Logo da súa estrea no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o 21 de xuño deste mesmo ano, chega Dique de Nova Galega de Danza como espectáculo de apertura da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, inaugurando a súa 40 edición e dentro das celebracións dos 20 anos da propia compañía sobre os escenarios.
Neste caso, ademais, escolleron un tema que tamén está de aniversario: os 150 anos do inicio da construción do “Dique da campá” de Ferrol, que segundo os expertos foi a obra de enxeñaría hidráulica máis importante en España, no século XIX. Unha obra na que participaron 200 mulleres que moveron até 245.000 metros cúbicos de terra e pedras nun traballo de esforzo e en condicións de absoluta dureza.
Trasladar este asunto aos escenarios require tamén un traballo de esforzo, neste caso dende a produción e a concepción escénica, no que Nova Galega de Danza pon sobre as táboas a nada menos que oito bailarinas, entre as que participan nomes xa coñecidos da compañía como Inés Vieites ou Estefanía Gómez.
Dentro do panorama da escena galega, e para ser máis concretos da danza galega, unha produción como Dique é considerada por forza unha súper produción, que cos medios dos que dispón o noso sistema non podería chegar a realizarse sen o apoio ou patrocinio de entidades como a propia MIT e, por suposto, o Centro Coreográfico Galego, que considerou Dique como a peza máis interesante para a súa convocatoria de espectáculos de gran formato no 2023.
Un gran formato que se corresponde tamén co concepto escénico, apartado no que convidaron a Marta Pazos para o traballo da dirección e dramaturxia, así como á coñecida bailarina mallorquina Belén Martí Lluch para a parte da coreografía.
Con todos estes vimbios, construíuse un espectáculo que pretende pór en valor o traballo e a significación daquelas mulleres ferrolás, nun contraste explícito -dende o mesmo concepto do espazo escénico- entre a figura da muller (entendido como arquetipo) e a pedra, nun duelo de forza, resistencia e dureza.
Algo que queda ben claro dende o comezo, cun escenario que semella unha morea de bloques de pedra e, de xeito máis evidente, cunha enorme pedra de granito que estará todo o tempo sobre as cabezas das bailarinas en escena: unha ameaza latente como a espada de Damocles que axuda a xerar unha tensión escénica potenciada ademais pola insistente cor vermella que domina a primeira parte da peza.
Esta tensión verase aliviada dalgún xeito na segunda parte, marcada por un evidente cambio no vestiario do corpo de baile, que acaso resoa como eco do mar co que o propio dique de Ferrol tivo que combater tamén durante a súa creación, opoñendo a forza telúrica da pedra á inmensidade atlántica, a través do esforzo humano das estibadoras.
Acaso sexa o máis recorrente na concepción xeral do espectáculo: a forza e o esforzo como motor do movemento, algo que queda patente tanto na composición musical de Clara Aguilar como no deseño dos movementos e dos xestos, de forma máis ou menos poética, como a imaxe da liña de mulleres e sombreiros.
No seu conxunto, acaso Dique non sexa un espectáculo tan redondo como outros que teñamos visto de Nova Galega de Danza, quen foi premiada polo público no 2020 coa estupenda Leira e no 2016 coa non menos significativa Son.
Salientar a beleza da estética e a composición escénica do conxunto, unha paisaxe na que acaso botamos en falta -de xeito moi persoal- un maior tempo escénico para certos momentos de moita forza evocadora ou para as transicións.
Salientar tamén o enorme traballo do corpo de baile, onde podemos apreciar a forza motora de Estefanía Gómez (líder coreográfica en moitos momentos), de Inés Vieites ou os solos de Carmen Cebrián, en diálogo coa pedra.
Mención específica tamén para un dos grandes acertos da peza, como é o deseño do vestiario de Cláudia Vilà, responsable tamén do deseño da escenografía. Un vestiario que non só permite amplitude e beleza nos movementos, senón que refire perfectamente a época histórica do momento e fala a través das texturas e das cores dunha Galicia icónica e acaso mítica.