Escenas do cambio, o festival de teatro, danza e arte en acción organizado pola Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura, vén de dar a coñecer a súa programación para este ano. Esta edición concentra en catro días, do 5 ao 8 de maio, unha programación que aposta pola creación, con 14 propostas que transitan a vangarda do teatro, a música, a danza, as artes visuais e a performance e das cales oito son obras orixinais que se poderán ver por primeira vez no festival.
Entre as estreas, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou onte na presentación do programa as cinco novas propostas de artistas e compañías galegas que contaron co apoio da Xunta para o seu desenvolvemento: Hoax Hamlet, de Voadora; a peza colectiva Escenas (Con)Textualizadas, construída coas voces das artistas, actrices e dramaturgas Helena Varela, Helen Bertels, Ana Vallés, Ana Abad de Larriva e Gena Baamonde; e as tres obras froito das residencias artísticas realizadas no Gaiás por Mateo Feijóo, Mercé de Rande e Ramón Souto.
Canda as pezas galegas que terán a súa estrea no festival, o público poderá gozar tamén doutras dúas obras creadas de maneira específica para a súa representación no Gaiás: OUTsideINsideOUTside, a última creación nas fronteiras do teatro e a danza que dirixe a afamada actriz e dramaturga española Sara Molina, e a performance (Raíz de dos), coa que os artistas Nieves Correa e Abel Loureda percorrerán diferentes espazos do Gaiás.
Ademais, Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi convidarán o público a compartir unha viaxe moi especial desde a Cidade da Cultura ata Fisterra, froito tamén do seu inspirador paso pola anterior edición do festival: ¿Qué es el agua? é o título desta nova proposta de teatro itinerante da Compañía La Soledad, fundada por ambos artistas en 2011.
Novas experiencias para público e artistas
A directora artística do festival, Lola Correa, avanzou as principais novidades dunha escolma que explora novos lugares e formatos para o encontro entre artistas e público. Nesta edición empregaranse escenarios non convencionais, como a galería de servizos do Gaiás, onde Teatro La Usina representará Waterclose, revisión e actualización do primeiro espectáculo da compañía —Women Closed—, no 20 aniversario da súa estrea, ou tamén os espazos de tránsito e traballo no interior do Museo sobre os que se construirá o percorrido de Escenas (Con)Textualizadas.
Por outra banda, NIHIL, do músico e compositor galego Ramón Souto, propón aos espectadores participar nun concerto na rompente do día desde a cima do Gaiás, e Mateo Feijóo, con Sons do esquecemento ou A navalla do tempo, convídaos a transitar pola memoria, os sons e as imaxes dun pobo do rural galego que representa todo un legado de valores e saberes en perigo de extinción.
As novas experiencias para a audiencia complétanse coa performance MU-Danza, unha muller que camiña, de Mercé de Rande; o ensaio-monólogo mestura de teatro e maxia do galego Miguel Ponce de León en Veneficio (de lo cotidiano o cómo remediarlo), e a Hammamturgia de Societat Doctor Alonso, unha obra coreográfica que se constrúe a partir da transformación constante do espazo, do ambiente e do tempo.
Ademais, no apartado internacional, o festival contará con dous referentes da danza contemporánea chegados de Francia e Portugal. A compañía Man Drake, fundada por Tomeo Vergés, porá en escena dous solos —Que dun bonheur (?) e Moi, Antonio M.— que exploran e cuestionan os contornos do masculino e do feminino. Pola súa banda, a bailarina e coreógrafa portuguesa Tânia Carvalho constrúe en Grasped by Intuition unha peza na que o corpo flúe entre o figurativo e a abstracción lírica.
Homenaxe a María Casares
Escenas do cambio comezará este ano cun recoñecemento especial a María Casares. A xornada inaugural do festival estará dedicada á actriz galega, coa apertura da mostra María Casares – Pedro Soler. Colliure 1989, que exhibirá no Museo Centro Gaiás obxectos e pezas inéditas dunha das últimas xiras da actriz por Francia, na que estivo acompañada polo guitarrista de flamenco Pedro Soler.
O propio Soler ofrecerá un breve recital nun encontro posterior no que compartirá os seus recordos ao redor de María Casares co recoñecido director de teatro Lluís Pascual, que tivo o privilexio de asistir como espectador a varias representacións da intérprete galega, e con Anne Plantagenet, autora da biografía da actriz baseada na correspondencia amorosa que intercambiou con Albert Camus.