Anunciada como unha “estrea mundial”, a primeira función de Backstage no Auditorio do Concello de Vigo o pasado 14 de outubro serviu ademais como presentación da compañía ourensá NegroLópez, conformada polo actor e clown Iván Davila e o músico e actor Brais Iriarte.
A entrada mesma ao espectáculo sérvenos para comezar a coñecer a esta agrupación, xa que atopamos a sala a pano aberto e coa escenografía iluminada, cun dos intérpretes “durmindo” comodamente dentro dun caixón. Mentres o público vai sentando, unha música circense nos acompaña, adiantando xa o que será o código da peza. Unha vez sentadxs, a adoitada mensaxe que nos lembra de apaga-los nosos teléfonos móbeis é substituída por unha outra mensaxe semellante, mais dobrada coa voz do propio Iván Davila. Isto serve como primeiro gag da peza, xa que a mensaxe repítese unha e outra vez, nos máis diversos e insospeitados idiomas, frustrando a entrada ao escenario do segundo intérprete, que ten que agardar ao remate da(s) mensaxe(s) para facelo.
A peza será, dende entón unha sucesión de números cómicos, algúns deles grandes clásicos do humor e a farsa circense, como pode ser a variación do “número da cadeira” tan popularizado por Pepe Viyuela. O aparello que non obedece, o obxecto que semella ter son propio, o truco do espello ou o susto de atoparse polas costas son outros dos números clásicos, tomados de xenios como Charles Chaplin ou Buster Keaton, que NegroLópez reinterpreta para ledicia do público.
A historia “detrás” deste backstage (perdón polo xogo de palabras, non me puiden resistir) é amable: como a pesares dos conflitos, a amizade e o traballo en equipo axudan a solucionar as dificultades.
Monsieur Moustache (Iriarte) é un afamado músico que entra nas bambolinas dun teatro ou sala de concertos para preparar a súa inminente actuación. Alí está xa, agardando por el, o seu asistente (Davila), disposto a axudalo en todo o que tan gran artista precise. En todo? Ben… o despiste do asistente, quen non pode resistir xogar antes que facer o seu traballo, levará ao señor Moustache ao límite da súa paciencia, mais… finalmente, a amizade prevalecerá.
Backstage é unha peza que diriamos feita a medida para a compañía NegroLópez, xa que aproveita os talentos propios dos seus integrantes (as habilidades para o teatro físico e o clown de Davila e a pericia musical de Iriarte) para construír con elas un espectáculo cuxa vis cómica é ben agradecida polo público.
O espazo escénico, firmado por José Faro “Coti” (do mesmo xeito que a iluminación), lévanos a ese lugar que hai sempre tras do escenario, onde descansan (ou non) xs artistas antes da súa actuación. Son lugares cunha certa maxia e moitas suores prendidas nas súas paredes que nesta peza axúdannos a ver a outra cara do mundo do espectáculo: a necesidade do traballo en equipo, moitas veces agochado tras das cortinas, para poder levalo adiante.
Con todo, compre dicir que o espazo ideado por Coti é bastante máis amable que moitos dos camerinos que nos temos topado polos teatros do mundo… e dende logo, cheo dunha cachivachada moito máis útil!
Este conxunto de obxectos é, como debe de ser nun espectáculo de aire circense, de emprego e significado múltiple, podendo por exemplo unha botella de “spray” servir como desinfectante, perfume ou xerro para flores.
Os intérpretes, ademais de desenvolver os seus respectivos talentos sobre o escenario, son solventes e dinámicos, axudando a manter o ritmo da peza sen que esta perda pé. Neste sentido, a especialidade clownesca de Iván Davila está moi xustamente compensada pola de Brais Iriarte, de xeito que temos unha especie de xogo entre o “pallaso bo” e o “pallaso malo” ou o “parvo” e o “listo”, no que cada un se comunica coa súa propia linguaxe (unha especie de inglés para Davila, unha especie de francés para Iriarte, ademais do seu emprego da música) ata que chegan ao entendemento.
A dirección de Chiqui Pereira, fundador da coñecida compañía Berrobambán, axuda a que todos estes elementos coincidan a favor do espectáculo. Aínda así, se cadra o número do romance coa marrá (rescate e persecución en moto incluídos), que ocupa unha parte importante do espectáculo, sexa o que se nos antolla máis confuso, debido a que as figuras que empregan como marionetas son tan pequenas que é moi difícil seguir o desenvolvemento da escena dende o patio de butacas.
Finalmente, e unha vez resoltos os atrancos, comeza o espectáculo e ábrese o pano para Backstage, que nos fala do importante que é apoiarse e confiar nos demais. Algo que, hoxe en día, non está de máis lembrar.