in ,

Laiovento publica dúas novas pezas de Raúl Dans

Raúl Dans
Creación propia.

DFW nas profundidades da tristeza infinita e As cancións que lles cantaban aos cativos recóllense nun novo volume da editorial compostelá.

Edicións Laiovento volve publicar dúas pezas teatrais de Raúl Dans (A Coruña, 1964), tras Unha corrente salvaxe e Historia dunha descoñecida, editadas en 2020. Desta volta, o autor coruñés explora os camiños do relato biográfico en DFW nas profundidades da tristeza infinita e da memoria política con As cancións que lles cantaban aos cativos.

En DFW nas profundidades da tristeza infinita, Dans afronta un audaz reto dramatúrxico, entre o relato biográfico e o delirio posmoderno, baixo a etiqueta de “non ficción”. Unha obra sobre o proceso creativo e as rivalidades literarias que explora os episodios que forxaron a amizade de dous dos máis grandes novelistas americanos contemporáneos: David Foster Wallace e Jonathan Franzen.

A acción d´As cancións que lles cantaban aos cativos (XXIV Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela e publicada con anterioridade no número 88 da erregueté | Revista Galega de Teatro) desenvólvese nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela durante a primavera do movemento 15-M, uns meses antes de que ETA anunciase, en outubro de 2011, o cesamento definitivo da actividade armada, e remóntase aos anos do terrorismo máis duro e dos GAL. Rosalía, unha presa de ETA que vén de saír da prisión despois de cumprir a súa condena, dá os primeiros pasos da súa nova vida en liberdade mentres Brais, cuxa nai o abandonou cando tiña dous anos,  trata de descubrir o segredo que agacha a súa marcha.


Publicidade

Raúl Dans

Raúl Dans (A Coruña, 1964) é autor teatral, guionista e actor de dobraxe. Coa súa primeira obra, Matalobos, gañou o Premio Rafael Dieste de Teatro (1993). Un ano despois gañou o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais con Lugar, estreada polo Centro Dramático Galego en 1999. Outras das súas obras son Derrota (XXII Premi Born de Teatre, 1997), Estrema (1998), A chamada (2001), Nachtmahr (2008), Chegamos despois a unha terra gris (Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2010 e Premio AELG de Teatro 2011), Unha corrente salvaxe (gañadora do Premi Born en 2012 e editada pola erregueté | Revista Galega de Teatro no seu número 75), As cancións que lles cantaban aos cativos (Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015 e editado no número 88 da erregueté | Revista Galega de Teatro), Só un home bo (Premio Laudamuco para Textos Teatrais 2019 e Premio Follas Novas do Libro Galego 2021) e o ensaio Confesións dun practicante. As aventuras dun dramaturgo en Galicia (2004).

Creador, argumentista e dialoguista de series de ficción para Televisión de Galicia (A miña sogra e máis eu, Pratos combinados, A vida por diante, Padre Casares), Dans obtivo o Premio Mestre Mateo de Guión por Terra de Miranda (2003) e As leis de Celavella (2005).

Dans |
Imaxe da web de Laiovento

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Viaxe á lúa

Viaxe á lúa

Maricón

Maricón. No 21 do XXI e no 101