in

O meu balance das artes escénicas galegas en 2024

A partir dos espectáculos estreados en 2024

'WTF!' de Ay, Cariño! no Festival Teatro Gorrilla X Síntese Vigo. Foto: Afonso Becerra.
'WTF!' de Ay, Cariño! no Festival Teatro Gorrilla X Síntese Vigo. Foto: Afonso Becerra.

Acaba 2024 e toca facer balance. O meu balance das artes escénicas é, necesariamente, subxectivo, por iso é importante colocarlle diante “o meu”, porque o contrario sería pretensioso.

Durante este ano vin e escribín sobre uns 124 espectáculos de artes escénicas (teatro, danza, circo, ópera), en diferentes lugares, incluíndo algúns programados en 12 festivais:

13º GUIdance (do 1 ao 10 de febreiro), organizado por A Oficina de Guimarães. 6º END (Encontros de Novas Dramaturgias) do Colectivo 84 e A Oficina de Guimarães (18 a 20 de marzo). Galicia Escena Pro (27 a 30 de marzo), da Agadic e Escena Galega en Compostela. 37º Dansa València (5 a 13 de abril), do Institut Valencià de Cultura. 10º Escenas do Cambio (3 ao 5 de maio) da Cidade da Cultura. 47º FITEI do Porto (15 a 26 de maio). 41ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCF) de Cangas (do 27 de xuño ao 7 de xullo), organizada por Xiria. 41º Festival de Almada (do 4 ao 18 de xullo), organizado pola Companhia de Teatro de Almada. 40ª Mostra Internacional de Teatro, MIT de Ribadavia (19 ao 27 de xullo), Concello de Ribadavia e Xunta de Galicia. 3º Festival de danza e movemento ABANEA (mes de xullo), organizado por Is.Mo Cultura. Festival Teatro Gorrilla X Síntese Vigo (28 de setembro), coa Asociación de Veciños de Bouzas de Vigo. 33º Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT de Carballo (26 de setembro ao 31 de outubro), organizado por Telón e Aparte e o Concello de Carballo.

Aquí quero centrarme nas 24 pezas de artes escénicas galegas, estreadas en 2024, que puiden ver. Vou lembralas brevemente:

Eu, Fraude! de Paula Pier (Teatro Rosalía de Castro da Coruña, 12 de xaneiro). Un dálo todo en escena, cantándonos, contándonos e bailándonos, como unha xograresa contemporánea, desde unha liberdade enorme que fai caer todas as máscaras e poses fraudulentas que a sociedade parece demandarnos. Rock, baladas, rumbas, copla, recitado… para celebrar o corpo, o eu libre de fraudes, os amores e desamores, as amizades, as lembranzas, a nai, o teatro… incluso as feridas.

Non é unha canción da Cía. Souvenir, con María Llanderas e David Alonso (Teatro Rosalía de Castro da Coruña, 26 de xaneiro). Premio do V Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal da AELG. Estética e humor bizarros, entre a parodia e a caricatura dos postureos e das publicacións, nas redes sociais, sobre as vacacións e o turismo. Gags moi inventivos nunha peza na que se deixa sentir unha grande liberdade creativa, na que fixeron aquilo que quixeron facer e non o que se pode esperar.

Tanto Non é unha canción como Eu, Fraude! son pezas debut, pero as artistas non son noveis, xa levaban tempo acumulando experiencia. Trátase, ademais, de dúas pezas elaboradas a lume lento, sen un proxecto previo, unha subvención e un ou dous meses de ensaio. Pezas que se foron destilando da experiencia e da necesidade. Dúas creacións moi heterodoxas e até “disruptivas” respecto ao que se adoita facer no ámbito teatral galego.

PF – Site Specific 23 de Amparo Martínez Paz (A Morada, Vigo, 16 de febreiro). O tempo a tecerse entre as pernas e os pés da bailarina de agora cos da de hai trinta anos, mentres subir e baixar por unhas escaleiras se transforma en danza hipnótica. No vídeo, calzada, no site specific actual, descalza. Unha danza que soa e que, ao soar, fai tamén resoar o tempo e a emoción.

O dragón de ouro, estrea de Roland Schimmelpfennig en galego, traducido por Catuxa Pato e escenificado por Sarabela Teatro, con dirección de Ánxeles Cuña Bóveda (Teatro Principal de Ourense, 23 de febreiro). Realidade e fantasía crúzanse para retratar, a partes iguais, a crueldade e a tenrura do ser humano, a través dunha máquina espectacular de ritmo deportivo, onde o elenco quita e pon personaxes e escenas como quen se pasa o balón nun partido de fútbol. Ese afecto de Ánxeles Cuña Bóveda pola mestura entre a realidade e a fantasía xa se podía sentir na anterior montaxe de Contos arraianos de Ferrín.

