in

Corufest: a consolidación dun festival de Artes Escénicas necesario para a liberdade afectivo-sexual

189952849 3521293184638066 4756601111336675604 n |
Foto: Nuria Taboada

Acostumo ir ao teatro. Gosto das artes en todas as súas variantes, e ter a oportunidade de  asistir a esta edición do Corufest 2021,  co fin de escribir esta crónica que agora estás a ler, fai que me reafirme na necesidade de ter espazos, festivais e oportunidades (como público ou como artista) onde poder achegarme e achegarnos a realidades LGTBIQ que moitas veces non dispoñen de lugares específicos para desenvolverse.

BeFunky collage 4 640x360 1 |
Deseño de Carlota Mosquera.

Este ano o Corufest 2021, dirixido de xeito bicéfalo por Gustavo del Río e Xosé Leis, e co único apoio institucional do Concello da Coruña, un concello orgulloso, que arrisca, visibiliza e aposta, demostran novamente que facer cultura, activismo e visibilizar tódalas nosas realidades diversas, como colectivo, é posible. É necesario.

Durante unha semana de intensa actividade, e en diferentes espazos culturais do municipio, desenvolveuse unha programación cultural no eido das escénicas, as artes visuais, a música ou a literatura, das que pretendo dar boa conta nesta crónica.

O pano do Corufest 2021 abríase no auditorio do Ágora da cidade herculina o sábado 22 de maio ás 20h., coa representación de Tránsitos. Unha obra de teatro que pon sobre as táboas as vivencias dunha muller transexual, unha persoa de xénero non binario, as dun mozo gai, e as dunha drag queen.

189952849 3521293184638066 4756601111336675604 n |

 

Tránsitos fala das situacións cotiás dos seus personaxes, que unen os seus procesos vitais, nos que se moven coma se dunha familia escollida se tratase, para contarnos as súas historias persoais e as súas experiencias, en primeira persoa, dende os seus corpos e identidades disidentes, grazas a un mestre de cerimonias que serve de fío conductor.

Vivir é pasar dunhas circunstancias a outras e todo o que facemos para adaptarnos, e Tránsitos adéntrase en vieiros vitais, reais, de extrema urxencia para os seus protagonistas, tales como o amor, a vellez, ou o cancro, vivencias e historias humanas que escapan dos seus tránsitos de xénero para achegarnos a realidades menos coñecidas.

A obra é a primera achega dramatúrxica do tamén actor e director David Teixidó e está co-escrita pola dramaturga uruguaia Mariana Percovich. Cabe destacar que é unha coproducción con Amici Miei Producions, Espacio Callejón de Arxentina e La Contracultural de Uruguay, e que foi estreada dentro da programación do Festival Grec 2020.

O proxecto conta no elenco coa participación da activista transexual Nicole Avventurato, do actor Nico Conde e o disidente de xénero David Priego, tamén Sergio “Satanassa”, unha profesional pioneira do movemento drag catalán.

O domingo 23, tamén no auditorio Ágora, ás 13h., e coma se dunha sesión vermú se tratáse, foi o turno de Dulce y Bautizada. Un concerto cómico a cargo da sempre sorprendente artista Samantha Hudson.

Samantha Hudson no Corufest
Samantha Hudson no Corufest. Foto: Nuria Taboada

Cantante, cómica, icona queer da xeración Z, performer… saltou á fama con tan só 15 anos, viralizándose grazas ó seu tema musical Maricón, unha crítica aceda e contundente do trato que recibe o colectivo LGTBIQ por parte da igrexa.

Durante o concerto, no que repasou a súa discografía entre monólogos e rupturas constantes da cuarta parede interpelando ó público cunha frescura, rapidez e unha soltura abraiante, presentou o seu novo hit Dulce y bautizada (Subterfuge, 2021), producido por outra das iconas do panorama musical actual, Chenta Sai a.k.a Putochinomaricón, que tamén visitou o Corufest na edición de 2019.

Samantha amosou, no seu concerto, que o que fai dende as táboas, lonxe de parecer espontáneo, consecuencia dun talento innato ou dun mamarrachismo do máis petardo é froito dunha necesidade expresiva persoal, dun traballo meditado e moi traballado co que conectas rápidamente como espectadore no que por riba de todo está o que ela quere dicir, afastándose das modas, os estereotipos, das cuestións dos roles binarios ou de que quede algo bonito de amosar para o público.

Do luns 24 ao mércores 26, en horario de tarde, de 18h. ás 20h., chegou ao Corufest 2021 unha das novidades que se implantaron para o festival nesta edición, as Xanelas Corufest.

Tres días de coloquios que invitaron á reflexión, nun foro colaborativo e inspirador. Cada día, cada un deles, centrado nunha temática: Sexualidade, Igualdade e Identidade, que contou con figuras da actividade propia máis local da cidade da Coruña e do resto de Galicia, xunto con divulgadores nacionais e internacionais que falaron de xeito online e presencial sobre vivencias, pensamentos e experiencias en primeira persoa.

