A Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) foi galardoada co Premio da Cultura Galega 2020 na modalidade de Artes Escénicas.
Presidida por Alberto Núñez Feijóo, a Cidade da Cultura acolleu o pasado 8 de abril a entrega dos Premios da Cultura Galega 2020 na que foron recoñecidas e recoñecidos Ledicia Costas (Letras), Xurxo Lobato (Artes Plásticas), a Central Folque (Música), Chema Prado (Audiovisual), Xosé González (Lingua), a Fundación Penzol (Patrimonio Cultural) e a responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj (Proxección Exterior).
Chelo Pampillón recolleu en nome da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) o galardón de Artes Escénicas da man de Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega. No seu discurso de agradecementos salientou a traxectoria da federación e os seus principais logros e reivindicou a formación e a creación de público como ferramentas clave do teatro amador galego.
Foi o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o encargado de abrir o acto e o presidente da Xunta de Galicia de pechalo con palabras para os fundadores da FEGATEA, a función da federación na promoción do teatro galego e a PLATTA (Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador).