A asociación Academia Galega de Teatro expresou o seu “rexeitamento e incomprensión” ante o a decisión por parte do Centro Dramático Galego, produtora da montaxe teatral Shakespeare en Roma, de participar no Festival de Mérida cunha versión en castelán realizada ad hoc para a ocasión.
Sinalan nun comunicado que o Centro Dramático Galego, como institución, debe “garantir o progreso da cultura galega, e concretamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural”.
Remarcan dende a asociación, a oportunidade que supón un festival da categoría do de Mérida, “un escaparate de primeira liña precisamente para actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión do galego é máis evidente”. “O galego conta con calidade demostrada e gran capacidade para proxectar a identidade galega máis aló das nosas fronteiras, así como para contribuír ao desenvolvemento cultural do noso país”, insisten.
Para a asociación galega, o contexto dos festivais internacionais é o propicio para mostrar as capacidades das linguas. Por unha banda, explican, o público que acode “está afeito asistir a espectáculos en calquera idioma, de feito, ese é un dos incentivos deste tipo de encontros” e, por outra, aseguran que os organizadores contan coa estrutura técnica necesaria para ofrecer un
espectáculo subtitulado sen menoscabar a función.
“A representación en galego suporía unha oportunidade incomparable para recoñecer a pluralidade lingüística”, afirman. A todo isto engaden que renunciar a utilizar a lingua na que se creou o espectáculo escénico supón “corromper” a experiencia artística que “se deriva da súa contemplación”. A asociación pecha o comunicado convidando o Centro Dramático Galego a “recapacitar e rectificar” nesta decisión e a ofrecer ao público do Festival de Mérida a versión orixinal da obra Shakespeare en Roma.