O Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas acolle esta noite, ás 22.00 horas, unha nova edición do Torneo de Dramaturxia de Galicia, a oitava xa; un evento que se segue a consolidar como unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a dramaturxia galega, creando un nexo directo entre autoras e autores e público. A mestra de cerimonias desta nova edición será Déborah Vukusic, que colle o testemuño de Esther F. Carrodeguas.
Combatentes de 2024
As e os combatentes deste ano preséntanse así:
- BORJA FERNÁNDEZ: Navalla multiusos nisto das artes vivas, comezou na Sala Nasa alá polo 2000. Cando lle deixan, actúa, dirixe ou escribe. Ten un un mestrado de dramaturxia no estranxeiro sen apostilar, unha tese sen publicar e unha licenciatura asinada polo rei emérito. Nos últimos cinco anos viviu en catro países dos dous hemisferios simulando outras vidas. Actualmente non ten débedas con facenda.
- CRIS BALBOA. Creadora galega que ten como motor a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde na súa proposta artística se mesturan palabra, acción, danza, audiovisuais e música. Promotora da Compañía Funboa Escénica. No 2023 realizou unha Residencia Dramática no CDN para a creación do texto do seu proxecto Roland mon amour. Actualmente está inmersa na creación da súa nova peza Sinte, que recibiu un Residencia Paraiso 2024.
- GUSTAVO DEL RÍO. Director de escena, dramaturgo e docente teatral, con máis de vinte anos de experiencia nas artes escénicas. Director da compañía Os Náufragos teatro, leva a cabo un labor de dramaturxia dando visibilidade a temáticas de contido social. Na Coruña dirixe a Escola ON de teatro.
- TERESA GONZÁLEZ COSTA. Teresa é d’Ogrove. Agora mesmo vive entre Galicia e os Pirineos Atlánticos, escribindo, actuando, achegándose á vida das abellas e plantando árbores nas montañas. Tamén loita obstinadamente por aprender o éuscaro.
Sinopse
Unha mestra de cerimonias única presentará este furioso combate no que catro recoñecidas dramaturgas e dramaturgos de Galicia bátense na procura do voto do público. As armas? Retruques da palabra, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións, silencios.
O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote os textos que máis lles teñan gustado para que, de entre as catro pezas participantes, resulte unha soa a gañadora. Trátase dun espectáculo teatral, divertido e único que se verá avivado pola participación activa do público.
O proxecto conta coa colaboración de DramaturGA, a asociación galega de Dramaturxia, e do Centro Dramático Galego.