in

Voadora estreará ‘Siglo mío, bestia mía’, dirixida por Marta Pazos, no Centro Dramático Nacional

Marta Pazos
©Vane Rábade
Siglo mío, bestia mía é a primeira das estreas que a compañía galega ofrecerá na tempada 2020/2021, na que leva á escena o seu terceiro Shakespeare, Othello, e na que renova completamente a súa identidade visual. | Foto: Vane Rábade |

 

Voadora comeza a tempada escénica 2020/2021 cunha estrea de primeiro nivel. A compañía galega, baixo a dirección de Marta Pazos, levará ás táboas no mes de novembro un novo espectáculo para o Centro Dramático Nacional: Siglo mío, bestia mía. A proposta, baseada no texto homónimo de Lola Blasco gañador do Premio Nacional de Literatura Dramática 2016, chegará por fin ás salas de teatro logo do aprazamento na primavera por mor do confinamento.

Siglo mío, bestia mía é unha coprodución de Voadora co CDN na que a directora Marta Pazos se mergulla “nunha obra deste tempo” a través de formas diferentes de entender o mundo. Desde a crise persoal da protagonista, até o terrorismo no mundo globalizado, a peza ofrece unha cartografía emocional para non perder o rumbo en tempo de catástrofes. “Siglo mío, bestia mía‘ é unha peza de apariencia fondamente dramática pero na que prevalece a celebración da vida”, apunta a directora. O espectáculo, que contará con Bruna Cusí (gañadora do Goya á Mellor Actriz Revelación por Estiu 1993), Miguel Ínsua, Hugo Torres, José Díaz, César Louzán e a propia autora do texto, Lola Blasco, no seu elenco, manterá un exquisito coidado dos elementos musicais, de iluminación ou da escenografía, xa que para Pazos esta é unha obra “case operística que abre un espazo á creación realmente estimulante”.

A première terá lugar o mércores 11 de novembro no Teatro Valle-Inclán de Madrid , e as entradas para gozar das funcións que se celebrarán até o 20 de decembro están á venda a través da páxina web do Centro Dramático Nacional , que vén de presentar a súa programación para a tempada.

A dramaturxia dirixida por Marta Pazos, galardoada este verán co Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño 2020, é a segunda creación que Voadora presenta este 2020 da man do CDN, logo da estrea en maio de Soy unha humana, unha videocreación rodada no confinamento que se deu a coñecer a través da iniciativa La ventana de la creación e na que a compañía reflexiona sobre a resiliencia e a capacidade do ser humano de adaptación ao medio. A execución desta coprodución confirma a estreita colaboración de Voadora coa institución artística e o propio Teatro Valle-Inclán, recinto que acolleu nos últimos anos funcións de espectáculos como Soño dunha noite de verán ou Garage.

 


Publicidade

Catro estreas na tempada 2020/2021

A estrea de Siglo mío, bestia mía o vindeiro 11 de novembro marcará o inicio dunha intensa tempada creativa na que Voadora estreará un total de catro espectáculos en todo o territorio estatal ademais dunha nova identidade gráfica, que reforza a imaxe rompedora e de vangarda dunha troupe que, coas súas propostas, é quen de marcar unha sutil diferenza e non deixar indiferente a ninguén: unha factoría nun constante estado de crecemento, capaz de xerar novas experiencias e preguntas sen resposta.

Entre as estreas dos vindeiros meses, atópase a terceira adaptación da compañía a partir dun texto de Shakespeare: Othello. O espectáculo, unha coprodución de Voadora co Teatro Nacional São João de Porto e MIT Ribadavia, presentarase na primavera e abordará como temas centrais as violencias machistas e a construción de mentiras e novas falsas, todo desde un enfoque feminista, tal e como desenvolve o seu traballo habitualmente Marta Pazos.

Antes, a propia directora artística e de escena de Voadora asumirá a dirección do It Teatre, un proxecto pegadóxico e innovador impulsado polo Teatre Lliure e o Institut del Teatre da Diputació de Barcelona dirixido ao alumnado recentemente graduado en artes escénicas e que culminará cun novo espectáculo que se estreará no mes de febreiro de 2021. Tamén nos primeiros meses do ano daranse a coñecer Sincro (cuxo work in progress se presentou en Italia en setembro) e novos espectáculos producidos ou dirixidos pola factoría creativa radicada en Santiago de Compostela desde o ano 2007 e que segue a impulsar, desde as periferias, proxectos situados na vangarda artística contemporánea.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AD5A6920 1 |

O Teatro do Noroeste – CDV continúa a súa xira internacional

Fariña | Touriñan e Marcos Pereiro

‘Fariña’ volve a Galicia despois da súa estadía en Madrid