CEIB3 de Fran Sieira Danza (Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas do Morrazo, 2 de marzo). O baile tradicional quebra, de xeito case onírico, os roles de xénero. Cunha primeira parte máis velada e ritualista e unha segunda máis descuberta, libre e sensual, que reborda nun movemento que libera os corpos dos xustillos binarios de xénero.

Sobre de Ensalle Teatro, Juan Navarro e Terrorismo de Autor (Teatro Ensalle de Vigo, 22 de marzo). Un espectáculo cheo de arrebato e humor no que se des-constrúe o teatro e as súas xustificacións, iso de facer espectáculos baixo coartadas temáticas, aquilo de preguntar: “Sobre que vai isto?” Como se a resposta a esa pregunta puidese ser garantía dalgo en teatro. Cunha Raquel Hernández e un Artús Rei bestiais, facendo unha fogueira metafórica cos focos, os cables, as butacas, os altofalantes, a roupa e con todo aquilo co que se fan espectáculos. Volveron, despois, re-estrear outra versión na Sala de exposicións do Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, nunha coprodución coa 41ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, no verán, e volveu ser un acto de disidencia teatral respecto a todo o que se adoita programar, polo menos, nos teatros públicos de Galiza.

Noso de Os Náufragos Teatro, con texto e dirección de Gustavo del Río (Estreouse no Rosalía da Coruña, pero eu vino na Sala Ártika de Vigo o 24 de marzo). O conflito dos eólicos fai que unha familia se reencontre para solucionar a posible desfeita da casa da que saíron. Enfróntanse aí as maneiras de ver a vida de xeracións próximas, pero afastadas por modos de vida diferentes: rural/urbano, dixital/analóxico etc., desde unha voz narradora implicada na acción que é a dun personaxe queer.

Millo vello, peza debut de Ay, Cariño!, de Cris Vilariño e Diego M. Buceta (Teatro Ensalle de Vigo, 23 de abril). Unha fantasía que nos enraíza nos vimbios cos que danzan e tecen un cesto ou un niño xigante, entre a xestualidade laboral e a xestualidade mítica estilizada do baile, cun rico universo sonoro producido pola percusión dos vimbios no chan e pola música da batería. Ao final, o cesto acaba por ser unha casula ou crisálida da que afloran seres brillantes, nunha transformación chea de maxia.

Perder a lingua de Eva Comesaña (Sala Ártika de Vigo, 27 de abril). A bailarina móvese prendida pola performance vocal de Rubén Fernández, nun prodixio de paisaxe vocal inarticulada e preciosamente musical, ata chegar a algún retrouso e ao verso tremendo: “Perder a fala. Perder a lingua”. Hai unha sinestesia entre as ondas sonoras e as coreográficas de grande singularidade, conxugadas coa iluminación e a vídeo-arte, enguedelladas nas dinámicas de gráficos de son e os módulos escenográficos.

Os actos e as profecías do Centro Dramático Galego (CDG), con dirección de Tamara Canosa (Salón Teatro de Compostela, estrea o 11 de abril, eu vino o 22 de maio). Foi o espectáculo central dos actos polo 40º aniversario do CDG. Unha produción que daba xenio vela porque había en escena unha vintena de intérpretes de diferentes xeracións. Coa escusa argumental do casting para un “talent show”, o espectáculo rende homenaxe á profesión actoral e, polo uso do espazo, coa acción a tres bandas e o público no medio, ao propio edificio do Salón Teatro, sede do CDG. A peza é entretida porque combina diferentes números musicais e cómicos con escenas dramáticas, sobre o prezo da fama, confrontado coas miserias dos artistas.

Mesura de Raquel Ferradás (Estreou no Festival Escora Danza en Carnota, o 26 de maio. Eu vina no Galicia Escena Pro 24 (GEP24), na Praza de San Martiño Pinario. Compostela, 29 de maio). Ferradás debuta con esta peza na que lle baila á espera en diferentes momentos da vida. As rutinas circulares e as paisaxes da espera transmútanse en movementos de grande delicadeza e fluidez.

The Exposure de Tanit Cobas (GEP24. Praza de San Martiño Pinario, Compostela, 29 de maio). Resalta o humor co que parecen parodiar as poses das bailarinas e bailaríns, que sempre teñen que estar fantásticas. The Exposure é unha especie de liberación diso de ter que manter a compostura e incluso dos clixés do contemporáneo.

