in

Marta Núñez: “Unha administración non pode buscar rendibilidade na programación cultural porque é un deber e un dereito para todos e todas”

Marta Núñez | Programadora VigoCultura

Nos últimos meses, a programación teatral converteuse nun traballo de infarto e como responsable da programación de artes escénicas Vigocultura desde 2008, Marta Núñez vive en primeira persoa as súas esixencias. Licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña e funcionaria do Concello de Vigo desde hai vinte anos, Núñez leva traballando na Área de Cultura do Concello de Vigo desde o 2002, onde xestionou programas municipais como o Festival Internacional de Jazz Imaxinasons, o Festival de Música Are More ou o programa de teatro por barrios Vigo a Escena. Mediadora incombustible entre público e creación, a erregueté falou con ela para coñecer de primeira man algúns dos desafíos dos últimos anos e os retos que a programación impón en tempos de pandemia. |Vanesa Sotelo / Manuel Xestoso |

 

Nos últimos anos puidemos constatar un permanente entradas esgotadas no Auditorio do Concello a base dunha programación estable as fins de semana. Cales foron os desafíos da programación en Vigo nos últimos anos e as liñas de acción?

O desafío principal era a creación e consolidación de públicos. Foi unha tarefa complicada. O Concello de Vigo non tiña un teatro público e o público non estaba afeito a asistir ao teatro fóra da programación máis convencional que se desenvolvía no Teatro García Barbón. Aínda así, o meu antecesor na programación, Jesús Moure, sentou as bases da programación municipal impulsando proxectos como o teatro de verán, o Vigo a Escena, apoiando o Alt ou introducindo o Auditorio Municipal na Rede Galega de Teatros e Auditorios que xestiona AGADIC, sen este feito o Auditorio Municipal seguiría sendo un salón de actos do edificio consistorial. No ano 2008, cando tomei a responsabilidade da programación de artes escénicas, comezaron os traballos de remodelación do Auditorio Municipal. Este foi o punto de partida da programación Vigocultura coma hoxe está concebida.

Foi un traballo duro, de paciencia, insistencia e moitas horas, recordo funcións de grandes compañías como Titzina Teatro con 40 persoas no patio de butacas. A media de espectadores non chegaba aos 75 nos primeiros anos. A clave foi a forte aposta polo teatro que non chegaba ás plateas máis comerciais e a programación estable, ao principio, cada venres para público adulto, e os domingos para público familiar. O apoio político tamén foi incuestionable, ao fin e ao cabo son eles os que deciden ou permiten as políticas culturais dos concellos.
Os espectadores saían do Auditorio falando da programación Vigocultura e contándollo ao resto da xente. As experiencias familiares e para bebés tamén foron consolidando o público do futuro. A dez anos vista, os froitos empezaron a recollerse hai tres ou catro anos, cando Vigocultura realizou un salto cualitativo e cuantitativo, non só na oferta programática, senón tamén con respecto ao público.

Vigocultura vén de dar un exemplo de apoio ao teatro galego ao encaixar as 10 funcións que tiveron que suspenderse nos meses de marzo e abril no programa de outono con 55 funcións, como se xestiona esta adaptación?

Pois dándolle moitas voltas. A programación Vigocultura péchase con moitos meses de antelación e a programación do último trimestre estaba completamente pechada. Ninguén contaba con estas cancelacións. A nosa aposta estaba clara: non cancelar; pero non cancelar nin as do primeiro semestre, nin as que xa estaban programadas no segundo. Primeiro optamos por recolocar as do primeiro os sábados, pero hai que ter en conta que no Auditorio do Concello, ademais da programación Vigocultura, hai outras actividades a través do alugueiro ou cesión do espazo, que tamén había que recolocar. Así que a opción que nos quedaba era ampliar a programación ata o mes de decembro, mes no que non soemos facer programación Vigocultura. Os domingos de decembro, por exemplo, no Auditorio Municipal sempre soen realizarse actividades de nadal como concertos de panxoliñas, bandas, corais…, así que recolocamos a programación familiar Vigocultura en horario de mañá para poder manter o resto da programación prevista pola tarde.

Foi unha loucura, pero conseguimos manter o slogan #noncanceles, e facelo noso.

Nos últimos meses, o BOE e o DOG foron os grandes compañeiros de viaxe na programación, como se programa nun mundo pospandémico?

