in , ,

O FETEGA presenta o programa da súa 31ª edición

Os nenos da varíola
O Festival de Teatro Galego – Celso Parada vén de presentar o programa da súa trixésimo primeira edición que se desenvolverá no Carballiño do 23 ao 26 de setembro. Oito espectáculos e un abano de actividades entre as que se atopa a animación de rúa, as lecturas dramatizadas e dúas mesas redondas sobre igualdade configuran o cartel deste 2020.

 

O Auditorio Municipal do Carballiño acollerá catro espectáculo do programa, todos os días ás 20.30 horas. A compañía Cámara Negra é a encargada de abrir a programación do Auditorio con Clausura do amor, unha co-produción co Centro Dramático Galego. A partir do texto de Pascal Rambert, Carlos Álvarez-Ossorio dirixe o traballo de Teté García e Xosé Manuel Esperante nunha proposta que bebe do xogo visceral e salvaxe, non exento de humor ácido e corrosivo da ruptura dunha parella.

O xoves 24 de setembro será o día no que a compañía Pérez&Fernández presentará Os nenos da varíola no Fetega na que suporá a súa re-estrea despois do confinamento. Esta peza, creada en co-produción co CDG, é unha adaptación teatral da novela homónima de María Solar con interpretación de Manu Fernández, Vitoria Pérez, Jose Leis e Isabel Risco.

O venres 25 a compañía Ibuprofeno Teatro desembarcará en O Carballiño con O mel non caduca. Marián Bañobre e Avelino González protagonizan este traballo escrito e dirixido por Santiago Cortegoso no que se aborda a relación do ser humano cos obxectos, a obsolescencia programada e a degradación ecolóxica do planeta polo sistema capitalista.

A clausura do Festival terá lugar no Auditorio o día 26 coa entrega do Premio de Honra a Afonso Becerra de Becerreá e a estrea de A que non podes dicir cocacola? (II), de AveLina Pérez. Segundo a creadora, a proposta é unha nova confrontación unha nova “confrontación coa violencia e a capacidade de evasión que desemboca na indiferenza”.


Publicidade

Xunto coa programación no auditorio, a Casa da Cultura será espazo para o monólogo cómico ás 18.30 horas da man de Pedro Brandariz con Technologies (o mércores 23); Arantxa Treus con Sexo débil “O carallo” (xoves 24) e Diana Sieira con Sempre o pensaches pero nunca o dixeches (o venres 25). O sábado 26 será tempo para a performance con Literarias, un diálogo entre xéneros da man de Mariana Carballal, Silvia Penas e Isabel Blanco.

De igual modo, todos os días Barafunda será a compañía encargada da animación de rúa con actuacións ás 11.00, ás 17.00 e as 20.00 horas. Ademais, ás 16.00 o Festival presentará a lectura virtual de A farsa das zocas, de Carvalho Calero en colaboración con alumnado e profesorado dos Centros de Estudios Galegos de Braga, Lisboa, París, Vitoria-Gasteiz, Leipzig e Río de Janeiro. A continuación, a partir das 16.30 horas, desenvolverase a Escola do espectador que impulsa neste ano o Fetega.

Continuando co espazo dedicado ás mesas redondas sobre igualdade, o Festival contará con dúas mesas redondas coordinadas por Anabell Gago. A primeira mesa, gratuíta e aberta ao público, terá lugar na Casa do Concello ás 12.00 horas do xoves 24 e baixo o título “Muller pos-covid reconfiguración de roles”. Pola súa parte, a segunda mesa baixo o título ‘Mulleres creadoras nas redes sociais: liberación ou condena?’.

O xurado encargado de escoller os premios a Mellor Actor, Mellor Actriz e Mellor Espectáculo está formado por Nieves Álvarez, Miguello Blanco e Vicente Mohedano

Na imaxe: Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Microperspectivas dun marica millenial | Incendiaria

Cangas presenta a súa programación de outono 2020

Kopinxas. Trans(h)umância

VI Festival de Fazedores de Artes ‘Dos Modos Nascem Coisas’