in

Vigocultura programa 31 espectáculos neste outono

HamletChapito |
Vigocultura trae neste semestre un programa de 31 espectáculos que inclúen rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, microteatro e circo.

 

O pasado 12 de marzo decidiuse o peche de todas as instalacións municipais, entre a que se incluía o Auditorio Municipal, por mor da crise epidemiolóxica provocada polo Covid-19. Vigocultura tivo que cancelar un total de 10 funcións que estaban previstas para os meses de marzo e abril.

Desde o Concello de Vigo fíxose un esforzo xunto coas compañías para poder adiar todas estas funcións que tiveron que ser canceladas, un esforzo destacable xa que a programación para o segundo semestre estaba pechada con outras compañías, polo que houbo que ampliar datas de programación.

 

Máis espectáculos, datas e seguridade que nunca

A programación está composta por espectáculos de rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, microteatro e circo. Un total de 31 compañías e grupos que realizarán un total de 55 funcións.

A programación comezará na rúa do Príncipe, como ven sendo habitual, co espectáculo Flux de Zanguango Teatro, o día 25, e con Ulterior el viaje, de Tiritirantes Circo, o día 26. Ambos os dous días presentarase tamén, no anexo ao museo MARCO, o espectáculo de micro-teatro con monicreques Nada, da compañía de Javi Tirado.

O venres seguinte comezará a programación no Auditorio do Concello, que todos os venres e sábados exhibirá espectáculos para adultos coas novas producións de compañías como A Quinta do Cuadrante (O empapelado amarelo, 2 de outubro, que conta con tres nominacións aos Premios María Casares), Cinema Sticado (Pyka, 3 de outurbo), Jean Philippe Kikolas (Calor, 9 de outubro), Elefante Elegante (Dreaming Juliet, 16 de outubro), Teatro do Atlántico (A conquista da escola de Madhubai, 30 e 31 de outubro), La Quintana Teatro (O premio, 6 de novembro) ou Iron Skulls (No sin mis huesos, 20 de novembro). Yllana volve ao Auditorio Municipal co espectáculo The Ópera Locos, produción gañadora do Premio Max ao Mellor Espectáculo Musical que realizará dous pases, un o venres 27 e outro o sábado 28 de novembro.

Para os máis pequenos da familia, haberá programación todos os domingos de outubro e novembro pola tarde e os dous primeiros domingos de decembro en horario de mañá, con compañías como Vol’e Temps (Distans, 11 de outubro), La Machina Teatro (Olivia y las plumas, 18 de outubro), Talía Teatro (Lambetadas, 25 de outubro), Spasmo Teatro (Viaje al centro del cuerpo humano, 1 de novembro), Rolabola (Rock Cirk, 7 de novembro), Compañía Puntocero (Y ahora qué, 15 de novembro), Luna Teatro Danza (Blancanieves, 22 de novembro), ou Anita Maravillas (Jon Braun, 29 de novembro). Haberá tamén dous espectáculos de teatro para bebés nos meses de outubro e decembro: Crassh Babies 2.0, da compañía portuguesa We Tum Tum (4 de outubro) e Catro, de Caramuxo Teatro (6 de decembro).

Os espectáculos que se tiveron que cancelar nos meses de marzo e abril teñen novas datas dentro da programación Vigocultura nos meses de outubro, novembro e decembro. Así, Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia, poderá verse o 10 de outubro; Jauría de Teatro Kamikaze, o 23 de outubro; O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro, o 14 de novembro; Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas, o 11 de decembro; e Médula, de Exire, o 4 de decembro.

Como todos os semestres Vigocultura apoia ás compañías de teatro da cidade, propiciando a estrea de tres novos espectáculos: Feminísssimas, de De Ste Xeito Producións, o 13 de novembro; Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva, da compañía Olivas Negras, o 21 de novembro; e O Fiandón, de Teatro Aforo, o 13 de decembro.

Ademais a programación contará con tres compañías de Portugal: a xa mencionada We Tum Tum, a Companhia do Chapitô (Hamlet, 24 de outubro) e Teatro Art’Imagem (Armazenados, 7 de novembro).


Publicidade

 

Entradas e prezos

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 8 € en xeral, 10 € no caso de Yllana, e os dirixidos a público familiar de 5 €.

A partir de hoxe mércores 2 de setembro comeza a venda de abonos a través da páxina web de Eventbrite e a partir do 21 de setembro estarán á venda as entradas para espectáculos soltos e a venda presencial. Aínda que neste semestre priorizarase a venda online, estableceranse dous días de venda presencial anticipada na billeteira do propio auditorio, os luns de 18 a 20 horas e os venres de 10 a 13 e de 18 a 20 horas, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles). Como sempre, as entradas, non levan recargo por gastos de xestión e véndense sempre ao mesmo prezo, tanto online como no despacho de billetes.

É importante destacar que as entradas dos espectáculos adiados que tiveron que cancelarse polo COVID non serven para esta nova tempada ao contar con aforos distintos, polo que todas as persoas que aínda non recolleron o reembolso das súas entradas en Discos Elepé poderán facelo ata o vindeiro 30 de setembro na propia tenda de discos.

 

Protocolo Covid-19

Así pois, o Auditorio Municipal abre as súas portas cun protocolo Covid-19 específico. Un protocolo conservador cuxo único fin é garantir a seguridade de traballadores, artistas, técnicos e público xeral. Poderemos seguir desfrutando das mellores compañías de artes escénicas, con todas as garantías de seguridade.

O aforo do Auditorio Municipal, que en circunstancias de normalidade conta cunha capacidade para 285 persoas, redúcese a 83, garantindo a distancia mínima interpersoal recomendada polas autoridades sanitarias. No caso dos espectáculos para bebés, que se desenvolven no escenario do propio auditorio tan só poderán acceder 20 adultos cos seus bebés.

Será obrigatorio en todo momento o uso da máscara de protección a partir dos 6 anos e recomendable entre os 3 e os 5. O Auditorio Municipal contará con percorridos independentes de entrada e saída debidamente indicados, así como dispensadores de xel hidroalcohólico.

Priorizarase a compra online e o pago con taxeta de crédito para evitar no máximo posible o contacto físico e elimínase o punto de venda de Discos Elepé para concentrar toda a venda física no despacho de billetes do propio Auditorio e non se editarán programas en papel, estando dispoñible o código QR de descarga do programa completo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aladino2 |

A sala Ártika de Vigo comeza a temporada co I Festival Comediártiko

Afonso Becerra

Afonso Becerra recibe o Premio de Honra do Festival de Teatro Galego do Carballiño