Por unha declaración de emerxencia para a escena latinoamericana e caribeña
A pandemia afectou e segue a afectar cada día a vitalidade e o desenvolvemento do teatro latinoamericano e caribeño e pon en risco a supervivencia de valiosas agrupacións. Funcións e festivais tiveron que cancelarse e suspendéronse os ensaios. Mentres grupos e artistas xeran iniciativas virtuais para soster a actividade creadora e a comunicación co público e cos seus colegas de todas partes, con eventos, maratóns, monólogos, conferencias e obradoiros en liña, como impulso vital para impedir que o teatro morra, moitos gobernos neoliberais, carentes de políticas culturais humanistas e indiferentes á necesidade de preservación e afirmación da identidade dos seus pobos, danlle as costas á cultura e ás súas artistas.
O movemento de teatro independente foi durante décadas baluarte fundamental da cultura da nosa América. O seu facer, comprometido co pobo e as súas loitas, reivindica a historia á luz do presente e, co punto de vista das persoas desposuídas, a recrea a través de linguaxes en consonancia cos seus contidos revolucionarios. Os grupos que integran este movemento xa estaban en crise cando os alcanzou a pandemia, pois non contan con subvencións nin apoios estatais regulares, nin seguridade social nin médica. Os teatristas, xunto con outros moitos núcleos de creadores, integran eses grupos esquecidos pola sociedade capitalista, aos que, como razoaba Boaventura de Sousa, lles foi máis difícil a corentena, pois xa padecían desvantaxes e discriminación.
Colectivos de sostida traxectoria como a Companhia do Latão, de Brasil; Contraelviento, de Ecuador; e a Casa del Silencio, Corfesq, Chango Teatro e La Maldita Vanidad, de Colombia, víronse obrigados a abandonar as súas salas, adquiridas e mantidas con moito esforzo, pola imposibilidade de costear os seus gastos, e hai moitas máis ao borde do peche. Así tamén se perderon dez locais da Red de Salas y Espacios Alternativos de Perú e a Tribo de Atuadores Ói Nóis Aqui Traveiz, de Brasil, tivo que lanzar unha campaña para tratar de salvar a súa rede.
Como reclaman nas redes Patricia Ariza, desde a Corporación Colombiana de Teatro, e Ana Correa, do grupo Yuyachkani, nunha mesa de mulleres pola cultura en tempos de pandemia, é necesario que os Estados declaren en emerxencia o sector da cultura e, en particular, o teatro.
As artes escénicas consúmanse na labor colectiva e no encontro vivo e próximo cos espectadores e, como defende o Movemento de Grupos de Teatro Independente do Perú, “é máis que un escenario e máis que un entretemento”. Se o Estado non reacciona, que pasará cos seus facedores, homes e mulleres consagrados a compartir palabras e imaxes co público, estimulados pola enerxía que rebota do outro lado da cuarta parede? Como salvaremos o legado escénico en vivo de tantos colectivos e a memoria que o transcende? Como nacerán as obras novas e acadarán os escenarios os novos actores e as novas actrices?
Xunto a moitas voces que se alzan na nosa América, a revista Conjunto expresa o seu apoio solidario aos teatristas latinoamericanos e caribeños, e defende o seu dereito á creación segura, con saúde e benestar, para o presente e o futuro dos nosos pobos.