in ,

Paula Carballeira gaña o Premio Laudamuco coa obra ‘Dentes de coello’

Paula Carballeira

A actriz, escritora e narradora oral, Paula Carballeira Cabana (Fene, 1972) é a gañadora da cuarta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a asociación Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. A autora, residente en Teo, concorreu ao certame coa obra Dentes de coello, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

O xurado, reunido de forma telemática, estivo composto por Carlos-Caetano Biscaínho-Fernandes, Marta Núñez Aboy, Ánxela García Abalo, Oti Ríos e Xavier Castiñeira Blanco, quen actuou como secretario. Un xurado que escolleu por unanimidade o texto de Carballeira presentado baixo o lema “Terrores nocturnos” entre os vinte presentados ao certame.

O xurado destacou “a atmosfera da peza na que o soño, a realidade e a violencia xeran unha paisaxe dual na que a realidade e a irrealidade se mesturan creando unha peza de gran carga atmosférica”. A acta do xurado destaca ademais “as grandes posibilidades de posta en escena do texto, na que destacan os xogos de sombras e luces, o espazo sonoro, a carga simbólica das personaxes e o desenvolvemento dunha trama chea de terror e surrealismo semellante ás paisaxes audiovisuais do cineasta David Lynch”.

Dende o Concello de Brión quixeron destacar o valor do Premio Laudamuco como o de maior dotación económica do teatro galego actual, “un desembolso importante para un pequeno Concello como Brión pero é unha satisfacción sacar á luz vinte novas obras teatrais en galego polo que, a pesar da pandemia sanitaria, este premio foi quen de fomentar a redacción de máis de 170 pezas orixinais en galego”.

O acto de entrega está previsto para o luns 16 de maio en Brión, momento no que Paula Carballeira Cabana sucederá no palmarés do Premio Laudamuco a Francisco Antonio Vidal Blanco, Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores. Nas súas tres primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021).

Paula Carballeira: unha vida dedicada ao teatro

Paula Carballeira é licenciada en Filoloxía Hispánica cun curso de Posgrao en Arte Dramática na Universidade de Santiago de Compostela. Profesionalmente dedícase ao teatro e á narración oral desde 1994. É integrante da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación para público familiar Asteroide B-612, que se desenvolveu na Sala Nada de Santiago de Compostela e no concello de Ferrol.


Publicidade

Os seus últimos proxectos en Berrobambán son “A carreta pantasma”, seleccionado no Festival das Artes Escénicas de Medellín (2019) e “Doppelganger”, coprodución co Centro Dramático Galego e a compañía colombiana Arca de Noe estreada en Santiago en xaneiro de 2019 e seleccionada no Festival das Artes Escénicas de Medellín e no Festival de Artes Alternativas de Bogotá.

Ademais, traballa como actriz ou directora en propostas ocasionais doutras compañías. Ten dirixido os espectáculos “Mundos contados”, “Pequena” e “Rosa Caramela e outras historias” de Talía Teatro. Tamén dirixiu e interpretou a proposta do Centro Dramático Galego para público infantil “A cabana de Babaiagá” (marzo de 2006) e participou como actriz no espectáculo “Desde a sombra. Bufóns e pallasos”, da compañía Magrinyana.

Como dramaturga, o seu traballo máis recente é o texto “Carabela” para a compañía Galeatro, estreado en xaneiro de 2020 e publicado na editorial Galaxia. Ten recibido premios e recoñecementos como: Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) nos anos 2006, 2011 e 2018. Mención Especial do Xurado do III Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Finalista do Premio ASSITEJ de Textos Teatrales para la Infancia y la Juventud (2015).

Nominada na categoría de Mellor texto orixinal  (2007)  e na categoría de Mellor adaptación de texto dramático (2016) nos premios María Casares convocados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Finalista nos Premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na categoría “Mellor obra de teatro” nos anos 2007 e 2014.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Marta Pazos

Marta Pazos volve á ópera dirixindo ‘Alexina B’ no Liceu de Barcelona

Premios María Casares 2022

Un total de 30 espectáculos na carreira polos María Casares deste ano