Na última edición que se celebrou do Festival de Jazz houbo unha frase que a equipa de traballo repetíamos continuamente “cando cheguemos a ese río cruzaremos esa ponte”. Nunca pensara que esa sentencia sería un continuo referente na programación postpandémica. Ese é o día a día, e a única clave é que toda esta tolemia non sería posible se non fora pola equipa de traballo de Vigocultura. Cada día agardamos as novidades, almorzamos cos boletíns oficiais e tomamos decisións. En principio traballamos coma se non pasara nada, e cando pasa, asumimos e actuamos. O ítem fundamental sobre o que traballamos é adaptarnos para que as compañías e o público sufran os menores cambios posibles. Unha administración non pode buscar rendibilidade na programación cultural porque é un deber, unha responsabilidade e un dereito para todos e todas. Para isto ten que haber unha engrenaxe que funcione perfectamente, non só a coordinación e xestión, senón tamén a venda de entradas, a equipa técnica, a xestión da comunicación…

O público tamén tivo que adaptarse ás novas medidas de seguridade, cales son as demandas do público e como é a súa actitude ante as novas condicións?

Creo que podo dicir que o público do Auditorio Municipal do Concello de Vigo séntese seguro. Desde o minuto cero, cando aínda estabamos confinados e en estado de alarma, o Concello xa estaba traballando nos protocolos COVID para a reapertura en setembro. A pesar das contradicións dos boletíns, a da incerteza que supoñían as medidas interpretables en moitos casos, o Concello decidiu priorizar a distancia social por riba de calquera outra medida de aforamento. É practicamente imposible que alguén se contaxie asistindo ao Auditorio. A distancia, o uso obrigatorio da máscara, os percorridos diferenciados de entrada e saída, a votación telemática…, está mal que o diga eu, pero creo que o estamos facendo moi ben, como na maioría dos espazos culturais.

O público tamén está sendo exemplar, entenden a situación e queren seguir indo ao teatro, e saben que para que isto continúe, todos e todas debemos achegar da nosa parte. Desde o primeiro momento a resposta foi incrible. As entradas para a programación Vigocultura xeralmente se compran nunha porcentaxe moi alta na billeteira, o mesmo día da función. Estabamos nunha media de entre 20 e 25 abonos por temporada. Nesta primeira tempada post-COVID vendéronse 75 abonos. É certo que o aforo está moi reducido, pero a xente tiña ganas de volver ao teatro.

Ante as restricións de mobilidade e a redución de aforos, como se presenta o futuro inmediato da programación de Vigocultura?

“Cando cheguemos a ese río cruzaremos esa ponte” (risas). Desde setembro o Auditorio Municipal do Concello de Vigo reabriu as súas portas cunha capacidade de 81 persoas. Hai uns días reduciron os aforamentos a un máximo de 60 persoas en espazos pechados. O aforo non depende de nada, dá igual que teñas un espazo de 1000 butacas, que de 200. Pensamos que o importante é a distancia, non as persoas, non é o mesmo ter a 60 persoas nun espazo para 1000, que ter a 60 persoas nun espazo para 200. As medidas que están tomando as autoridades sanitarias non teñen demasiada coherencia, pero non queda outra que asumilas e implantalas. A norma deixaba á elección solicitar a autorización para ampliar o aforo ata os 100, así que nós solicitamos manter o aforo en 81 e a Dirección Xeral de Saúde Pública autorizounos a mantelo. Ese é o aforo que temos agora mesmo, igual que o que tiñamos desde o principio da reapertura. Se mañá nos restrinxiran máis o aforo, adaptarémonos ás instrucións das autoridades sanitarias. A día de hoxe non contemplamos o peche ou a cancelación da programación Vigocultura baixo ningún concepto, a non ser que exista unha orde de facelo.

O informe sobre artes escénicas do Observatorio da Cultura Galega valora cun 9,11 a satisfacción dos espectáculos galegos pero a nota baixa ata 6,88 á hora de valorar a programación habitual e ao 7,55 á hora de avaliar as instalacións dos nosos teatro e auditorios. De igual modo, resalta a falta de formación entre as persoas encargadas da programación. Que pasos habería que dar para reforzar o sector da programación en Galicia?


Publicidade

No caso das programacións públicas a parte política, as estruturas e a propia función pública, condicionan a programación. As administracións públicas están xestionadas por políticos e funcionarios e o funcionariado, dependendo do grupo de adscrición e das súas responsabilidades, realizan, por norma xeral, traballos mecánicos (rexistro, información, validación de datos…). Para unha administración é complicado entender que a persoa que xestiona a programación de artes escénicas non se limita a cumprir un horario e tramitar contratos. Esta circunstancia, xunto coas directrices políticas e a falta de motivación e interese en moitas ocasións fan que as programacións non se realicen seguindo unhas liñas, tendo claros os contidos e chegar moitas veces ás preguntas vitais xa de partida: Por que? Para que? Para quen? Con que? O propio sistema limita os resultados e fai que en moitas ocasións esteamos ante espazos sen dotación, sen persoal, ou sen persoal cualificado, sen partidas orzamentarias, sen medios…

Por outro lado tampouco existe un concepto claro sobre a labor de un xestor cultural na administración, ata onde debe chegar, que capacitación e/ou formación debe ter. Existen técnicos e técnicas de cultura que fan a programación de teatro, de música, de exposicións, o nadal, o entroido…, esa é a habitual realidade e de aí os resultados que mencionas.

