As dramaturgas Paula Carballeira, Esther Carrodeguas, Manuel Cortés, Carlos Santiago e Xesús Ron compoñen o equipo encargado de escribir as pezas para esta ficción sonora de Chévere.
O proxecto de ficción sonora para a recuperación da memoria do barrio santiagués de Vite, Dramawalker, avanza coa selección dos contidos que serán utilizados na dramaturxia a cargo de Paula Carballeira, Esther Carrodeguas, Manuel Cortés, Carlos Santiago e Xesús Ron. Este equipo profesional de autores e autoras en galego elabora as cinco pezas previstas na iniciativa promovida polo Centro Dramático Nacional (CDN) en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) e o Grupo Chévere.
A iniciativa, que se lle presentará ao público no mes de xuño a través dun percorrido guiado a pé ata Vite que partirá desde a Rúa Nova (onde se sitúa o Salón Teatro, sede do CDG), insírese na liña de apoio á dramaturxia de autoría contemporánea da compañía de teatro institucional galega, ao tempo que pon en valor a cooperación entre entidades culturais públicas e privadas.
Dramawalker Vite comporase a partir da escolma da documentación e de diversas historias conseguidas nun traballo de campo previo. Así, por exemplo, centraranse nunha visión do cotián desde dentro dunha familia que viviu nos bloques de edificios de cor marrón, característicos do barrio, e nun achegamento ao movemento veciñal que loitou pola mellora das condicións de vida da zona. Tamén se vai abordar a problemática da reinserción social das persoas con problemas de drogadicción ou que viviron de preto a enfermidade da sida. A recuperación da historia da Ponderosa, un poboado instalado entre Guadalupe e San Caetano para acoller centos de veciños desafiuzados doutras partes da cidade durante as décadas de 1960 e 1970, é outra das temáticas que se vai ver reflectida no proxecto.
Colaboración da veciñanza
Para a escrita dos textos dramatizados estase a contar co material obtido tras un intenso traballo de investigación e documentación realizado coa axuda da Asociación de Veciños Polígono de Vite, a Coordenadora do Barrio, a iniciativa Vite Arquiva e da veciñanza e persoas vencellados ao barrio por razóns vitais e profesionais. Nos últimos meses realizáronse unha ducia de encontros e entrevistas, así como consultas nos fondos documentais de Vite Arquiva e mesmo se estableceu contacto co grupo de antropólogos do INCIPIT-CSIC, ademais de percorrer en diferentes ocasións o barrio con veciños e veciñas como guías.
Elaborados os contidos, a previsión é realizar no mes de maio a selección de actrices e actores que lles porán voz ás personaxes de cada relato, coa súa gravación en estudo e na rúa baixo a produción sonora de Xacobe Martínez Antelo.
Ficcións sonoras xeolocalizadas
Dramawalker é un proxecto orientado a crear ficcións sonoras xeolocalizadas como memoria viva dunha cidade emprendida polo Centro #Dramático Nacional coa veciñanza de tres cidades españolas. Xunto ao barrio compostelán de Vite, participan nesta primeira edición A Cañada Real de Madrid e O Poblenou de Barcelona.
Así, a partir da información proporcionada pola veciñanza destes barrios, do seu encontro cos dramaturgos e dramaturgas e coa mediación de asociacións locais, estanse a crear as ficcións sonoras que se poderán escoitar a través dunha plataforma tecnolóxica mentres se transita polas rúas onde acontecen esas historias.