in

Ultimamente non leo moito teatro

Día Mundial do Libro

O Día do Libro non é o Día do Teatro. Porque xa hai un día que é o Día do Teatro. O Día do Libro tampouco é o Día da Poesía, porque xa hai un día que é o Día da Poesía. O Día do Libro é o Día da Novela. Os libros son novelas. Cando a xente le, ou fala de ler, refírese a que le novelas. Ou nin iso. A xente di ler libros cando en realidade len manuais de autoaxuda para perder peso. Como moito unha biografía ou un ensaio.

Pero non é o mesmo ler un libro, así a secas, que ler ficción. Déixao ben claro Alfonso Berardinelli no seu libro Leer es un riesgo (Círculo de tiza): “Leer es un lujo, un impulso noble o ligeramente perverso, un vicio que la sociedad no censura”. Tamén di que é contaxioso e que non é necesario. Está claro que se refire a ler ficción. É a ficción (incluso se é autoficción ou mesmo non-ficción) a que nos abre a mente. A que nos fai pensar. A que nos evade e nos transporta. E aí é onde nos xuntamos a narrativa, a poesía e o teatro. Abofé, tamén o teatro.

Pero… Ler teatro? Para que? Que interese pode ter alguén en ler iso? Alguén realmente le os prospectos dos medicamentos? Para que quedarnos co guión cando podemos ver a peli?

Cando lle comentei ao meu alumnado de 2º e 3º da ESO  que a lectura obrigatoria da terceira avaliación ía ser un libro de teatro (Dormente, de Raquel Castro para 2º e A cámara escura, de José Luis Baños de Cos para 3º) a reacción maioritaria foi diferente á do trimestre anterior, cando lles dixera que ía ser poesía e responderan en masa “Buf, que preguiza!”. Esta vez a resposta foi “E iso que é?”.

Confeso que ultimamente non leo moito teatro. Pero a razón non é a que pensades.


Publicidade

Moitas críticas de supostas boas novelas din: lese dun tirón. É difícil non ler teatro dun tirón.  O paso dos diálogos e as escenas engancha sen cliffhangers. O pracer de completar coa imaxinación o que pasou durante a elipse que separa dous actos é maior canto máis se xunte no tempo real a lectura deses dous actos. Para ler teatro toda lectora ten que converterse en directora, e non temos unha voz narrativa que nos bote unha man cos detalles. A xente pensa que cando le teatro ten que ler todas as acoutacións, incluso que ten que respectalas. Estamos acostumadas, a persoas lectoras, a que se nos acompañe, a que nos transporten e nos arrolen. Pero a lectura teatral non é unha masaxe terapéutica. Poder ser demasiado intensa. Pode, efectivamente, facer que algo mude dentro de ti. Supoño que estas son algunhas das razón polas que ultimamente non leo tanto teatro. Como podes poñerte a preparar unha tortilla francesa cando o incerto señor Don Hamlet acaba de pendurarse dunha corda? Como podes poñer a mesa para que cando cheguen as amizades o teñan todo preparado se non podes vivir sen saber se Godot vai chegar? Non se pode. Non é fácil, nada fácil ler teatro e á vez vivir a vida normal. E eu sei, recordo, non esquezo, o que se sente.

Lembro a sensación da viaxe. A música dos silencios en Pinter. A vertixe do salto entre unha escena e a seguinte en Brecht. A violencia dos diálogos en Liddell. A elegancia dunha didascalia de Manuel Lourenzo. As palabras demasiado exactas en Churchill. As decisións tan difíciles en Ibsen. O tempo tan lento e agradable en Chekhov. Lembro a forza das palabras en AveLina Pérez e as fervenzas verbais en Carrodeguas. Non esquezo as procuras en Becerra nin as verdades en Gayo. Sei o que se sente nos mundos de Sotelo e nos xoguetes de Ferreira.  Sei o que se sente nas vidas de Salgueiro e Dans, nos tempos de Pernas e Pazó. Nas mulleres de Torres. Nas ás de Pisón. Nos planos americanos de Bolaño.

Pero ultimamente (e agora é cando explico o clickbait) teño que vivir. Teño que vivir a vida das mañás e as tardes. A vida das comidas e as roupas.  A das noticias. A das notas. A vida que vén dada. A que hai. A que toca.

Por iso ultimamente non leo moito teatro. Nin tomo drogas ilegais. Nin monto en montaña rusa. Nin participo en orxías. Nin penso moito sobre algo.

Roi Vidal Ponte

Roi Vidal Ponte

(Santiago de Compostela, 1982). Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e egresado en Dirección de Escena pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Docente, investigador, director de escena e escritor. Como dramaturgo gañou o XII Premio Abrente con 'Poesía. Instrucións para montar unha escena de cama' (2017) e o XII Premio Barriga Verde con 'Marcha fúnebre para un monicreque' (2017); foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales co texto 'O asasinato de Zinaida Reich' (2016) e participou no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG con 'Boisaca ou a divina desgraza', que foi unha das obras elixidas para formar parte do espectáculo 'Neorretranca e posmorriña' (2019). Exerceu a crítica teatral no Faro de Vigo e na erregueté. É membro co-fundador de DramaturGa (Asociación de Dramaturxia de Galicia) e da sección teatral O Galiñeiro, do xornal Praza Pública. Na actualidade
forma parte do Consello de Redacción da erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

6coreógrafas

6coreógrafas: fin de semana de danza na Estrada

Diana Mera

Diana Mera: “Soga e Cinsa emerxeu dunha ferida moi grande que estaba por sandar”