A Revista Galega de Teatro, con moito gusto a agarimo, abre unha nova sección —ESCENARIOS / PALCOS LGTBIQ+— porque o corazón é un órgano que sente e que entende mellor ca o cerebro. Sempre hai máis do que os nosos ollos poden ver a simple vista.
Os últimos anos veñen marcados por plataformas que visibilizan calquera tipo de movementos ás marxes, para ben e para mal, e é que coas redes sociais todo se difunde moi rápido e chega a máis xente, a pesares de que ignorar outras realidades é unha práctica común, sinxela e aceptada. Cada quen é responsable das decisións que toma e de preocuparse dos temas que pode abarcar, e é que nunca debemos cargar ás nosas costas con pesos que van racharnos e converternos en po, esa non é a cuestión. A comunicación, o afán de comunidade, o recoñecemento, a sororidade e a visión con perspectiva son as cuestións, son conceptos que aquelus que pensen e desexen nun mundo mellor deberán levar dentro de si, coma o sangue que impulsa o corazón por todo o corpo. Se se me permite soñar, algún día a interseccionalidade será o noso pan e deixaremos de vivir intoxicades —revoltes estaremos nós, non os nosos estómagos—.
Eu só quero que todes vivamos en paz con cada facto que nos conforma sen cuestionamentos alleos, sen danos innecesarios. As persoas LGTBIQ+, se estamos dentro do armario, non estamos presentes, e o risco de apagarnos, consumirnos, é real. E é que o queer, que é aquilo que non encaixa no binarismo de xénero e/ou na heteroafectividade, é transparente —non completamente invisible— porque vivimos en sociedades nas que o único motivo, polo que se nos permite existir e se nos «aceptou», é porque pensan que poden usarnos («pinkwashing»), ou porque dispoñemos de certos privilexios. Algunhas letras do colectivo son máis visibles ca outras, mesmo nas artes escénicas, xa que non é o mesmo estar no outro lado do «aceptable», nas marxes, ca nunha posición central. Cada man, cada apoio que saia directo do peito de cada unhe de nós, será benvida. Queda moito camiño por percorrer, e carecemos de mapa e direccións, pero deambulando xuntes non podemos perdernos.
Coma con todo, está sección chega tarde dende o momento no que a igualdade non é un piar base na nosa sociedade, pero apareceu en forma de lentes multicolor para olladas alleas, para ver que no mundo hai máis do que pode semellar, para permitirnos sentar no patio de butacas e comprender as mensaxes que es artistas das marxes están a amosar. Estades ó tanto do concepto da «deconstrución»? Este vén dicindo, en resumo, que dende que nacemos impóñensenos ideas daniñas, de cara a nós e de cara a outres, ideas que habitualmente non se cuestionan, e que estas deben derrubarse, activando o pensamento crítico e a empatía, a procura dun benestar real, a ruptura coas pirámides sociais. É o entendemento, a acción e a consecuencia de que todes estamos unides polo noso amor e pola nosa dor.
Esta plataforma ábrese, expándese coma unha flor en primavera —non temades o pole, abelliñas—, e é para todes nós, es artistas inadaptades e adaptades, sen importar como ou quen sexamos. Es dramaturgues, bailarinus, intérpretes, directorus, escenógrafes, técniques, etc. Estamos eiquí, e somos queer.