O pasado sábado 19 de outubro, fun convidado a participar na VI Xornada de Formación Pinto e Maragota 2024, orientada, sobre todo, para profesorado de primaria e secundaria, cun relatorio titulado: “O teatro, espazo seguro. Propostas didácticas para a diversidade”. Foi no Teatro Principal de Pontevedra, entre outros relatorios e exposicións sumamente enriquecedoras e estimulantes no que eu considero un asunto, basicamente, de dereitos humanos.
Propóñome aquí, compartir a primeira parte do meu relatorio, no que intentei describir o estado da cuestión respecto aos escenarios e a diversidade sexual e de xénero.
A miña experiencia como docente, pertencente ao corpo de profesorado de música e artes escénicas, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, desde a súa apertura en 2005, faime pensar que traballo nun espazo seguro. Porén, ese espazo non é seguro de seu, porque nel tamén se filtra a misoxinia, a homofobia, a transfobia e, en resume, o machismo que veñen do contexto social. De feito, algún capítulo ten habido, na miña escola, no que alumnas e profesoras denunciaron algúns casos de abuso.
A miña experiencia nos escenarios ou arredor deles tamén me confirma que o teatro acostuma ser un espazo seguro. Porén, tampouco están totalmente libres de violencias machistas, a maioría das veces nun grao tan sutil, que case nin sequera nos dámos conta. Poderiamos dicir que se trata de excepcións, quizais si, pero existen e son suficientemente indicativas dun desequilibrio que cómpre corrixir.
A HOMOFOBIA QUE SE FILTRA NOS ESCENARIOS
Imos comezar, por exemplo, coa homofobia que existe nas rúas e que tamén se filtra nos escenarios case até sen decatarse.
A este respecto, gustaríame convidarvos a ler un breve artigo de Juan Escalona, alumno da ESADg, publicado recentemente na Sección PALCOS LGTBIQ+ da erreguete.gal, titulado: “Ha, ha, é gai, que gracioso”. Aquí temos unha análise dalgúns recursos cómicos utilizados nos espectáculos teatrais, que poden pasarnos desapercibidos, pero que, no detalle, delatan un desprezo e unha marxinación da diversidade sexual e de xénero.
Unha polémica recente a este respecto xurdiu co espectáculo IRIBARNE da Cía. ButacaZero, que está a ter grande éxito de público e tamén de crítica, até que ê Ariel Q. Sesar, nunha crítica na erreguete.gal sinalaba o seu desgusto co ton homófobo do gag cómico ao representar a figura do Ditador:
“Franco marica, Paquita. Franco travestido, parece a sua mulher em vez del. Estivem-lhe dando voltas a isto, e até o falei cum amigo para comentar-lho. Este amigo pensava coma mim, e ajudou-me a desenvolver o que estava pensando (obrigade, Xandre).
Partimos dum dato real: Franco tinha certo amaneiramento e isto tem sido motivo de burla, esta sátira nom a inventou ButacaZero. Mas, o que fijo ButacaZero, no ano 2023, é trasladar esta sátira ao palco, exagerando-a até, acriticamente. Como recurso cómico funciona, claro, para a gente cishetero, eu nom rim. Há muitas cousas polas que ridiculizar a um ditador fascista, por suposto. A questom é que se ti usas a ridiculizaçom da feminidade estás dando a entender ao público a feminidade num homem como algo humilhante, algo do que burlar-se, polo que nom deixa de ser um recurso homofóbico. E é um recurso que está mui instaurado. Constantemente vemos imagens como Putin pintado de drag. É o mesmo. Usa-se homofobia contra umha merda de pessoa, sim, pero nom deixa de ser homofobia. Igual temos que (re)pensar um pouco o humor.”
A AUSENCIA OU MARXINACIÓN DE ESPECTÁCULOS QUE PRESENTEN OU REPRESENTEN A DIVERSIDADE SEXUAL E DE XÉNERO
Tamén hai, no sistema teatral galego, unha certa marxinación ou ausencia de propostas escénicas que presenten ou representen as realidades da diversidade sexual e de xénero, alén da norma cis-hetero-patriarcal, que continúa sendo a hexemónica. A programación de espectáculos que teñan relación coa temática e co colectivo LGTBIQ+ acostuma a relegarse ao mes do Orgullo. O colega Iván Fernández, noutro artigo da mesma Sección PALCOS LGTBIQ+ da erreguete.gal, titulado: “Volver ás aulas”, analizando a programación da temporada deste outono, nos teatros públicos municipais e nas salas alternativas de Galicia, sinalaba que de 221 funcións programadas, só 5 pezas presentan contido abertamente LGTBIQ+
IDENTIFICACIÓNS E REPRESENTATIVIDADES
É moi difícil xerar espazos seguros, cando nos propios escenarios, onde se supón que o teatro reflicte as realidades ou crea mundos novos que nos fan abrir os ollos, fican relegados aos conflitos e ás historias cis-hetero-patriarcais nunha porcentaxe que asoballa e minora as realidades da diversidade sexual e de xénero.
Isto ten moito que ver co mecanismo da identificación e da empatía, que é fundamental para que se dea a catarse no teatro. Vou tentar explicarme: A espectadora e o espectador están, polo xeral, sentadas nunha butaca da platea ou da grada, compartindo o mesmo espazo e o mesmo tempo que as actrices e actores. A ficción teatral que se xoga no escenario, independentemente do grao de ficción/realidade (ou sexa, de que se trate de actrices/actores interpretando personaxes de ficción ou de actrices/actores actuando directamente espidos de personaxes, desde as súas persoas singulares), independentemente dese grao de ficción/realidade, van xerar unha identificación na recepción, mediante a súa caracterización e acción (ambas van unidas, porque os actos e o que facemos caracterízanos, alén dos xeitos de movernos, de vestir e da aparencia externa). Esa identificación equivale a unha empatía, segundo a cal, a espectadora e o espectador van vivindo e experimentando, dun xeito sublimado pola dramaturxia, o mesmo que lles acontece no escenario, para chegar á catarse ou purga, que consiste na expulsión saudable do exceso de humores, xeralmente malos humores, como a fobia e a piedade. Trátase, segundo o primeiro manual de dramaturxia occidental, que é a POÉTICA de Aristóteles, dunha operación baseada nos mesmos principios que a vacina: inocular o virus para mobilizar as autodefensas. De feito, a teoría da catarse aristotélica, de orde psíquica e fisiolóxica, en palabras do meu profesor Jaume Melendres, é tamén unha teoría política: “a vida social énchenos de angustia e imos ao teatro para recibir unhas gotas máis desta angustia, as cales, ao facer desbordar o vaso, liberan e dilúen os humores que levamos dentro ao entrar no teatro e restitúen o equilibrio. Desde este punto de vista, a catarse é unha terapia, cousa que sitúa a arte teatral no terreo das artes destinadas a protexer a saúde pública. Esta é a única razón que xustifica que o teatro teña que ser subvencionado polas administracións públicas.”, en palabras de Melendres.
Desde unha perspectiva moi achegada, tampouco podemos esquecernos que a identificación non só se restrinxe á liberación catártica de tensións acumuladas. Tamén existe unha identificación máis sinxela que é aquela de encontrarnos nos escenarios con seres semellantes a nós e con seres que accionan e xogan escenas ou situacións próximas.
Nestes casos a falta de representatividade nos escenarios de personaxes e de persoas, dependendo do grao de fición/realidade, do colectivo LGTBIQ+ non axuda a conseguir espazos seguros, porque dá continuidade á invisibilidade da diversidade sexual e de xénero.
Respecto ao grao de realidade, das persoas que se sitúan no escenario, alén dos personaxes ou espidas deles, é moi necesario considerar en que medida isto afecta a ese equilibrio e xustiza respecto á diversidade. Para iso pode resultarnos exemplar o movemento portugués nomeado “Casting Transfake”.
O CASTING TRANSFAKE
Neste breve repaso a algunhas eivas na integración plena da diversidade sexual e de xénero nos escenarios, non podemos esquecernos do que, en 2023, foi outra revolución portuguesa, a do “Casting Transfake”, que xerou todo un debate arredor da representatividade do colectivo trans. A polémica estendeuse ao propio concepto e filosofía da arte da interpretación, segundo a cal o traballo dunha actriz ou dun actor consiste, precisamente, en representar o que non é. Deste xeito, a mellor actriz ou o mellor actor, son aqueles capaces de interpretar unha personaxe totalmente afastada da súa propia identidade. Porén, aquí, por exemplo, cando un actor cis representa a unha muller trans, esquecemos algo moi importante nas artes vivas: como nos afectan as presenzas e os corpos reais, co arquivo vital que traen consigo ao escenario. Ou sexa, non se trata só dos efectos cognitivos e emocionais suscitados polo dispositivo ficcional do personaxe e da acción dramática, senón por como nos afecta a persoa real que está aí no escenario, diante de nós.
A descrición dos feitos que alimentaron ese debate, intentei reunila no artigo titulado: “Casting transfake. A outra revolução portuguesa”.
OS OASIS OU AS EXCEPCIÓNS NA PROGRAMACIÓN DE ARTES ESCÉNICAS
Podemos, non obstante, falar de compañías de teatro e de danza, de artistas e incluso dalgún festival que ofrecen espectáculos nos que a diversidade sexual e de xénero son importantes.
A min éncheme de orgullo que a primeira compañía de mulleres abertamente lésbicas saíse das aulas da ESADG, debutando profesionalmente, ademais, co seu Traballo Fin de Estudos: PAN, PAN (2013) de A Panadaría, con Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro.
Elisa e Marcela (2017) foi unha das pezas máis populares e está entre unha das que máis funcións fixo na historia do teatro galego, creo que achegándose ás 500 funcións.
O teatro desenfadado e humorístico destas tres mulleres é, sen dúbida, un dos mellores e máis efectivos exemplos de normalización da diversidade sexual e tamén da liberdade e ruptura cos canons da aparencia física feminina.
Na danza, Fran Sieira e a súa compañía, na que integra a unha das famosas Tanxugueiras, Aida Tarrío, e ao bailador, cantante e compositor, tamén de actualidade, Martín Modragón, Mondra, co seu espectáculo CEIBE(2024) pon sobre o escenario a cuestión do xénero e da tradición.
O festival CORUFEST na cidade herculina, que xa acadou a sétima edición, está integramente dedicado ás artes escénicas LGTBIQ+
Tamén podemos citar DESFOGA en Cambados (Pontevedra).
Despois están tamén outras compañías e artistas con propostas moi importantes, pero que fican menos visibles porque, como xa expuxen brevemente, compiten coa programación esmagadoramente maioritaria de carácter cis-hetero-patriarcal nos nosos teatros públicos.
Sobre estas outras propostas elaborei, polo mes do Orgullo, a pedido da CIG-Ensino, un relatorio que podedes consultar online, titulado: “Universo LGBTIQ+ nas artes escénicas galegas actuais”. Tamén se pode ver en vídeo aquí.
Este viría a ser o estado da cuestión, ao meu ver, no que atinxe aos escenarios galegos e á presenza da diversidade sexual e de xénero.