Interviñeron nestas Xanelas Corufest, o luns 24, na xanela sobre sexualidade, de xeito presencial, a sexóloga Judit Iglesias, David Teixidó, director, dramaturgo e actor de Tránsitos. Dan Farell, persoa non binaria, que falou sobre a súa relación co poliamor, Fina Baliñas, enfermeira do CHUAC e, de xeito on-line, Gabriel J. Martín, psicólogo, escritor e activista gai. Moderados por Pablo Zas, Técnico do Observatorio Coruñés contra a Lgtbifobia da asociación ALAS A Coruña.

O martes 25, na xanela sobre Igualdade, na que se falou de familias diversas, interviñeron para falar desta temática de xeito presencial, Soledad Fernández, da Asociación Chrysallis de familiares de menores trans e nai dunha rapaza trans. Dan Farell, persoa non binaria, e Francis González, como psicóloga e muller trans, compartiron como foi a súa experiencia no seu ámbito familiar. Susana Milnes, da Asociación LesCoruña, comentou a súa vivencia como nai e muller lesbiana e, de xeito on-line, o escritor Roy Galán falóunos  como foi para el de marabilloso medrar con dúas nais. Nesta ocasión moderou a sesión Xosé Leis, co-director do Corufest.

O mércores 26 e como peche das Xanelas Corufest o faladoiro centróuse na Identidade, interviñeron, presencialmente, durante esta sesión, Pablo Zas, novamente coma moderador. Francis González, Dan Farell e Iris Gil, docente visible, non binaria. E expuxeron as súas vivencias como protagonistes, no eido da identidade. Participou, de xeito online, Daniel Amarelo, graduado en Língua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do libro Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGTBIQ na Galiza (Através Editora, 2020).

O xoves 27 ás 20h., no Teatro Rosalía de Castro, as escénicas tomaban novamente o Corufest da man da Cía. Teatro en Vilo, que xa visitaran o festival en 2019 con Generation Why.


Publicidade

7 Hoy puede ser 19 scaled |
Teatro en Vilo no Rosalía. Foto: Nuria Taboada

Nesta ocasión presentaron a súa nova produción Hoy puede ser mi gran noche, protagonizada polas actrices e irmás Noemi e Darlene Rodríguez, dirixidas por Andrea Jiménez. Este espectáculo de Teatro en Vilo é unha festa teatral, cómica e musical, no que xa se comeza poñendo ó público a cantar. Conta a historia de dúas irmás e do seu pai, un cantante de orquestra na Galicia dos anos noventa. A súa filla maior, Noemi, ten como aspiración ser como el.

Noemi Rodríguez desprégase fondamente para levarnos nunha viaxe cara ao pasado, co fin de que resolvamos esa estraña, pero frecuente, ecuación, que resulta do que un día quixemos ser e do que somos. Achegándonos así o relato da súa vida, a batalla dunha muller valente e as súas fazañas, dende o humor, a irreverencia, entre o que puido ser e nunca foi, ou si, quen sabe, nun canto aos perdedores, cheo de música revival dos noventa e dos dousmiles e, sobretodo, cheo de humor e unha autoficción fascinante.

A danza tamén estivo representada dentro da programación do Corufest. Foi no Teatro Colón, o venres 28 ás 20h., con Perro da Cía. Daniel Abreu, espectáculo estreado en 2006 e que todavía segue xirando.

Daniel Abreu, Premio Nacional de Danza en 2014, en Perro, danza en solitario. No seu traballo existe unha xestualidade moi forte, que te cautiva dende o primeiro segundo do espectáculo. Parece que mesmo nos fala en silencio, só danzando coa idea da identidade, das mil caras que temos, das aparencias, contra os observadores, convidándonos a un percorrido polo externo do que somos, sobre a imaxe que lles damos aos demáis e a que temos de nós mesmos, nunha loita interna que o propio bailarín experimenta, semellante á idea de domesticación.

10 Perro 12 scaled |
Daniel Abreu con “Perro”. Foto: Nuria Taboada

Daniel Abreu ademáis de presentar Perro, tamén impartiu dúas clases maxistrais en colaboración co TRCDanza o venres 28 e o sábado 29.

O sábado 29 ás 13h., no Ágora e logo dun primeiro encontro o venres 28, cos lectores do clube de lectura QueerCoruña, chegou a quenda dos encontros coa xornalista e escritora Valeria Vegas, moderados, na tarde do venres e a mañá do sábado, pola escritora coruñesa Miriam Beizana e, tralo éxito dos mesmos, nunha nova sesión, o sábado de tarde, ás 18h., moderado polo cineasta Lázaro Louzao.

Valeria Vegas, como escritora, é a responsable, entre outros,de títulos icónicos para o colectivo LGTBIQ como: Libérate: La cultura LGTBQ que abrió camino en España (Editorial Dos Bigotes, 2020), Vestidas de Azul: Análisis social y cinematográfico de la mujer transexual en los años de la Transición española (Dos Bigotes, 2019) ou de ¡Digo! Ni puta ni Santa. Las memorias de La Veneno (Roi Porto, 2016), a exitosa biografía que serviu de base para a serie de televisión Veneno, creada por Javier Calvo e Javier Ambrossi.

