in

STRPTS // Fin de tempada

STRPTS // Fin de tempada Cinema Sticado
Mercedes Moralejo

Quen move os fíos?

 

O colectivo Cinema Sticado vén de presentar un novo episodio da súa serie de cine ao vivo STRPTS (léase “estriptis”) na Sala Ártika de Vigo. Con esta presentación, amósannos de novo un xeito especial e particular de achegarse ao espazo escénico, algo que os caracteriza como unha das presenzas máis estimulantes dentro do panorama das artes plásticas galegas.

Artes plásticas? Ben, non puramente. Como calquera que teña visto as súas propostas, Cinema Sticado utilizan a tecnoloxía en todas elas como unha das bases artísticas. A capacidade de xerar contidos plásticos a partir de programas informáticos en directo é unha das características que fai únicos os seus espectáculos. Así, todo o que vemos acontece inmediatamente: diálogos, voces, proxeccións, música ou fallos da wifi.

Este xeito de presentarse en vivo achega a proposta ao eido teatral, mais con todo, o que vemos é “cinema en directo”, ou o que é o mesmo, a filmación e proxección en tempo real das imaxes e secuencias dunha historia. Se facer iso non é arte, que veña quen o teña que ver e o vexa.


Publicidade

Tódolos elementos da proposta están xerados de acordo a unha mesma tese: facer unha reflexión sobre o mundo no que vivimos e a liberdade de elección da casta humana, poñendo de manifesto os fíos cos que todxs estamos sendo manexadxs. Así, o feito de ver os actuantes (Xosel Díez e Helena Varela) movendo as figuras de papel polos decorados, gravando imaxes e son ou falando entre eles, forma parte dun mesmo discurso. O mesmo que o feito de facer eles mesmos os seus programas informáticos ou que o cartón que utilicen para a profusión de maquetas (que xentilmente sempre deixan visitar logo do espectáculo) sexa reciclado.

Se cadra, a historia que nos propoñen é o menos importante unha vez atendemos ao despregue de medios e ao discurso metateatral. Aínda así, o certo é que Cinema Sticado logra meterme como espectador na trama e atender ao mundo psicodélico de Mirlo e Rula e o seu maletín con poderes extraordinarios, esquecendo un tanto a tecnoloxía que o rodea. O feito de que a historia estea manipulada por unha elite, non deixa de abondar na súa proposta de facer explícito o xeito no que a humanidade se move coma unha marioneta, sen darnos conta.

Así, a presentación de diferentes dimensións nas que atender ao espectáculo convértese nun eixe dramatúrxico de primeiro grao. Os actuantes Helena e Xosel moven os monicreques ao tempo que estes aparecen en pantalla, propoñendo unha historia que se ve afectada pola mesma interacción dos actuantes coa historia (xa que a eles lles acontecen tamén cousas co que ven), o cal, ao mesmo tempo, verase afectado pola relación entre os mesmos actuantes, algo que, ao meu persoal xuízo, penso deberían aínda explotar máis e levarnos alén das dimensións coñecidas.

STRPTS // Fin de tempada, Cinema Sticado

Humanos en directo: Xosel Díez e Helena Varela
Creación: Xosel Díez e Helena Varela
Dirección: Xosel Díez
Textos: Julio Fer e Xosel Díez
Asesoramento dramatúrxico: Noemi Rodríguez
Debuxos: Xabi Varela
Programación Pure Data: João Pinheiro
Iluminación LED: Man Núñez
Decorados: Nola Rivera
Fotografía: Mercedes Moralejo

Sala Ártika, Vigo. 8 de xaneiro de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cuestión de egos Afonso Becerra de Becerreá

Cuestión de egos

o charco de ulises |

O CDG estrea ‘O charco de Ulises’, primeira produción do 2021