cuestión nacional: case nunca é o mesmo que alguén fale o idioma da colonia ou o da metrópole; se a ese estigma lle engadimos o da homosexualidade, a mirada sobre a sociedade transfórmase na demanda en que desemboca o espectáculo: a dunha revolución que atinxa a todos os aspectos da existencia.
A entrega de Davide González, a súa presenza escénica e a convicción que transmite acaba por prender no público, implicándoo e visualizando que ao colectivo non lle poden ser alleos os destinos individuais. Así, a función discorre cunha vitalidade que une reflexión e entretemento, cunha vitalidade próxima ao cabaré mais cuns fundamentos morais semellantes aos dunha necesaria traxedia contemporánea.
Microspectivas dun marica millennial, de Incendiaria
Idea orixinal: Davide González.
Dirección: Vanesa Sotelo.
Dramaturxia: Davide González e Vanesa Sotelo.
Interpretación: Davide González.
Iluminación: Laura Iturralde.
Espazo escénico: Carlos Alonso.
Indumentaria: Carlos Alonso e Davide González.
Sonoplastia: Davide González.
Fotografía: Laura Iturralde e Lucía Estévez.
Vídeo: Lucía Estévez.
Voz en off: Eduardo Cunha “Tatán”.
Estrea na sala Ingrávida, Porriño. 19 de xuño de 2020.