Nunhas charlas, repletas de fans, a autora falou dos seus libros, onde reflicte os problemas que a sociedade pon nas persoas trans. Falounos tamén do pasado da comunidade trans, desas mulleres que, por querer ser elas mesmas e vivir a súa vida, mesmo tiveron que malvivir en moitas ocasións. Non obstante, amosouse moi esperanzada porque as novas xeracións terano máis doado.

Valeria respondeu as preguntas dos asistentes, firmou exemplares dos seus libros e contounos aspectos da súa vida persoal, ou de como foran os seus encontros con Cristina La Veneno, para a escrita das súas memorias. Sorprendeume moito pola súa cercanía e sinxeleza, afastada de calquera tipo de divismo e comprometida coa causa LGTBIQ sen procuralo. Unha icona necesaria que lanza mensaxes de unión a prol de todas as letras do colectivo.

13 Encontro Valeria 29 5 scaled |
Encontro con Valeria Vegas. Foto: Nuria Taboada

O sábado de tarde, ás 16h., nos xardíns de Méndez Nuñez, lugar icónico hai anos do cruising na cidade de A Coruña e coma se dun deses encontros se tratase, tivo lugar unha xornada participativa, aberta ao aire libre, cos artistas e directores do Corufest 2021, e entre os que se atopaba Aaron Lee, que ás 20 h., no Teatro Colón, poñía en escena Yo soy el que soy, un emotivo espectáculo musical baseado na súa recente autobiografía do mesmo nome e publicada pola editorial Letréame en 2020.

Yo soy el que soy, dirixido por Zenón Recalde, narra en primeira persona a durísima historia de este violinista español, de raíces surcoreanas, que foi discriminado e maltratado pola súa propia familia debido á súa condición sexual. Os seus pais chegaron mesmo a recluílo nun sanatorio isleño de Corea para reverter a súas tendencias. Grazas á música puido atopar a súa salvación.

O relato é narrado en primeira persoa dun xeito áxil, expresivo e cheo de emoción pola actriz Verónica Ronda, que está acompañada no escenario por Gaby Goldman ao piano, quen é tamén o responsable da marabillosa dirección musical, e do propio protagonista desta historia, coa que moitos nos emocionamos. Aaron Lee, espléndido, virtuoso ao violín.

O domingo 30, chegaba case á hora de poñerlle peche a esta edición do Corufest 2021 cun combo de actividades que albergou a Fundación Luis Seone.

Ás 13 h., en sesión vermú, un concerto poético de AldaoLado. O dúo encheu con monólogos, humor, cancións e poemas propios, mesturados con versos de Xela Arias, a Fundación.

17 Aldao Lado 1 scaled |
Sesión vermú con Aldaolado. Foto: Nuria Taboada

Ás 17h., un encontro coa Asociación ALAS Coruña, onde nos falaron do traballo que realizan a través de charlas en institucións, escolas, institutos, empresas… para concienciar, ou do traballo que fan de apoio á comunidade LGTBIQ e no que quedou patente a necesidade de seguir apostando, por parte das institucións, para poder seguir avanzando en materia de igualdade, dereitos e diversidade.

Como broche final e fin de festa da estupenda edición 2021 do Corufest, ás 19h., unha estrana sesión Dj a cargo de Monsieur Blaya e CayazzoDj. Estrana debido ás normas e restricións pola Covid-19.

Engadir que, durante os días previos á realización do Corufest 2021, e dentro da súa programación, foron inauguradas dúas exposicións. Do 10 ao 30 de maio, na Casa María Pita, “Enxeño Rural”, unha mostra da zoqueira, por tradición e excelencia, Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019. E que se presentou nun acto o día 15, amenizado polo grupo musical A Cordeireta e por un recital da poeta Luz Fandiño.

Tamén do 10 ao 30 de maio, na Casa Casares Quiroga, “Outra pel, outro rostro”, un proxecto fotográfico de Cris Andina, no que recolle a inmensidade de actrices e actores de teatro, por riba de todo.

E para pechar esta crónica gustaríame engadir que tódolos espectáculos e actividades colgaron o cartel de entradas esgotadas, ás poucas horas de poñerse á venda, que a pesar de tódolos protocolos pola Covid-19 o evento desenvolvéuse de xeito maxistral, grazas a toda a equipa de produción, da que foi responsable Fernando Cayazzo, xunto cos directores do Corufest, Gustavo del Río e Xosé Leis. Tamén grazas ás voluntarias e voluntarios que, de xeito altruista, dedicaron o seu tempo ao festival! Grazas Xosé e Gustavo polo convite e longa vida ao Corufest!

Alberte Bello

Alberte Bello

Director de arte, creador e docente. Titulado Superior en Escenografía pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, formándose ademais con profesionais como Carlos Marquerie, Paco Azorín ou Pamela Howard. En 2020 funda o #ColectivoCBV, onde produce e protagoniza pezas como 'Menu-do día'. Activista que colabora coa sección PalcosLGTBIQ+ da Erregueté.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Escenarios

Diversidade. Escenarios | Palcos LGTBIQ+

Inocente

Cando o teatro é inocente