A sala Ártika de Vigo comeza a temporada co I Festival Comediártiko

A sala Ártika de Vigo reabre, despois do parón obrigado pola pandemia, co I Festival Comediártiko, que se desenvolverá ao longo do mes de setembro e a primeira semana de outubro, e que contará con cinco compañías galegas: Talía Teatro, Chévere, Mofa e Befa, Teatro Avento e Enconarte Producións.

 

O festival, dedicado á comedia, iníciase a fin de semana do 5 de setembro con Talia Teatro e o espectáculo Voa Voa, un espectáculo dirixido especialmente ao público infantil mais para desfrutar en familia, para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras. Todas as tardes despois de merendar Xoana baixa a xogar ao parque. Alí coincide con Anxo, un neno introvertido que prefire estar na casa vendo a tele. Pouco a pouco vai entrando nos xogos que lle propón Xoana, todos aqueles xogos que lle ensinou a súa avoa. Unha montaxe na que ser proporá recuperar ditos, retrousos, xogos de man,…toda unha relación de ditos populares centrados nestas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. Un espectáculo para incentivar a xogar, pero sobre todo incentivar ás familias (nais, pais pero sobre todo avoas e avós) a furgar na súa memoria para recuperar e transmitir os seus xogos da infancia e o vocabulario que se empregaba.

As fillas bravas e o mito de Casandra, de Chévere serán os protagonistas da segunda fin de semana de setembro. As Fillas Bravas son tres pandeireteiras do lugar de Momán, parroquia de Trabancas, concello de Padrenda, que cantan coplas e contan contos escoitados ou inventados, con moita retranca e non menos sabedoría. Nesta nova obra, As Fillas Bravas usan as fontes do teatro clásico grego e da música tradicional galega como ferramentas para a sensibilización social sobre o impacto do cambio climático na nosa forma de vida. As Fillas Bravas e o mito de Casandra é, por un lado, unha obra na que tres mulleres maiores de aldea tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando a sabedoría popular; e por outro, é un espectáculo con perspectiva de xénero á procura de modelos de empoderamento feminino.

O día 18 de setembro, Teatro Avento presenta Como sobrevivir a unha apocalipse zombi, unha divertida e sorprendente master class, dirixida polo prestixioso Doutor Chamorro, na que o público porá a proba os seus coñecementos e a súa capacidade de supervivencia nunha Apocalipse zombi.

Os días 19 e 20, a mesma compañía presentará o musical Aladino e a lámpada marabillosa, versión musical dun dos máis fermosos contos de “As mil e unha noites” ambientada nun Oriente máxico e suxerinte. Posúe a forza, a vitalidade e o atractivo dunha historia exemplar onde os valores interiores das persoas importan máis que as súas aparencias. De esta forma resalta a importancia da autoestima; “A imaxe inflúe pero o verdadeiramente importante e ser ti mesmo”. Aladino é un bo rapaz que fai pequenos traballos para os mercadores de Agrabah co fin de conseguir unas moedas coas que mercar algo para comer. Pero os rumores sobre o seu bo corazón chaman a atención de Jafar, o malvado visir real, que utilizará os seus enganos para obrigalo a roubar a lámpada máxica da cova das marabillas. Por outra banda, no palacio, o sultán trata de atopar un bo príncipe co que casar a súa filla, sen o consentimento desta. Dous rapaces que viven realidades moi diferentes pero semellantes á vez e que, sen sabelo, necesitáranse mutuamente.

Os días 25, 26 e 27 de setembro Enconarte Producións levará á sala Ártika Monstruación. Dúas bonecas de Famosa e unha de Mattel vense desbordadas cando a súa compañeira de xogos e dona, unha nena chamada América decide abandonalas fronte unha vida chea de barreiras cíclicas para a muller…

Finalmente, a primeira fin de semana de outubro Mofa e Befa pecharán a mostra con Dúas pedras no camiño, un espectáculo antolóxico das pezas míticas que se manteñen na memoria do público: “Aquela obra que viche coa tua nai, agora podes levar ao teu neto” Ao longo da xira poden mudar algunha das pezas a requerimento do público ou dos contextos que aporte o lugar ou o tempo da representación. Sen dúbida, comezará con número titulado: “Os 33 reiseñores da Porqueira” que é o prólogo ideal para calquera evento e un dos números mais sutís e celebrados do dueto. Atrás deste virán os números culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema, a escritores inmorredoiros, ou as parodias do circo. O título, Dúas pedras no camiño xoga coas alusións á música popular e a sua filosofía, que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme, ainda que tamén lembra á función dos cómicos de seren unha pedra no zapato… en fin, rolar e rolar!

Deixar unha resposta