Hai uns días pasáronme unha entrevista a Angélica Liddell publicada na sección El Cultural de El Español.
A entrevista fíxome pensar nalgunhas cousas que moitas veces rondan a miña cabeza sobre as dramaturxias actuais e as modas, que tamén as hai e sempre as houbo nas artes escénicas.
Liddell, que nunca deixa indiferente a ninguén, volveu estalar nas súas manifestacións sobre as reivindicacións que inundan o mundo da cultura en xeral, e das artes escénicas en particular.
A entrevista partía da pegada de Nietzsche, que na súa obra puña a arte por riba da moral, para desbordala se fose preciso, ou incluso impugnala. Este era o punto de inflexión do que parte a figuerense na súa peza Caridade, obxecto da citada conversa con Alberto Ojeda. A mención a Nietzsche fíxome que lese con interese a entrevista, xa que dende sempre Friedrich formou parte da miña formación filosófica e sociolóxica e cuxos libros devorei na miña xuventude, fascinada pola súa interpretación do existencialismo e da relixión, e aos que sigo recorrendo de cando en vez cando preciso que, cansa do capitalismo agresivo desta tan mal chamada sociedade do benestar, algo veña a axitar o meu estado de confort-desconfort mental.
Sen estar, nin moito menos, de acordo con todas as reflexións de Lidell, si que é certo que recoñecín certas sensacións que me invaden sobre a asfixia da corrección política que vivimos na actualidade: “o risco é confundir a arte coas obrigas democráticas. Dar puntos por facer proxectos ecolóxicos, dar incentivos ás obras que fomentan a igualdade, apoiar a sostibilidade na creación, todo iso non é que abrande a arte, senón que a aniquila, é incompatible”.
E o certo é que as correccións políticas e as temáticas con certa intención pedagóxica están de moda.
Sempre foi intrínseca a calquera manifestación artística a incorrección, o descaro, a reivindicación, a insolencia, o cinismo, a desvergoña, o impudor…, o pór en cuestión o legalmente establecido, o correcto, o fácil, o cotiá…. pero…, en que momento pasou de ser unha forma de expresión que permitía reclamar, esixir, atribuír, a que sexa case a única forma de facer arte converténdose así en algo do que sempre pretendeu fuxir a arte?
Por poñer un exemplo, nos últimos anos estreáronse unha morea de espectáculos sobre temática feminista. Todos os programadores e programadoras temos a gran idea de programar espectáculos con esta temática explícita nos grandes días do ano nos que lembramos que aínda queda moito por facer para acadar a igualdade plena entre homes e mulleres. O 25 de novembro e o 8 de marzo son datas claves nos que as carteleiras se enchen deste tipo de espectáculos. Os teléfonos ferven na procura dun espectáculo de temática reivindicativa da figura da muller, que teña datas dispoñibles nos meses de marzo ou novembro. A que chega antes estará de parabén e poderá contratar o espectáculo desexado na data clave. Logo, o resto do ano xa veremos. O mesmo pasa coa danza. Na maioría dos escenarios apenas programamos danza ao longo do ano, iso si, a finais de abril todos e todas presentamos as nosas rimbombantes e marabillosas programacións de danza e sacamos peito por elas.
O politicamente correcto invade a arte, invade o teatro, invade a programación, invade as salas, as mentes, os escenarios, as creacións…, e cando o que reivindicamos se converte no correcto, no que hai que dicir, no que hai que exhibir, no que hai que amosar, deixa de ser arte para converterse noutra cousa, non sei en que. Parafraseando a Angélica, “todo está politizado ata a náusea, ou é inmensamente banal, ou inmensamente vulgar”.
No ámbito do teatro dirixido a público familiar, o tema tórnase un pouco máis retorcido. Desde hai uns anos abondan as dramaturxias de certa intensidade e chega a invasión do teatro pedagóxico. E non serei eu quen diga que o teatro non debe ser pedagóxico, pero tamén debe ser entretido (entretido, non gracioso, esperpéntico ou petulante). Debemos formar a espectadores e espectadoras do futuro, e iso só poderemos conseguilo ofrecendo experiencias gratificantes para a cativada. E non estou falando de obviar temas como a morte, a enfermidade, a inmigración, a guerra… Todo se pode contar, pero hai que saber como se conta e o camiño que deben percorrer esas persoíñas para chegar a asimilar dun xeito lúdico a historia que queremos contar. E de verdade, non é unha obriga, non pasa nada, se un espectáculo para público familiar non é pedagóxico. O simple feito de saír do teatro querendo volver xa é pedagóxico en si mesmo, porque estamos creando espectadores e espectadoras do futuro.
Noutra entrevista no mesmo medio realizada hai un ano por Javier López Rejas, Liddell xa falaba destas cuestións e dicía que “calquera reivindicación que afecta ao mundo da expresión, que restrinxe a liberdade estética espelúxame, veña de onde veña. Como Dostoyevski, defendo ao artista irresponsable, ao tolo, ao enfermo. A tolerancia para realizarse, necesita incluír o dereito a ofender, non aos ofendidos, senón aos ofensores”.