O novo espectáculo da compañía preséntase mañá, sábado 27 de febreiro ás 20.00 h., no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Entradas á venda nesta ligazón.
Sabías que se conservan mais de 400 milagres de Santa María, en códices do século XIII en galego? Sabías que a Divina Señora adquiría as formas máis sorprendentes para axudar ás persoas infelices que llo pedían? Sabías que nos tempos de medo e incerteza que estamos a vivir, hai millóns de persoas que siguen a pedir un milagre de María, a Estrela Matutina? Sabías que a maioría dos milagres da Señora serían hoxe condenados pola igrexa e perseguidos polo código penal?
Para contar todas estas cousas, Producións Teatrais Excéntricas presenta Estrela do día, unha comedia divina, chea de cor, de música, de misterio e de humor. A palabra poética dos códices foxe do libro e encárnase na escena. As personaxes saen das miniaturas medievais e chegan aos nosos días da man e do talento de Evaristo Calvo, Rocío González, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez.
Estrela do día é unha experiencia para o público recuperar a fe no teatro, o único lugar onde o milagre aínda é posíbel. Baixo a batuta de director Marcos PTT Carballido, experto milagrista, os comediantes levarán de novo os prodixios de María ante os asombrados ollos dos espectadores mais descreidos: a apoteose da nova inocencia, a inxenuidade regresa para salvar o mundo. Para isto, Marcos Carballido, acostumado a facer maxia por todo o mundo co seu “Retrete de Dorian Gray”, abrirá o cofre dos seus monstros preferidos: Quico Cadaval nos textos; Laura Iturralde na escena iluminada; Uxía Vaello nas roupaxes; Nacho Muñoz no deseño sonoro; e a cumplicidade imprescindible dos partenaires do mago, Ezra Moreno nos artefactos, Carlos Santiago nas palabras segredas, e Guitián nas miniaturas.
Estrela do día tiña prevista a súa estrea para o 5 de febreiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, mais as restricións sanitarias adiaron esa función, sendo a estrea este sábado 27 de febreiro no Teatro Rosalía da Coruña. Trala cidade herculina, a primeira parte da xira de Estrela do día visitará Lugo (4 de marzo – Mostra de Teatro Clásico), Muros (10 abril), O Barco de Valdeorras (14 maio), Narón (22 de maio) e Santiago de Compostela (3 e 4 de xuño). Estrela do día conta co apoio das subvencións á produción escénica de AGADIC.
Ficha artística e técnica
Elenco: Evaristo Calvo, Rocío González, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez
Espazo Escénico e lumínico: Laura Iturralde
Deseño de son: Nacho Muñoz
Vestiario: Uxía Vaello
Construciónde escenografía e atrezzo: Ezra Moreno
Deseño gráfico: Alberto Guitián
Fotografía: Sabela Eiriz
Produción: Rubén G. Pedrero
Axudante de dirección: Carlos Santiago
Autoría e dramaturxia: Quico Cadaval
Dirección: Marcos PTT Carballido