Crítica

Tórtola

Foto de Vicente A. Jiménez

Un corazón (en formol)

 

Cando morre alguén e temos que recoller cada unha das súas pertenzas, metelas en caixas e preservar o recordo dos trebellos, non podemos deixar de mirar cara atrás. Poden os obxectos falar da vida das persoas? Sen dúbida, si.

A morea de maletas, baúis e burras con vestiario exótico que enchen o espazo escénico de Tórtola, a produción do Institut Valencià de Cultura sobre a vida da bailarina e artista Carmen Tórtola Valencia (Sevilla ,1882 – Barcelona, 1955), din moito dela.

Unha artista que innovou na danza, recorreu medio mundo, se relacionou coas elites e apenas é coñecida (e recoñecida no noso país). Navegar pola rede e investigar sobre Tórtola Valencia é apaixonante pero á vez supón ver como a súa figura quedou reducida a un só relato. A mesma historia que repiten as reportaxes sobre a súa figura sen ir máis alá. Un alá ao que tenta chegar esta montaxe con texto de Begoña Tena e froito dunhas residencias de dramaturxia organizadas pola entidade pública valenciana. O que demostra que estas iniciativas públicas son fundamentais para a consolidación da dramaturxia de calquera cultura. A Asociación de Escritores e Críticos Literarios de Valencia considerou que era o mellor texto teatral de 2019 e a montaxe foi unha das triunfadoras dos Premios das Artes Escénicas Valencianas.

Sobre as táboas, seis mulleres que enchen de vida o cosmos de Carmen Tórtola nunha peza musical sen excesos, comedida e ás veces un tanto soporífera. Pero isto non é malo, porque non é un musical de Broadway, nin se busca a espectacularidade. A dirección de Rafael Calatayud é sinxela, deixándose levar polo texto e chegando a construír unha peza con toques de melodrama. É unha dirección que ignora por completo a escenografía deseñada por Luís Crespo. O soto do teatro, o espazo onde descansan as pertenzas da artista, só funciona como background. Por que non empregar, sendo este un musical no que se danza e se canta, a escaleira e pasarela superiores? Por que non xerar niveis e crear máis dinamismo? Por que desaproveitar tanto as posibilidades de ter tres actrices-bailarinas con carácter, forza e poder de cativar ao publico?

Tamén… que importante é a forma de dicir sobre a escena! Que difícil é entrar como espectador nunha peza cando algo renxe no código empregado! Porque esa é a verdadeira mágoa desta proposta: a impostación que se dá nos primeiros minutos da peza. Coido que é unha cuestión de escola, de oficio, de estilo, de modas… Pode que un estea xa acostumado a unha forma de dicir máis visceral, menos estilizada ou pomposa… pode que máis costumista. E isto afástanos do personaxe.

Sen dúbida, a fermosa caracterización e danzas de Anna Casas, Anaïs Duperrein e Alejandra García conseguen que os espectadores e espectadoras se transporten aos anos 20. As miradas e as belezas son de época, coma os carteis publicitarios que Tórtola protagonizou. Elas constrúen os momentos visuais máis fermosos e sutís. A impoñente forza de Marta Chiner, que interpreta á conservadora Pilar Millan Astray, non a converte nun personaxe maniqueo. Ao contrario, fainos axexar o carácter dunha muller sometida polas circunstancias e, ao mesmo tempo, coas ganas de resarcirse das humillacións que sentiu no pasado.

María Jose Peris interpreta a unha Tórtola mística, idealista e chea de contradicións. A figura da feminidade máis madura, grandilocuente é, ás veces, toda unha caricatura. Porque a Carmen Tórtola de Begoña Tena bebe diso, do extremo e da sutileza; de continuar coa mentira ou de desbotala. Foi Carmen Tórtola quen custodiou o corazón do presidente da Generalitat Francesc Macià? Nesta historia a artista é quen garda durante anos a víscera do político catalán, símbolo da ansiada república catalá, ao estilo da momia de Lenin. Un ideal que fracasará, como tamén a custodia do corazón en formol que llo dará a comer a Nero, o seu can.

De aí que esta peza ao final non fale tanto da artista e si do amor. Un amor que ao comezo da representación cremos que é fraternal: “Adiós, mamá”, di Ángeles (interpretada por Resu Belmonte) para ao final ser un amor de parella, de confidentes, de mulleres libres. Unha relación na que se interpón a sociedade pero tamén os fracasados ideais catalanistas da artista. Porque Ángeles Magret non só era a asistente de Carmen Tórtola, tamén era filla e amante. Amante por amor e filla por obrigación, pois a artista tivo que adoptala para evitar problemas cunha ditadura franquista que perseguía aos homosexuais.

Aínda así, o valor desta peza non deixa de ser a recuperación da figura de Tórtola Valencia nunha conxunción de realidade e fantasía. Co suxerido e o explícito. Ten humor en pequenas doses, boas voces e a capacidade de levar á espectadora, ao espectador, a décadas pasadas. Non deixa de ser unha montaxe de actrices e de texto, na que a música é un acompañamento que ilustra pero non condiciona a historia (como si fan os musicais). Ogallá máis proxectos que recuperen e dignifiquen as figuras do pasado como Tórtola, como María Casares, como Antonio Molina, Maruxa Mallo, las Sinsombrero…

Ficha artística

Tórtola, de Begoña Tena

Dirección: Rafael Calatayud.

Reparto: María José Peris, Resu Belmonte, Marta Chiner, Anna Casas, Anaïs Duperrein, Alejandra García e Adrián Novella.

Deseño de iluminación: Carles Alfaro.

Dirección musical e adaptacións: Víctor Lucas.

Deseño de espazo escénico: Luis Crespo.

Deseño de vestuario: Carmen Arce.

Produción: Institut Valencià de Cultura.

Naves del Español en Matadero – Sala Fernando Arrabal de Madrid, 23 de febreiro de 2021.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!