Anöa de Elvi Balboa (Estreouse no Rosalía de Castro da Coruña o 19 de abril. Eu vina no Salón Teatro de Compostela, o 30 de maio, dentro do GEP24). Chama a atención a capacidade que teñen para xerar misterio e intriga, a través dun movemento, unha iluminación, un vestiario e unha música que nos levan cara a un universo parecido ao da ciencia ficción. Trátase dunha peza hipnótica dacabalo do tránsito cara ao clímax.

É difícil fotografar o baleiro do Colectivo d’Elas, dirixido por Julia Laport (Estreado no Teatro Jofre de Ferrol, o 5 de abril. Eu vino no Teatro Principal de Compostela, o 29 de maio, no GEP24). Trátase dunha peza moi coral que xoga con efectos visuais, xerados polas composicións dos corpos e as caras. Foi o debut do Colectivo d’Elas, formado por bailarinas novas. Chama a atención a súa procura da espiritualidade, do misticismo e do transcendente a través da carnalidade. Traballan con canto gregoriano e forman parte das súas composicións corporais as máscaras faciais.


Publicidade

Dique de Nova Galega de Danza, con dirección escénica e dramaturxia de Marta Pazos e coreografía de Belén Martí LLuch (Salón Teatro de Compostela, 23 de xuño). É unha proposta esteticista, co selo recoñecible de Marta Pazos, na que o baile tradicional e a coralidade son o motor, evocando a historia da construción do dique da campá de Ferrol, feito por mulleres.

Ruar do Colectivo VACAburra, con Andrea Quintana e Davide González, dirixido por Gena Baamonde, en coprodución coa 41ª MITCF de Cangas (Praza da Constitución de Cangas, 5 de xullo). A interioridade proxéctase nas ganas de ruar e de facer festa, xogando coa percusión e o movemento do corpo, facendo soar, de xeito moi inventivo e lúdico, todo o que os rodea.

Pensar a contratempo de Suevia Rojo (3º Festival de danza e movemento ABANEA 2024. Pavillón do Mercado de Marín, 20 de xullo). Foi o debut de Suevia, que nos sorprende coa calidade do seu movemento, desde unha aparente sinxeleza anti-efectista, chea de beleza e de capacidade para ampliar horizontes.

Nada se sabe do CDG e Culturactiva, dirixido por Fran Rei e Ignacio García (40ª MIT Ribadavia. Auditorio do Castelo de Ribadavia, 26 de xullo). Un espectáculo, cun elenco con diversidade funcional, que tematiza a discapacidade, a través das historias persoais e do xogo de representar o Filoctetes de Manuel Lourenzo.

Cancións amarelas, flores tristes da Cía. Manekineko, con texto de Ernesto Is e dirección de Nerea Brey(Estreouse no Auditorio Municipal de Vigo, dentro do programa Vigocultura, o 15 de marzo. Eu vina na 40ª MIT Ribadavia, no Salón de Festas do Club Artístico de Ribadavia, o 27 de xullo). É o retrato de seres desgraciados que se xuntan nun karaoke para escorrentar os seus males cantando. A mestura de cabaré e drama, nun estilo “retro”, danlle o toque peculiar.

WTF! de Ay, Cariño! con Cris Vilariño e Diego Buceta (Estreou no Festival Escora Danza en Carnota o 26 de maio. Eu vino no festival Teatro Gorrilla x Síntese Vigo, diante da igrexa de Bouzas en Vigo, o 28 de setembro). Diversión e incredulidade garantidas polo aspecto e o movemento de dous seres, que parece como se viñesen doutro planeta e ficasen sorprendidos co que se encontran neste. É unha proposta colorista, chea de vida, cun punto queer, capaz de facer as delicias de persoas de todas as idades.

Bipedestrución de Disiden.Cía, con Marcia Vázquez e Martín Los Arcos (Estreouse o 19 de abril en Danza Navarra. Eu vina na versión para rúa, baixo o título Podería ser calquera, no festival Teatro Gorrilla x Síntese Vigo, diante da igrexa de Bouzas en Vigo, o 28 de setembro). A través dunha caracterización e un vestiario fantásticos dilúen o binarismo de xénero e, desde o humor, xogan a compoñer figuras míticas híbridas entre o feminino e o masculino, o animal e o humano. Marcia e Martín desprenden boas vibracións e unha simpatía descontraída que se contaxia.

