in ,

Maricón. No 21 do XXI e no 101

Maricón
Imaxe do Twitter de @antoniomanuel__

Maricón non debería ser un insulto nin unha sentenza de morte, como aconteceu hai uns días na Coruña e como leva acontecendo desde hai moito tempo.

Estamos no ano 21 do século XXI e os discursos da ultradereita animan e alimentan a xenofobia, o machismo, a homofobia e outros xeitos de odio e terror. A educación, os escenarios, o cinema, a televisión… seguen a difundir e facer proselitismo, encuberto ou non, da norma heterosexual e da superioridade do home e do masculino e iso acaba por ter consecuencias.

Estamos no ano 21 do século XXI e eu, no artigo desta semana quería escribir sobre o número 101 dunha revista de cultura e artes escénicas, como é a erregueté I Revista Galega de Teatro, fundada hai 37 anos. Quería escribir sobre unha empresa case utópica feita realidade polo amor e o empeño dun reducido grupo de persoas que están dando o máis valioso que teñen, o tempo vital, a unha publicación que recolle, difunde, reflexiona, analiza e crea pensamento sobre as artes escénicas da nosa contorna. Un sector, o das artes escénicas, historicamente marxinado e mal tratado en Galiza.

Esta revista non é miña nin é desas poucas persoas que dedican máis tempo ca o do seu lecer a que siga existindo un proxecto así. Esta revista é de todas as persoas cultas que gusten das artes escénicas e do coñecemento e a experiencia que só elas nos poden ofrecer.

Ana Abad, Ernesto Is e Javier Lojo, coa miña axuda e dirección, son ese equipo sen o cal a revista non seguiría adiante. O equipo que está en primeira liña de traballo cada día na edición dixital e nas tarefas principais para que poida saír a revista en papel. Iván Fernández, súmase atendendo, sobre todo, a escribir sobre espectáculos.

Contamos coa complicidade, nalgunhas tarefas, de Pedro Pablo Riobó e de Che Mariño e logo temos outras persoas, especialistas en artes escénicas, que conforman o Consello de Redacción e que coordinan algunha das seccións da revista en papel e colaboran facendo ou encargando algúns artigos.

Poucas mans e poucos medios para unha publicación fundamental que garde testemuño do facer escénico no noso país.

Non obstante, somos optimistas e tomamos en serio o verso de Uxío Novoneyra: “A forza do noso amor non pode ser inútil”.

Con esa convicción, o 28 de xuño, Día do Orgullo, abrimos unha nova sección na edición dixital, titulada ESCENARIOS / PALCOS LGTBIQ+ que atende esas outras perspectivas, outras miradas, outras sensibilidades, alén das hexemónicas. Un espazo que nos axude a ver como os escenarios crean, contestan, cuestionan, reflicten mundos e iluminan camiños.

Fainos moita falta ampliar a nosa sensibilidade. Fannos moita falta as artes escénicas disidentes nas estéticas e nesas normas ou ideas que negan, insultan ou matan a quen é diferente ou a quen non cumpre os parámetros asignados de xénero, idade, clase ou condición.


Publicidade

Non falo dun teatro panfletario ou ao servizo de… Falo dunhas artes escénicas nas que as persoas que actúan, que danzan, poden amosar outros xeitos de ser e de estar, outros xeitos de relacionarse, alén do binarismo e dos roles de xénero, alén dos aspectos máis represivos e innecesarios do decoro, da moral ou de idearios dogmáticos.

Celebro que en 2020 se estrease un espectáculo como Microspectivas dun marica millennial, da Cía. Incendiaria. O primeiro da historia do teatro galego que leva a palabra “marica” no seu título. E celebro que fose seleccionado como finalista en catro categorías, entre elas a de Mellor Espectáculo nos Premios María Casares. Tamén celebro que a danza entrase, por fin, neses mesmos premios, aínda que a propia danza, igual ca o circo, ámbitos nos que Galiza é unha potencia, continúen sen ter unha categoría específica nos Premios María Casares. Algo que debemos reivindicar e que debería xuntar ás plataformas e asociacións implicadas do sector. Non obstante, neste 21 do século XXI, a portentosa peza, tan dancística como teatral, Bailar agora de Marta Alonso Tejada, foi nomeada noutras cinco categorías dentro dos María Casares, entre elas a de Mellor Espectáculo, un fito histórico.

Así pois, algo está mudando para mellor, aínda que sexa lentamente.

Máis sucesos para celebrar e fundamentar o noso optimismo: a AGADIC comeza a apoiar e colaborar coa erregueté I Revista Galega de Teatro, o cal, sen dúbida, vai contribuír a que esta publicación, que é unha parte básica do sector das artes escénicas, poida sosterse e mellorar.

Tamén temos que agradecer a sensibilidade e a conciencia, respecto á importancia de que exista unha revista coma esta, de Marta Núñez Aboi, que coordina o programa de Vigocultura. Marta garda unha parte do orzamento para poñer publicidade regular, desde hai anos, na revista e esa axuda resulta moi necesaria. Oxalá as outras persoas que programan e coordinan teatros e auditorios municipais e outras institucións públicas ou privadas, con competencias en materia de cultura, tivesen a mesma sensibilidade e conciencia.

Igualmente, hai que agradecerlle ás persoas subscritoras da revista e ás que a apoian mercándoa nas librarías ou a través da libraría online www.libreriaabrente.es

Este martes, 6 de xullo de 2021, imos celebrar a Gala erregueté 100 números da Revista Galega de Teatro, ás 22h30 no Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo, dentro dos actos da XXXVIII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo.

Imos celebrar que a revista continúa, logo de 37 anos e 100 números, presentando o número 101. Imos celebrar que este número 101 sae, por primeira vez na historia da revista, integramente a toda cor e iso significa que a memoria e testemuño das artes escénicas aínda vai ser mellor.

Pero, sobre todo, imos celebrar que, malia a pandemia da COVID e a do odio duns seres sobre outros por razón de xénero, sexualidade, nacionalidade, etnia, relixión, ideoloxía, etc., nós acreditamos nun mundo mellor, con máis teatro, máis ópera, máis circo e máis danza. Un mundo mellor onde “maricón” non sexa un insulto nin unha sentenza de morte.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Raúl Dans

Laiovento publica dúas novas pezas de Raúl Dans

Quixote de Pedras de Cartón

‘Quixote’, de Pedras de Cartón, gaña o Certame Barroco Infantil do Festival de Almagro