O Cercle Artístic de Menorca abriu onte, primeiro de marzo, a convocatoria do XLVI Premi Born de Teatro 2021. A diferenza doutros anos, as autoras e autores só poderán achegar unha única peza inédita en formato dixital. O prazo de recepción de orixinais remata o próximo 1 de xuño do presente ano.
O Premi Born de Teatro chega á súa cuadraséxima sexta edición. O Cercle Artístic de Menorca fixo públicas as bases para este 2021, nas que se modifican dous aspectos con respecto a anteriores convocatorias: as autoras e autores poden presentar unha única obra en formato dixital, coa condición de non ter sido premiada premiada antes do veredicto final do xurado. As pezas presentadas deben ser inéditas e estar escritas en calquera das dúas linguas oficiais das Illas Baleares. A dotación manténse en 14000 euros, ademais da edición do texto nas catro linguas oficiais do Estado.
O prazo de admisión de orixinais vai desde o 1 de marzo ata as 23: 59 h. do 1 de xuño de 2021. O veredicto do xurado farase público o día 23 de outubro de 2021, no transcurso do acto de entrega que terá lugar no Teatre des Born.
Desde hai anos, a edición en galego dos Premi Born corre a cargo da erregueté | Revista Galega de Teatro. A última das pezas publicadas foi Os satélites de Ricardo Gázquez, con tradución da poeta Tamara Andrés, no número 100 da revista. O próximo número 101 da erregueté presentará a peza gañadora da anterior edición do Born: El cos més bonic que s’haurà trobat mai en aquest lloc, do dramaturgo catalán Josep Maria Miró i Coromina.
Así mesmo, no marco da celebración do XLVI Premi Born de Teatro, o Cercle Artístic convoca a VII Residencia de Creación Teatral, unha iniciativa dirixida ás compañías teatrais e/ou proxectos escénicos aos que o Cercle ofrece unha estancia de dúas semanas (do 7 ao 21 de outubro de 2021) para desenvolver a súa proposta artística, finalizando cunha representación/ensaio da montaxe aberta ao público. O prazo de presentación de proxectos para esta residencia é, tamén, ata o 1 de xuño de 2021. A compañía gañadora darase a coñecer o 1 de xullo de 2021.
Bases do XLVI Premi Born de Teatro e da VII Residencia de Creación Teatral