O circo de Pinocho de Educateatro/Xandre Vázquez (Circo de toldo, que estreou en Redondela o 13 de outubro. Eu vino en Mos o 20 de outubro). O primeiro circo de toldo en lingua galega, con números clásicos de circo: maxia, malabares, acrobacia, roda Cyr, etc. que se tecen a través do conto de Pinocho. Gepetto, o carpinteiro, é un pallaso, Pepiño Grilo é o presentador do circo e tamén está a fada Mimadriña, para compartir con nós o soño de Pinocho de ter un circo, fronte ás ameazas do Chinche Chinchón. Un espectáculo elegante que non renuncia ao máis difícil aínda para sorprendernos e sacarnos o sorriso.

Sobre o extravío ou a arte de perderse da Cía. Furia Sotelo, dirixido por Ana Vallés (Estreouse en espazo non convencional, na Sala de Exposicións do Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, nunha coprodución coa 41ª MITCF o 28 de xuño. Eu vino na estrea para sala, no Teatro Principal de Ourense, o 17 de outubro). Poesía visual en danza, atravesada por reflexións filosóficas relacionadas co amor e coa importancia de non aferrarse. Nuria Sotelo está espléndida na súa relación directa co espectador. Co movemento fai que o espazo se transforme nunha especie de des-construción do fogar e das zonas de confort estandarizadas (a sala de estar, cos sofás, as lámpadas e o televisor). A importancia de trazar un camiño para logo perderse.

As gardiás, ou o nó do tecelán de Násser Djemaï, por Teatro de Ningures, con dirección de Cristina Domínguez Dapena (Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, o 8 de novembro). Catro anciás, ex-traballadoras dunha fábrica de tecidos, xúntanse no piso de Rosa, que está en cadeira de rodas sen poder moverse nin falar, para coidala e coidárense entre elas, até que chega a filla de Rosa coa intención de vender o piso para poder ingresar a nai nunha residencia especializada cerca da súa casa. En forma de comedia, con momentos moi puntuais de realismo máxico, propiciados polo movemento inesperado de Rosa, interpretada por Amparo Martínez, a obra dá para divertirse e para pensar na importancia de conciliar os coidados coa liberdade na terceira idade. Conta, ademais de Amparo, cun elenco excepcional: Casilda Alfaro, Sonia Rúa, Rebeca Montero e Melania Cruz. Este espectáculo supón á volta de Teatro de Ningures, que estivera sen producir para distribuír desde 2016.

O balance das artes escénicas galegas, tendo en conta estas 24 estreas e pensando en todas as que me perdín, é moi positivo non só en cantidade senón tamén pola calidade da maioría das propostas.

Acabamos o ano cunha boa noticia, a concesión da Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, por parte do Ministerio de Cultura, á creadora galega Ana Vallés. Creo que é a primeira vez que alguén do sector acada esta distinción. Non de balde, Ana Vallés é a creadora pioneira do teatro contemporáneo galego e tamén a nivel estatal. Hai que valorar, despois de máis de trinta anos de carreira, a súa capacidade para sorprendernos e para conectar con inquedanzas existenciais a través dunha acción escénica na que vibra a maxia e coa que inventa, en cada obra, a beleza.

Neste balance do que deron de si as artes escénicas en 2024, tamén me gustaría resaltar o debut rutilante de Ay, Cariño!, da luguesa Cris Vilariño e do vigués Diego Buceta, con dúas pezas singularísimas, para exteriores WTF! e para sala Millo vello. En ambas hai unha tolemia liberadora, divertida e que nos conecta coa necesidade de escoitarnos e de escoitar a paisaxe da que formamos parte. Hai nelas un certo despregue de enerxías telúricas, modeladas, en WTF!, desde a troula case carnavalesca e, en Millo vello, desde o ritual da construción dun niño ou cesto, unha casula máxica que nos cingue á terra e que serve tamén de crisálida para a transformación e para sacar os seres brillantes que levamos dentro. Ay, Cariño! é, para min, sen dúbida, unha das alfaias deste 2024.

Tamén foi un descubrimento Tanit Cobas, bailarina e coreógrafa galega afincada entre Cataluña e Alemaña, da que puidemos descubrir a súa divertida e liberadora peza The Exposure. Nela ispe as poses e clixés da danza e, por extensión, comparte con nós, desde o humor, un precioso divertimento contra as composturas que nos restan.

Outro descubrimento marabilloso foi Suevia Rojo, que debutou con Pensar a contratempo, caracterizada por un movemento helicoidal e unha presenza magnética, sen facer concesións a efectismos, desde unha aparente sinxeleza, cunha calidade que semella que está a inventar a danza.

Logo do seu 20 aniversario, o Teatro Ensalle de Vigo tamén merece unha mención pola súa intrépida e apaixonante capacidade para situarse fóra de calquera zona de confort. