Co gallo da celebración do seu 40º aniversario, o Centro Dramático Galego presentou este ano unha programación ambiciosa, na que se mesturan producións propias con coproducións, tanto no plano nacional como no internacional.
Dalgunhas delas xa temos falado nestas páxinas da Erregueté, como pode ser o caso de Manuela Rey Is In Da House, Os actos e as profecías ou De Vilatriste a Vilalegre.
Dentro da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia deste ano aconteceu a estrea absoluta de outra destas propostas, Nada se sabe: unha coprodución dirixida entre o galego Fran Rei e o madrileño Ignacio García (quen foi director do Festival de Almagro até o 2022), e realizada entre o Centro Dramático Galego e Culturactiva, produtora e distribuidora galega de teatro e música que ten ás súas costas anos de experiencia na inclusión no teatro, como amosan as súas iniciativas do festival Festigual ou o Foro de Artes Inclusivas.
Precisamente, esta peza chega baixo o auspicio do “teatro inclusivo”, dentro do programa de inclusión do propio Centro Dramático Galego e en conexión coa futura Lei de cultura inclusiva e accesíbel que pretende promover a Xunta de Galicia.
Neste sentido, Nada se sabe parte da reflexión de canto inclusiva é a nosa sociedade e de como tratamos realmente as persoas con diversidade. Algo exposto dende a dramaturxia, que aproveita as vidas e características propias do mesmo elenco para ofrecer un abano de diferentes xeitos de aproximarse á realidade, como poden ser a xordeira, a cegueira, a diversidade funcional, ou o trastorno de espectro autista.
Unha pregunta que, por desgraza, ten unha resposta obvia, pois de non ser precisa aínda esta denuncia social, non estariamos a falar da necesidade do teatro inclusivo nin desta peza en concreto.
A dramaturxia da peza, ademais de construírse ao redor do elenco, emprega dous textos fundamentais, como son Quod nihil scitur (Que nada se sabe, do tudense Francisco Sánchez “O escéptico”) e Filoctetes, de Manuel Lourenzo. Da primeira, publicada por primeira vez no 1581 e preludio ao cartesiano “só sei que nada sei”, recóllese o concepto da dúbida como ferramenta indispensábel para o pensamento moderno: un pensamento limitado por unha cultura educada na certeza, nas verdades absolutas da política e da ciencia (agora que as relixións parecen ter quedado relegadas ao fanatismo e a filosofía ao esquecemento), moitas veces vertidas dende medios de dubidosa lexitimidade, e que merecen ser postas en dúbida para desenvolver o pensamento crítico e independente.
Unha “certeza” como a de que o mundo está construído para todes, de que a inclusividade é unha batalla gañada, de que xa todes desfrutamos dos dereitos do estado do benestar…
A outra é o Filoctetes de Manuel Lourenzo, versión da traxedia de Sófocles e na que se narra o mito do heroe abandonado polos arxivos no camiño a Troia porque tiña unha ferida fedorenta. Este mito, que en realidade fala da inxustiza do abandono e das voltas que dá a vida -cando nos decatamos de que precisamos aquilo que tiramos fóra-, lévanos a como a sociedade abandona as persoas con diversidade (funcional, motora, de procedencia, sexual…), relegándoas ás marxes do “normal”.
É así que aparecen en escena es catro intérpretes da peza: Alba, Corina, Elvis e Rubén, que intercalan entre escenas do Filoctetes momentos e reflexións da súa vida e das súas circunstancias, facendo unha alegación de normalización e reivindicando o seu dereito a non ser considerados estraños, raros, weirdos (como canta Elvis facendo súa a canción de Radiohead, Creep).
O elenco é sen dúbida o maior valor da peza, achegando humanidade, calidez e naturalidade na comedia a unha proposta acaso solemne de máis, escura e cunha construción escénica que se cadra pretende amosar as grandes dificultades que teñen as persoas con diversidade no seu día a día.
Mais aquí, xorde precisamente a pregunta. É o teatro inclusivo porque inclúe no seu equipo a persoas con diversidade? É o teatro inclusivo porque emprega linguaxe de signos, sistemas de audiodescrición, ramplas para a accesibilidade? É o teatro inclusivo porque fala de temas que atinxen a este colectivo e pretende concienciar ao resto das persoas? Ou hai a alguén máis a quen precisemos incluír?
Persoalmente penso que acaso debamos dar un paso máis e facer propostas que sexan quen de trasladar ao patio de butacas a diferenza, a concepción da realidade dunha persoa que non a mira como eu, que sexan quen de poñernos na pel da persoa que sufre a diario a discriminación.
E isto non se acada a través da narración, senón a través da sensación.
Así foi o caso do memorábel Hamlet da compañía peruana La Plaza, peza premiada polo público na Mostra de Ribadavia de 2022 e que foi quen de levarnos ao propio escenario para celebrar a alegría de vivir co seu elenco; ou de Helen Keller, a muller marabilla? da compañía galega Chévere e que foi un dos eixes da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas este mesmo ano.
Se non o facemos, corremos o risco de ficar no clixé e manter ao marxinado na marxe. Unha marxe que pode levar o foco, acaso por uns intres, pero que realmente non está integrada nin chega a transformar as conciencias.