in

Nova Galega de Danza estrea ‘Credo’

Ensaio NGD IgnacioUrrutia 03 scaled |
Imaxe de Ignacio Urrutia

O auditorio municipal Cine Alovi das Pontes acollerá este venres 3 de decembro a estrea de Credo, o último espectáculo de Nova Galega de Danza, a agrupación dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz. Haberá dúas funcións: unha ás 19.00 horas e outra ás 21.00 horas.

O espectáculo, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa de coproducións da Agadic no Centro Coreográfico Galego, presenta unha adaptación poética da obra de Celso Emilio Ferreiro. Credo fai referencia á viaxe interior que supón o Camiño de Santiago mediante unha peza escénica que combina música e danza, unindo na mesma liña conceptual os cruceiros de pedra que se atopan na paisaxe galega do percorrido xacobeo.

O corpo de danza de Credo, composto por seis bailaríns da compañía (Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez), desenvolve un traballo físico de alta intensidade pensado para indagar os límites da linguaxe corporal e o seu vínculo co espazo habitado. A música orixinal, a cargo de Sergio Moure, interpreta os sons “dunha Galicia intemporal imbricada na multiculturalidade propia do Camiño”. A coreografía corre a cargo de Fabián Thomé, con coreografía tradicional a cargo de Jaime Pablo Díaz.


Publicidade

Nova Galega de Danza ven de ser recoñecida recentemente co Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza pola actuación de Iván Millar en Leira, unha peza pola que a agrupación tamén foi nomeada ao Mellor Espectáculo de Danza. Este fito sitúa á compañía como a primeira de Galicia desta disciplina en ser galardoada por este certame. A agrupación, creada en 2003, naceu coa vocación de innovar ao tempo que fusiona en vivo a danza e música de raíces galegas. Credo supón o sétimo espectáculo de Nova Galega de Danza tras Leira (2021), Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Festival FTV de Teatro Valacar |

A Coruña acolle o III Festival FTV de Teatro Valacar

Microefectos |

Volven a Lugo os Microefectos Dramatúrxicos