A vaquiña polo que vale!
Tal cal expoñía no meu último artigo de opinión, polo xeral, o colectivo dedicado ás artes escénicas, sobre todo á creación e investigación práctica, non adoita darlle prioridade ou importancia aos títulos e méritos que a oficialidade determina. Non obstante, de aí a que non nos importe a discriminación histórica, sufrida polos estudos no ámbito das artes escénicas, hai unha diferenza.
O tema do título e o seu nivel, respecto a outros estudos ou disciplinas do coñecemento, si que nos afecta. De feito, aínda que poida resultar anecdótico, había tempo que un artigo meu de opinión non concitaba tantas reaccións nas redes sociais. Cando escribo sobre espectáculos e reflexiono sobre aspectos relacionados coa dramaturxia e a escenificación, que é a maioría das veces, non concito tanto interese na recepción. Pero o tema do título, alén da titulite, si parece importar. A vaquiña polo que vale!
No devandito artigo cometín un erro ao interpretar a información que aparece no BOE do 1 de xaneiro de 2022, referente ao nivel de correspondencia do Título Superior de Arte Dramática, en todas as súas especialidades, no Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES).
A miña confusión derivou da errada lóxica, segundo a cal consideraba que o título que eu obtiven no ano 2000, no Institut del Teatre de Barcelona, debería de valer o mesmo ca o título que obtén o alumnado que remata os seus estudos actualmente, por exemplo, na ESAD de Galicia. Ao fin e ao cabo, o título é o mesmo: Título Superior de Arte Dramática.
Así que cando un ten claro que o título é o mesmo e que, por tanto, ten que valer o mesmo, pois le en favor desa lóxica. Pero, non. Non falamos de título, senón de títulos. Non vale o mesmo o título que sacamos quen nos formamos cos planos de estudos derivados da LOGSE dos anos 90, que o título de quen se formou cos planos das reformas educativas posteriores.
España, en materia de Educación, nunca se caracterizou por unha estabilidade ou uns acordos unánimes, que se mantivesen e fosen respectados no tempo. Cada vez que muda a cor política do goberno, adoitan mudar as leis e regulamentos educativos. Iso tampouco axuda moito a aclararse, excepto que desfrutes lendo o BOE e os diarios oficiais das comunidades autónomas etc.
No Acordo do Consello de Ministros do 7 de decembro de 2021, publicado no BOE do 1 de xaneiro de 2022, determinouse que o Título Superior de Arte Dramática, “correspondente á ordenación educativa derivada da derogada Lei Orgánica 1/1990, de 3 de outubro”, LOGSE, e o Real Decreto 754/1992, do 28 de xuño, que establecía os aspectos básicos do currículo das ensinanzas superiores de arte dramática, corresponde ao nivel 3, Máster, do MECES.
O Título Superior de Arte Dramática, dos planos de estudos posteriores, correspóndense co nivel 2, Grao, do MECES.
Parece ser que ese maior rango do título de quen estudamos coa LOGSE e baixo o ordenamento do Real Decreto 754/1992, do 28 de xuño, débese a que, efectivamente, cursamos un número de créditos superior ao que cursan, nos mesmos estudos, quen se titulou coas reformas posteriores. Por exemplo, no meu expediente académico figura un total de 360 créditos, dos de antes do Plano Bolonia, mentres que no do meu alumnado da ESAD de Galicia figura un total de 240 créditos ECTS.
O nivel Grao, segundo o MECES, implica a superación de 240 créditos ECTS. Entón, aqueles Títulos Superiores de Arte Dramática, antes do Plano Bolonia, os da LOGSE, virían a conter 240 ECTS (Grao) máis 60 ECTS (Máster).
Así que, a vaquiña polo que vale e, para evitar a confusionite da titulite, volvo expoñer aquí o cotarro este, a ver se desta vai.
En todo caso, vémonos nos teatros. Tamén nas aulas para o teatro e no teatro das aulas.