Será certo aquilo de que as persoas que nos dedicamos ás artes escénicas somos “especiais”? Que non somos “normais”. Sobre a hipersensibilidade e a pel fina das persoas que nos dedicamos a isto poderiamos falar longamente.
Lembro as aulas de finais dos 90 de Albert Boadella no Institut del Teatre, cando nos dicía que calquera que se quixese dedicar ao teatro tiña que ter unha certa pulsión exhibicionista. Sobre iso escribiu no seu divertido libro El rapto de Talía. Se non che gusta expoñerte, entón no teatro tes pouco que facer. Incluso ao escribir unha peza ou ao crear ou interpretar unha personaxe estamos a expoñernos.
Tamén semella que no noso gremio os egos son algo importante, incluso, en moitos casos, máis do que os proxectos artísticos ou comunitarios. De feito, calquera proxecto artístico, no ámbito das escénicas, implica o traballo en equipa.
Ultimamente, desde que dirixo a Revista Galega de Teatro | erregueté, algo que fago de xeito altruísta e voluntario, observei como algúns egos, susceptibilidades, paixóns e inflexibilidade, nalgúns casos, se interpuxeron ou se puxeron por diante do proxecto común. Primeiro eu (ego) e os meus sentimentos e despois o proxecto común.
De xeito parecido, teño observado nestes últimos anos como algunhas compañías novas, que estaban a facer un traballo sorprendente e necesario dentro do panorama galego, desapareceron por cuestións persoais. Unha vez máis, as susceptibilidades, a pel fina, as subxectividades, a radical importancia das emocións e dos sentimentos de cadaquén, as filias e as fobias, pasaron por riba do proxecto artístico común.
Desde que volvín para Galiza isto sempre me chamou moito a atención. Na década que pasei estudando e traballando en Catalunya aprendín que as cuestións subxectivas e persoais eran algo para sacar só na casa e coas amizades máis achegadas, pero nunca nas reunións de traballo dun proxecto ou nos ensaios. O importante, nas reunións e no traballo en equipa, era buscar a máxima eficiencia. Non obstante, en Galiza tes que ir con coidado, case como se foses pisando ovos, para non ferir susceptibilidades nin egos, porque iso parece ser o que máis importa e pode foder ou dificultalo todo. O ego vén a ser como a leiriña, ten uns marcos e nin se che ocorra rozalos ou movelos un pouco. Teño visto, desde que estou en Galiza, nestes 15 anos, reunións de traballo no noso ámbito, nas que se montaban auténticos cristos por cuestións de egos e de susceptibilidades persoais. E teño asistido, con grande pesar, a como se disolveron compañías cun potencial artístico brutal. Incluso, como docente, teño constatado que o que máis lle custa ao alumnado da ESAD de Galiza, na materia que eu imparto, son os exercicios de dramaturxia colaborativa. Saber escoitar, saber ceder, saber propoñer e non impoñer, deixar na casa algunhas filias e fobias e aparcar a afectación do ego, son algunhas das competencias máis difíciles.
Hai unhas semanas, comenteillo a un colega que sempre traballou aquí, no teatro, e non me quitou a razón, pero engadiu cos ollos vidrosos: non te dás conta que en Galiza e máis aínda no noso sector, no que todo é tan difícil e precario, o amor propio está moi baixo e ferido. E deixoume cavilando e aínda sigo dándolle voltas a este asunto.