Cris Vilariño e Alberto Cortés abren o proceso de creación de Mano Dura o sábado 12 de setembro no Teatro Rosalía de Castro dentro do programa TRC Danza 2020. Un ano máis, o ciclo creado en colaboración co programa Residencias Paraíso do colectivo RP achega ao público as investigacións artísticas das creadoras contemporáneas.
Mano Dura é un proxecto de colaboración entre a bailarina e creadora galega Cris Vilariño e o dramaturgo andaluz Alberto Cortés que fala das crises familiares e dos modelos de educación a partir do proceso educativo particular de Vilariño e dos seus fillos adolescentes Lola e Nuno.
Por outra parte, con motivo da presentación de Oasís Paraíso – Mano Dura lánzase a publicación dun novo Pre-Texto (nº64) dentro da Programación Expandida do TRC Danza 2020. Nesta ocasión chega da man da bailarina e creadora galega Andrea Quintana e aborda as claves do proceso de creación de Vilariño: Que é educar? Para que te educan? Edúcante? Canto te educan? Onde te educan? Como te educan? Edúcote eu? Edúcasme ti?
Taller de públicos
Como vén sendo habitual, o TRC abre para a temporada de outono a convocatoria do taller de público(s) da man da investigadora e xestora cultural Sabela Mendoza e da artista e coordinadora do programa Caterina Varela.
O obxectivo é compartir e conversar sobre as distintas derivas que emerxen no campo da danza e da creación contemporánea, acompañando a programación anual do ciclo TRC Danza 2020. Trátase dun convite a todas as persoas interesadas en ampliar a súa mirada dende unha posición de espectadoras activas. Así, conforman as datas da tempada de outono: 30 de setembro, 14 de outubro, 11 de novembro e 9 de decembro das 19.00 ás 21.00 horas na Sala Xan Eirís do Teatro Rosalía de Castro.
Taller de Público(s) é unha actividade gratuíta e ten un número máximo de prazas limitado. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición a través do seguinte formulario.