Fracaso, fantasía e paraíso
Quen non ten soños nin fantasía é incapaz de crear vida ou de contribuír a súa mudanza. Quen soñou que o ser humano podería voar ou viaxar por debaixo do mar foi quen impulsou o proxecto para os avións ou os submarinos. Estes exemplos, vistos desde hoxe, fannos pensar na utilidade, se cadra a longo prazo, da imaxinación e da fantasía. Mais tamén é útil o erro e o fracaso dos que tanto podemos aprender. E tamén é útil o inútil, todo aquilo que non ofrece unha compensación directa ou explícita.
As artes, en xeral, e as escénicas, en particular, que non se poden coleccionar en galerías ou museos e non se poden revalorizar economicamente, poden ser un exemplo excelso da capacidade do ser humano para soñar, imaxinar e flipar. E isto é o que nos propón, directamente, ArtesaCía na súa última peza, Illas desertas, que se estreou o 23 de marzo de 2021 no Auditorio Municipal de Tui (Pontevedra).
Unha peza literalmente fantástica. Non só polas súas formulacións utópicas respecto a unha vida menos produtiva e máis aventureira e amorosa coa natureza que nos acubilla, senón tamén, fantástica, polas imaxes oníricas e pola interacción humana e tecnolóxica con nós.
Trátase da primeira peza do teatro galego, da que eu teña noticia, que, con máis intensidade e calidade, utiliza a tecnoloxía dos nosos teléfonos móbiles, para complementar e animar o xogo teatral, do que somos dobremente partícipes.
Así, por exemplo, a platea pode converterse nun mar polo efecto das pantallas dos teléfonos, iluminadas en cor azul e pola emisión de sons mariños. Un mar sobre o que se invoca a navegación do explorador Ernest Shackleton. Igual que se evoca a aventura, tamén frustrada e inútil, do voo transoceánico de Amelia Earhart. Dúas historias de lenda fantástica que Illas desertas toma como base para o xogo escénico, expandido e compartido, por obra e graza da tecnoloxía, co público.
A través dunha aplicación para dispositivos móbiles, a equipa artística envíanos imaxes documentais durante as transicións entre os cadros teatrais. Ademais, tamén recibiremos interpelacións e convites para movernos, para erguernos da butaca, para elevar os brazos, para cantar ou para corear algunha frase, como nunha viaxe de excursión. Deste xeito, o individualismo e a separación que poderían promover os teléfonos móbiles, utilízase, contrariamente, para xerar comunidade e para intensificar a experiencia artística.
Artesanía, tecnoloxía, soños compartidos e moi bo rollo. O debut de Héctor Pazos como actor manipulador de trebellos tecnolóxicos, xunto a Susana Méndez, e como músico e xerador de espazos sonoros e lumínicos. Laura Villaverde, como sempre, coñézoa desde que era alumna na ESAD de Galiza, desprendendo esa luz e esa simpatía tan súas, con ese halo entre melancólico, lúdico e aduaneiro. E Roi Fernández, sempre tan real, como unha crianza a xogar con todos eses trebellos, maquetas, bonecos e dispositivos que sabe manexar con habelencia de mago.
Flores, pingüíns, barcos, avioneta, un dron sobrevoando o palco e filmando, desde o ar, unha película en directo, Laura evocando a Amelia Earhart, Roi a Ernest Shackleton, unha enorme membrana abríndose e tinxíndose de cor… A platea convertida nunha extensión do escenario. Momentos de emoción estética, combinados con momentos de reflexión, a partir do relato mítico desas dúas figuras de triunfante fracaso. Todo isto e máis, para unha peza que leva o teatro, como tamén acontece en Galiza coa Cía. Cinema Sticado, cara a unha cuarta dimensión que nos saca, felizmente, dos lugares habituais.