A danza é xenerosa. Máis aínda, semella que non pode haber danza sen xenerosidade, sen esa entrega do corpo, da presenza, que nos remite a un aquí e un agora compartido. O nome, polo tanto, xa é ben acaído: Atopémonos Bailando. Así chamaron Esther Latorre e Hugo Pereira —Colectivo Glovo—, ás xornadas que impulsaron en Lugo, e que tiveron a súa primeira parte en decembro de 2020, coa residencia e a mostra da súa peza Mapa, e a segunda en abril de 2021, con actuacións e obradoiros de varias compañías galegas.
Dalgunha maneira, os dous quixeron, con esta iniciativa, programar como danzan, tamén de xeito xeneroso. A parella de bailaríns instalouse na cidade no ano 2019. Dela é oriúnda Esther, que se graduou no seu Conservatorio Profesional de Danza. Hugo é do Porto, e rematou os seus estudos no Conservatorio de Danza de Aveiro. Os dous comezaron a traballar xuntos no 2016 despois de formar parte de distinas compañías en España e Portugal. Curiosamente sobre fronteiras e liñas que separan unhas vidas das outras pivota esa primeira creación que os uniu e os levou por Portugal, Italia ou México. Coa decisión de asentar a súa compañía en Lugo estaba tamén o desexo de crear redes e encontros á volta do seu traballo. Sabían que iso levaría tempo, pero a súa visión tiña, ten, horizonte e cabos tendidos. Ademais de contar co apoio dalgúns dos espazos activados á volta da danza na cidade —nos que cómpre destacar a Escola Palimoco, dirixida por Paloma Lugilde, onde Cris Vilariño deu un obradoiro para nenos e nenas no marco das xornadas— tamén tiveron o apoio e impulso decidido da área de Cultura do Concello de Lugo, coorganizadora canda o colectivo destas xornadas que contaron tamén coa colaboración de Galicia Danza Contemporánea e do AGADIC, a través das axudas ao Impulso do Sector Escénico da Xunta de Galicia no 2020. Volvemos entón ao nome, que teima en dicir moito: Atopémonos Bailando foi un convite primeiro dun camiño que queren longo, unha primeira mensaxe, un entusiasmo maduro para poñerse en marcha, en danza.
No escenario do Auditorio Municipal do Gustavo Freire déronse cita, en dúas tardes distintas, seis compañías. As organizadoras optaron por un formato de pezas curtas de artistas emerxentes, o que consideraron unha maneira eficaz de abrir unha xanela a distintas propostas da danza contemporánea no país. “É moita a xente que ten que dicir en canto a movemento en Galicia, e a cidade merece coñecer o que se fai e a diversidade de liñas de danza que existen”, indicaron. A danza respirada e vermella de Alejandra Balboa en Vertebrata. Elahood, cun movemento case estroboscópico nas posturas nas que o mundo se torna Impermeable. Cía. Exire, despregando a acrobacia dos soños de dúas persoas sentadas nun banco en Nexos. Cris Vilariño, cunha danza primeira de mirar o mundo moverse: as nubes, as nubes, o Cyan. O Colectivo Glovo, medindo o espazo coa precisión e a paixón dos camiños paralelos dos corpos en Mapa. Alba Fernández Cotelo, multiplicándose e contraéndose á velocidade da luz cenital en On.
