in

O FIOT de Carballo encabeza o ranking de mellores proxectos culturais de Galicia

A listaxe está elaborada polo Observatorio de la Cultura da Fundación Contemporánea e valora os eventos culturais do ano

Leo Bassi no FIOT de 2022
Leo Bassi no FIOT de 2022. Foto:Vanessa Rabade

O FIOT,  Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, foi distinguido polo ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o mellor proxecto cultural galego de 2022. O FIOT recibiu, ademais, a distinción de ‘Insignia Cultural’ de honra da comunidade galega e sobe nove postos respecto da clasificación do pasado ano, superando así outros destacados proxectos culturais do país, como Festival Sinsal, Cidade da Cultura, Cineuropa, CGAC, Festival de Cans ou WOS Festival, entre outros.

As ‘Insignias Culturales’, que recoñecen as propostas máis salientables en cada comunidade autónoma, conforman un cuadro de honra nesta edición con 17 proxectos: o Museo del Prado en Madrid; o Festival de Almagro en Castilla-La Mancha; o Festival de Cine de San Sebastián no País Vasco; o Festival de Málaga en Andalucía; Periferias, que comparte a distinción co Festival Asalto en Aragón; o Festival de Cine de Xixón en Asturias; Es Baluard en Baleares; Temporada Alta en Cataluña; o Museo Helga de Alvear en Extremadura; o FIOT de Carballo en Galicia; o Festival Actual e a Sala Amós Salvador na La Rioja; o Festival de Molina del Segura en Murcia; o Phe Festival en Canarias; o Centro Botín en Cantabria; a Seminci en Castilla y León; o IVAM na Comunidade Valenciana e Baluarte en Navarra.

O mellor da cultura 2022

A oferta cultural galega en 2022 acada a súa mellor valoración histórica en calidade e innovación e sitúase como a sexta máis destacada de España segundo o ranking do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, elaborado en base ás opinións de máis de 400 profesionais do sector de toda España.

O informe sitúa a oferta galega entre as mellores. É a terceira comunidade que máis puntos sobe, un total de 7,7 máis. Isto permítelle escalar dous postos na listaxe e colocarse sexta, por detrás de Madrid, Cataluña, País Vasco, Comunidade Valenciana e Andalucía. Por cidades, A Coruña entra no top ten das 40 con mellor programación. Sobe seis postos e sitúase na décima posición, con máximos históricos. Tamén están Santiago de Compostela, na 15 posición, e Vigo na 26.

O Observatorio da Cultura inclúe ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Xacobeo no ranking español sobre o mellor da cultura en España en 2022 e, ademais, o Festival Internacional Outono de Teatro FIOT de Carballo, apoiado pola Xunta, entra na categoría de Insignias culturais de España, como unha das iniciativas máis destacadas.

Mellores propostas galegas

No ranking autonómico, a Cidade da Cultura de Galicia volve situarse entre as tres propostas galegas máis valoradas das 20 que integran a listaxe na que, nun ano con gran protagonismo do Xacobeo, se inclúen diversos museos galegos, así como propostas de artes escénicas e musicais. Tamén están altamente valoradas Escenas do Cambio ou o Centro Dramático Galego, que se incorporan por primeira vez a esta listaxe.


Publicidade

O informe valora, así mesmo, propostas singulares desenvolvidas no medio rural e novamente Galicia destaca, con seis iniciativas entre as mellores de España. Trátase de Cultura no Camiño e os festivais Agrocuir da Ulloa, Bal y Gay na Mariña lucense, Cans no Porriño, o Festival da Luz en Boimorto e o Festival dos Eidos no Courel.

Galicia aspira a manter e mellorar a valoración durante este ano, para o que vén de aprobar o novo Plan Xeración Cultura 2023 cun investimento de 34M€ por parte da Xunta. Inclúe unha batería de accións para seguir co crecemento do sector e prepararse para afrontar novos retos.

Máis de 30 anos de FIOT

O FIOT de Carballo é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 31 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas 31 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, perto de 300 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais desta recente ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alleo colectivo glovo

Colectivo Glovo convoca as residencias Atopémonos Bailando

Cortina vermella

La Bañeza convoca o XI Certamen Nacional de Teatro Amateur In Vino Veritas