in ,

A Academia Galega de Teatro pide que ‘Shakespeare en Roma’ soe en galego no Festival de Mérida

A asociación mostra a súa incomprensión e pide ao CDG que “rectifique” e leve a Mérida a montaxe orixinal

CDG Shakespeare En Roma
'Shakespeare en Roma', producida polo CDG. Foto: Miramemira

A asociación Academia Galega de Teatro expresou o seu “rexeitamento e incomprensión” ante o a decisión por parte do Centro Dramático Galego, produtora da montaxe teatral Shakespeare en Roma, de participar no Festival de Mérida cunha versión en castelán realizada ad hoc para a ocasión.

Sinalan nun comunicado que o Centro Dramático Galego, como institución, debe “garantir o progreso da cultura galega, e concretamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural”.

Remarcan dende a asociación, a oportunidade que supón un festival da categoría do de Mérida, “un escaparate de primeira liña precisamente para actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión do galego é máis evidente”. “O galego conta con calidade demostrada e gran capacidade para proxectar a identidade galega máis aló das nosas fronteiras, así como para contribuír ao desenvolvemento cultural do noso país”, insisten.


Publicidade

Para a asociación galega, o contexto dos festivais internacionais é o propicio para mostrar as capacidades das linguas. Por unha banda, explican, o público que acode “está afeito asistir a espectáculos en calquera idioma, de feito, ese é un dos incentivos deste tipo de encontros” e, por outra, aseguran que os organizadores contan coa estrutura técnica necesaria para ofrecer un
espectáculo subtitulado sen menoscabar a función.

“A representación en galego suporía unha oportunidade incomparable para recoñecer a pluralidade lingüística”, afirman. A todo isto engaden que renunciar a utilizar a lingua na que se creou o espectáculo escénico supón “corromper” a experiencia artística que “se deriva da súa contemplación”. A asociación pecha o comunicado convidando o Centro Dramático Galego a “recapacitar e rectificar” nesta decisión e a ofrecer ao público do Festival de Mérida a versión orixinal da obra Shakespeare en Roma.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Menú do día no FIOT31

O Certame Metro Cadrado do FIOT acepta novas propostas

Xampatito

As compañías galegas Caramuxo, Rebordelos e Xampatito Pato no Camiño Escena Norte 2023