Expansións
Atopámonos bailando e bailamos, tamén, para atoparnos. Nestes tempos pandémicos onde o corpo está aínda máis atrelado por normas e distancias, bailar xuntos semella unha utopía necesaria. Ao longo da xornada do sábado, as artistas que bailaran na tarde anterior impartiron obradoiros dunha hora e media para todos os públicos nese espazo privilexiado para a danza que é o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Alejandra Balboa introduciu o traballo coa respiración, a planta dos pés e a columna do que e serviu para crear Vertebrata. Alegrouse de que as alumnas fosen diversas. “A danza é para todes”, oíuselle dicir. Sabela Domínguez e Julia Laport, de Elahood, introduciron o waaking, “esa danza nada nos anos 70 nas discotecas clandestinas de California e na comunidade de afroamericanos e latinoamericanos gais”, explicaron as dúas artistas con longa bagaxe en danzas urbanas que levaron ás asistentes a dalo todo nun soul train e a aprender que “a técnica é o drama”, como afirmou Sabela. Por último, Estefanía Gómez e Alba Fernández deron a posibilidade ás alumnas de variar unha frase coreográfica da peza que amosaran o día anterior, de sentarse canda elas nese banco onde se tecen os afectos en Nexos. “Foi unha formación espectacular, e unha vía de liberación que nestes tempos se bota moito en falta”, indicou Brais Zárate, un dos asistentes e bailarín durante anos de danzas urbanas e actualmente de contemporáeo. Nese sentido, o Colectivo Glovo quixo traer artistas que nunca estiveran en Lugo antes, con técnicas moi específicas que puidesen abrir portas á xente da cidade.
Por unha banda, as aulas abertas asomaron ás participantes ao traballo de cada artista, á maneira na que se estruturan as distintas propostas. É outro paso desa xenerosidade que, do lado da programación, entende que o que pode ofrecer un corpo que danza non empeza nin remata no escenario. “Trátase doutro xeito de aproximar o traballo á xente, unha forma de que as artistas contacten de maneira máis directa co público, de que poidan expresar non só no escenario, senón nun lugar máis íntimo como pode ser un taller”, comentan dende o Colectivo Glovo. “Moitas veces non se propón por falta de tempo ou de recursos, pero faiche ampliar a visión e o entendemento das propostas. É como explicar todos os ingredientes dunha receita, algo necesario para entender a preparación do bailarín e saber como é dun xeito máis próximo. Esa proximidade amplía moito o que podemos percibir, para que non se vexa só o resultado final”, engaden.
Por outro lado, case poderíamos rematar ese Atopémonos Bailando coas famosas palabras de Pina Bausch: “do contrario, estaremos perdidas”. Estes lugares de encontro e formación son fundamentais para as artistas, pero tamén para participantes. “Compartir xuntos estes días, despois do que pasamos, é como ver a luz no final do túnel”, comenta a bailarina e docente de danza contemporánea Estefanía Gómez. “Nestes tempos, nos talleres, non nos centramos tanto nas frases coreográficas, senón que reforzamos a parte da improvisación, que permite conectar co que pasa dentro a través do corpo, que vemos que se agradece moitísimo”, conta. Paula Pin, artista que asisitu ao auditorio e aos obradoiros, indica que “o formato escollido é idóneo para achegar á danza ás persoas que non veñen dese contexto específico”. Para ela, as xornadas permitiron “entrar en contacto coas artistas e formadoras despois de emocionarnos o día previo coas súas propostas en escea, e ter a oportunidade de reintegrar a súa práctica nos nosos corpos inexpertos. Paréceme un formato moi aberto que nos deu a posibilidade de ter unha experiencia inmersiva no mundo das artes vivas. Un luxo poder xuntarnos para mover os nosos corpos emocionados”.
As xornadas tiveron unha acollida moi boa, tanto por parte do público como das persoas asistentes. Preto de 70 persoas vendo danza contemporánea é algo que non sucede todos os días nas cidades galegas, e menos nestes tempos de aforos reducidos, inda que cómpre non caermos nas obscenidades dos números e reiterar que a danza, como arte minorizada, require dunha aposta continuada que non sempre ten resultados tan inmediatos. A cada unha desas persoas foi entregado o libro O público está aquí, da artista e investigadora Sabela Mendoza, que o Colectivo Glovo adquiriu á Estraperlo Editora para que tamén formase parte das xornadas, para que as súas páxinas tamén fosen un espazo onde preguntarse, canda a autora, que significa ser público hoxe en día e cales son os puntos de encontro entre o espazo que ocupa o espectador nas artes vivas contemporáneas e o espazo de participación democrática. “A danza é o presente máis intenso que coñezo”, di a autora. Ese presente que sucede cando nos atopamos bailando, cando bailamos para atoparnos.