Asemade, creo que o papel dos xestores culturais dos concellos está infravalorado, seguramente moitas veces merecidamente, pero eu teño constancia de compañeiros e compañeiras formados, que sacrifican moitas horas do seu tempo para facer mellor o seu traballo.

Reforzar o sector pasa por, en primeiro lugar, empezar a tomarse en serio o papel da cultura na nosa sociedade e deixar de ser un sector “non esencial”.

Como ve o momento actual do teatro galego?

Estabamos ante un momento grandioso, froito do traballo de fondo das compañías e dos artistas. As novas fornadas viñan pisando forte, e, a pesar da ineptitude do sistema, da inexistencia de redes e de apoios institucionais, moitas compañías estaban a consolidarse debido ao seu bo facer. As novas linguaxes, combinado coa presenza do teatro galego que foi o xerme da creación actual, estaban a facer un tándem perfecto.

En que medida vai prexudicalo a crise resultante da pandemia?

Aínda non sabemos o alcance desta maldita crise. Non é o mesmo se conseguimos vencer ao virus en 2 meses que en 2 anos. Os resultados xa se están a ver: cancelacións, situacións tráxicas para moitos actores, actrices, técnicos…, pero as próximas semanas e meses van ser claves para saber se teremos que coidar de feridas leves, se teremos ao teatro na UCI ou nos cemiterios. As artes escénicas van en paralelo a pandemia. Espero poder dicir dentro dun tempo que comezamos a recuperación e que o paciente teña cura.

Como se coordinan coas salas independentes que existen en Vigo para non solapar as actividades?

Vigo é unha gran cidade cunha poboación que xa supera os trescentos mil habitantes. Nunha grande cidade non deberían existir problemas de solapamento de actividades, debería existir público dabondo para calquera tipo de programación. A programación do Teatro Afundación, do Mar de Vigo, do Ensalle ou de Teatro Aforo, é moi diferente á programación que facemos en Vigocultura, e diso tratamos precisamente. En canto á Sala Ártika, que é coa que máis podemos coincidir nalgunhas ocasións, temos constatado que hai público suficiente incluso para programar espectáculos do mesmo tipo á vez. A conexión con Ártika é total e ambos nutrímonos en moitas ocasións do outro. Non somos programacións rivais, senón complementarias en todos os sentidos. O poso escénico que lle chega ao público é fundamental para levar desde todos os escenarios da cidade, a escena actual aos cidadáns. De feito, está constatado que cantas máis salas e máis teatro ofrecemos nos distintos espazos, máis público temos en todas.

De que forma se consegue o equilibrio entre teatro galego e castelán, tendo en conta a gran diferenza existente entre os dous sistemas?

A prioridade do Concello de Vigo na programación Vigocultura sempre é o teatro galego, pero é verdade que existe unha parte importante da programación doutras partes de España e tamén de Portugal. En Vigocultura a base fundamental da programación é o visionado previo dos espectáculos. O deseño faise en xeral, tendo en conta que visionamos moito máis teatro galego e que o teatro de fora vese fundamentalmente nas feiras de teatro. Unha vez que temos claro o que queremos programar utilizamos as diferentes redes existentes para, se é posible, enmarcalo dentro dalgunha delas como pode ser a Rede Galega de Teatros e Auditorios ou o programa PLATEA, pero é importante dicir que estes circuítos non nos condicionan nin son excluíntes.

Cales son os proxectos para o futuro inmediato, tendo en conta a situación?

A pandemia está a introducir cambios non buscados que en moitos casos poderán quedarse, como por exemplo o voto telemático dos espectáculos, ou moitos protocolos sanitarios que pensamos que poden ser necesarios no futuro. En canto á programación o futuro está marcado pola propia evolución da crise. Eu son partidaria da non cancelación pase o que pase, ata que nos pechen os teatros por decreto, aínda que tamén é certo que hai cousas que escapan do meu poder de decisión. Se continuamos coas restricións de aforos, por exemplo, a miña idea é facer dobres funcións para poder compensar ao público que se está a quedar fóra de moitos dos espectáculos que estamos programando nestes momentos. A programación Vigocultura comezou con funcións os venres para público adulto e os domingos para público familiar. Pouco a pouco fomos engadindo algún sábado, nestes momentos xa facemos funcións todos os sábados e a miña intención é ir introducindo tamén pouco a pouco os xoves. Antes falaba de que Vigo é unha gran cidade, e unha gran cidade non pode restrinxir a súa programación ás fins de semana.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Carlos Alonso

Carlos Alonso: “Quen se dedica a poñer en pé espectáculos sobre o que nos rodea ten que desenvolver un sentido absoluto da observación”

Lara Hierro en FIOT en pausa

‘Lara Hierro: Monólogo para o corpo en movemento’ gaña o Premio do Público do Certame de Micro-escenas Metro Cadrado