in

Posgalicia Escena Pro

O que queremos ver

'BELIAL, DESOBEDIENCIA E VANDALISMO' (Museo MARCO de vigo, 19/09/19). Foto: Carlos Deteis.
'BELIAL, DESOBEDIENCIA E VANDALISMO' (Museo MARCO de vigo, 19/09/19). Foto: Carlos Deteis.

Aplaudimos cun sorriso de orella a orella, a miña veciña de butaca, artista polifacética que xa tocou case todos os paus, desde a produción á distribución, dime: “Aos programadores seguro que non lles gustou nada. Pero que ben o pasamos!”

Efectivamente. Divertímonos, rimos e até alucinamos nalgúns momentos. Estamos en Galicia Escena Pro 2024 (GEP24), a décimo primeira edición. Acabamos de ver un espectáculo de pallasos para adultos. Para adultos porque a maioría das veces dá a impresión de que os pallasos traballan só para a infancia. Neste caso sorprendeunos o lado un tanto vándalo e punk e, sobre todo, a maneira trapalleira de actuar. Unha maneira un tanto torpe ou descoidada que parece formar parte da poética (selo) destes pallasos ou desta peza, xa que en ningún momento mostran unha pretensión contraria. Ou sexa, en ningún momento hai un afán de preciosismo. De feito, traballan con elementos escénicos reciclados e o conxunto ten un certo estilo “trash”. A torpeza e o naif parecen formar parte do show, tamén o desenfado bufonesco, dicindo en voz alta algúns pensamentos que, por educación ou por vergoña, calamos. En todo caso, vese que teñen moita rúa. Aquí “ter moita rúa” refírese a esa dimensión que tamén poderiamos denominar como contacto coa xente de a pé e non só con iso que podemos denominar como público teatral (porque, para que negalo, hai un público teatral, persoas que adoitan ir ao teatro, e hai moita xente que nunca nun entrou).

Así que, ao acabar o show, sorrindo e con sensación de telo pasado ben, a miña veciña de butaca, a artista, dime: “Isto aos programadores seguro que non lles gustou nada. Pero nós que ben o pasamos!” Estas palabras quédanseme gravadas, coma se nesa sentenza houbese unha verdade inextricable.

Continuamos a feira de artes escénicas e atópome cun grupo de programadoras/es tomando algo nunha terraza, á beira dun teatro ao que estabamos a piques de entrar para ver outro espectáculo. Saúdo e pregunto que tal, pregunto se viron algo que lles interesara. Unha programadora municipal coa que teño boa relación e na que confío, porque creo que fai moi ben o seu traballo, dime, en unanimidade cos seus colegas de mesa, o pouco que lles gustou o show dos pallasos. Dime que, de feito, xa acudiran poucos programadores para velo e que, dos que foron, algúns marcharon antes de que acabase a función e que ela quedou durmida en varias ocasións e que aquilo era moi vello e moi mal feito.

Esta persoa, unha magnífica profesional baixo o meu punto de vista, é alguén con experiencia, que acode a estreas, que vai a feiras, que ten unha formación e un criterio.

Outro espectáculo que, segundo algúns profesionais cos que teño trato, fracasou “estrepitosamente” foi o dunha compañía emerxente, con estética “trash” e cun humor moi sui géneris. Curiosamente, esta compañía emerxente e o show dos pallasos teñen varias cousas en común: un dos mozos creadores da compañía foi o director da peza dos veteranos pallasos (non o comentei antes, pero trátase dun dúo de pallasos veteranos); a estrutura fragmentaria de colaxe de ambas as dramaturxias; a importancia do real en escena, máis que da construción eminentemente ficcional, ou sexa, a importancia dos propios actores, da manipulación, case de carácter laboral, dos obxectos; a natureza dos materiais reciclados; o naif, o paródico e o caricaturesco; e o trapalleiro.


Publicidade

Curiosamente, ambos os espectáculos foran defendidos por min na comisión de selección de GEP24, aínda que, evidentemente, non foran os únicos que defendín. Tamén defendín, entre outros, todos os que acabaron sendo seleccionados en danza e aí, segundo parece, si que houbo un éxito unánime, a xulgar pola resposta do público en xeral. Pero eses dous fracasos relativos dan que pensar. É necesario subliñar isto de relativos, de fracasos relativos, porque hai que considerar que só solicitei a opinión dalgunhas persoas que se dedican a iso da programación teatral, coas que teño un certo trato e coas que coincidín, de maneira aleatoria, eses días de GEP24.

Dándolle algunhas voltas á irresoluble ecuación cheguei a pensar: a ver se, inconscientemente, defendín esas dúas propostas, que supostamente fracasaron, porque, en ambos os casos, non parecen “programables” polos teatros municipais de Galicia. A ver se, inconscientemente, as defendín na comisión de selección porque se trata de dúas propostas, no caso da compañía emerxente é máis obvio, que non se fixeron tentando seguir a receita non escrita do que queren ver as programadoras e os programadores dos teatros municipais galegos. Non o afirmo. Pregúntomo. Se a resposta fose afirmativa, entón podería interpretar tales propostas escénicas como feitos disruptivos nun contexto de programación teatral máis ben conservador, no que incumbe a estéticas e modalidades. Un contexto no que se adoitan repetir, case sempre, os mesmos nomes de artistas e de compañías e onde nomes como o de AveLina Pérez, por poñer un exemplo, nunca contan. Tamén podería citar a Diego Anido. Comentáronme que O deus do pop (espectáculo cuxo texto podedes encontrar publicado nos libros da erregueté), en GEP23, tamén suscitou polémica entre algúns programadores, que saían da función botándose as mans á cabeza: Pero isto que é? Isto non é teatro! Quizais porque ambos os exemplos tamén comparten esa pulsión disruptiva e punk ou ese transitar por zonas difíciles de etiquetar. Quizais, tamén, porque hai quen vai ao teatro para ver o que quere ver e non para abandonarse e liberarse dos seus gustos, dos seus coñecementos e para acceder e descubrir outros mundos, outras posibilidades, outras sensibilidades. A outredade, o descoñecido (que sempre nos dá algo de medo e nos fai sentir inseguros), o inhabitual… o que, en definitiva, nos expande e nos abre.

En todo caso, continúa a dúbida e non teño, para nada, a sensación de ter resolvido a ecuación.

En todo caso: que queres ver? Pois, nada, que che dean o que queres ver. O que se supón que queremos ver. E así, todos tan contentos.

Ben sabido é que, igual que non escoitamos todo o que se nos di (oído selectivo), tampouco vemos todo o que hai. Só vemos o que queremos ver.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Metodoloxías Carroñeras para Corpos Invertidos. Imaxe de Manuel G. Vicente.

Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos

Ana. F. Melero. Foto: Pablo Vargas.

SóLODOS EN DANZA en Ourense, Amiadoso e Xunqueira de Espadanedo