in

Aumentou nun 56%, en 2023, a programación das salas privadas de artes escénicas de Galicia

Sala Ártika e Teatro Ensalle de Vigo e Sala Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña ofreceron 355 funcións a 15.773 persoas

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reunirase con representantes de salas escénicas galegas de titularidade privada. Foto: Xoán Crespo.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reunirase con representantes de salas escénicas galegas de titularidade privada. Foto: Xoán Crespo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse coas persoas responsables dos espazos que teñen sido adxudicatarios da convocatoria de axudas aos espazos de artes escénicas nos últimos anos, para facer balance desta liña de traballo. No encontro participaron Tatiana Lickacheva, de Teatro del Andamio; Marcos Alonso e Anxo Fernández, da Sala Ártika, e Pedro Fresneda, de Teatro Ensalle. A estes escenarios súmase, ademais, a Sala Gurugú como cuarto local subvencionado.

Todos eles achegaron cifras de resultados das respectivas salas, que no seu conxunto  programaron un total de 355 funcións, ás que acudiron 15.773 persoas. Estes números supoñen un incremento de algo máis do 56% con respecto ao ano pasado, no que se computaron 200 funcións. Ademais, neste 2023 convocáronse nos devanditos catro espazos 20 residencias, 35 coloquios, catro ciclos temáticos e outras actividades como campañas escolares, clases maxistrais, colaboracións con centros de ensino e diferentes ONG, unha exposición e unha escola de interpretación con 160 alumnos.

Valor para a creación de públicos

A Xunta lanza a primeira convocatoria do seu plan anual de subvencións ás industrias culturais coa publicación no Diario Oficial de Galicia das bases para as salas privadas de artes escénicas. O investimento nesta liña de axudas consolida o incremento aplicado na convocatoria de 2023 e sitúase nos 200.000 euros para impulsar a estabilidade no desenvolvemento dunha programación de carácter profesional por parte deste tipo de espazos.

Con esta liña de subvencións, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recoñécelles ás salas escénicas galegas o seu destacado papel ao servizo da difusión e da creación de públicos para o sector, ao tempo que garante a cobertura dos custos derivados do mantemento da súa actividade.

Como na anterior convocatoria, as novas bases que rexen para 2024 definen como destinatarias destas axudas aquelas persoas profesionais autónomas ou xurídicas privadas xestoras de salas de artes escénicas e posuidoras da correspondente licenza de apertura, sempre que os espazos non teñan unha capacidade superior ás 150 localidades e tiveran realizado un mínimo de 50 representacións durante 2023.


Publicidade

Cada unha das entidades subvencionadas poderá obter unha axuda máxima de 75.000 euros cun límite do 75% do gasto subvencionable. A contía recibida destinarase a gastos vinculados á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.

Prazo ata o 19 de xaneiro

O prazo para a presentación das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de xaneiro. A súa concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva a partir da avaliación dunha comisión nomeada para tal fin, que terá en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2023. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, son outras das cuestións que se valorarán, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos, entre outros.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Geraldine Leloutre

Iribarne

'A farsa' (1968) de Laxeiro. Colección ABANCA. Foto: Afonso Becerra.

Crítica, dramaturxia e cuestións de pel