in

A Grande Emissão do Mundo Português

A grande emissão Carlos Gomes |

Cultura e ideoloxía

| Manuel Xestoso |
| Foto: Carlos Gomes |

 

Unha ollada panorámica a dúas décadas do “Estado Novo” –a marca publicitaria da ditadura salazarista– que non se conforma con desmontar os procesos de desinformación e propaganda dos réximes totalitarios do pasado, senón que se debruza sobre os mecanismos paralelos que operan nos medios de comunicación na actualidade –os agora chamados “populismos”. A Grande Emissão do Mundo Português é un musical que non se deixa enganar pola nostalxia e, coas ferramentas do cabaré literario, dispara sobre case toda a historia do antonte portugués: moitas veces dá no branco e cando non, pasa rozando.

O espectáculo recrea a emisión dun programa de radio dende un estudio da Emissora Nacional: un programa que, alegoricamente, dura vinte anos e cuxo inicio e final teñen o mesmo protagonista: Henrique Galvão, director da Emissora até 1940 e que, posteriormente, en 1961, protagonizou o secuestro do paquete Santa María (a partir dese momento, Santa Liberdade) xunto cos seus compañeiros galegos do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) Xosé Velo e o comandante Soutomaior. Esas son as datas que marcan o comezo e o final dun percorrido mordaz por un Portugal oprimido pola ditadura e obrigado, por decreto, a ser feliz: o programa estaba coproducido por unha Fundação Nacional para a Alegria no Trabalho.

Que as datas coincidan coa inauguración da Exposição do Mundo Português –unha gran mostra coa que a ditadura buscaba lexitimarse ideoloxicamente– e co inicio da Guerra Colonial en Angola non só dá pistas sobre a evolución social de Portugal, senón que tamén apunta á posta en escena dos réximes totalitarios: mostra como o cultural e o ideolóxico se entretecen e como a manipulación do primeiro consegue ter efectos duradeiros no segundo. Quizais un programa cuxo obxectivo declarado é “educar sen aborrecer” non é só unha forma de banalizar a cultura, senón tamén de adulterar o ideario político da poboación á que se dirixe.

Isabel Craveiro coordina con detalle a creación colectiva de actores e actrices –a partir do notable texto de Jorge Palinhos– concibindo un espectáculo veloz e dunha enorme esixencia. As escenas sucédense sen respiro e os números musicais e de comedia transcorren cunha precisión digna do mellor slapstick. A veta irónica dos comentarios sobre a situación política procede, sobre todo, do contraste entre o que se escoita–o programa radiofónico– e o que se ve –os traballadores da radio. Se cadra, algo máis de contextualización permitiría un xogo dramático que escapase dunha sutileza que por veces oculta o sentido, pero a enerxía do elenco, a súa concentración e unha frescura que non permite que humor desapareza nunca da escena manteñen o interese en todo momento e conseguen facerse coa atención do público.


Publicidade

 

A grande emissão do mundo português de Teatrão

Dramaturxia: Jorge Palinhos
Dirección: Isabel Craveiro en co-creación co elenco
Elenco: Ana Bárbara Queirós, Celso Pedro, Isabel Craveiro, João Santos, Margarida Sousa
Escenografía e Figurinos: Filipa Malva
Deseño de iluminación: Jonathan Azevedo
Dirección musical: Luís Figueiredo
Preparación Vocal: Cristina Faria
Deseño de Son: Daniel Bernardo
Vídeo: Sérgio Gomes
Deseño Gráfico: Paul Hardman
Dirección de produción: Cátia Oliveira

Festival de Almada. Sala Incrível Almadense. 3 de xullo de 2020.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LohengrinMiradaDasBolboretas |

A Federación Galega de Teatro Afeccionado celebra en Ribadavia o seu XX aniversario

Lázaro de Tormes de Pedras de Cartón

Pedras de Cartón leva a súa primeira peza ao festival de Teatro Clásico de Almagro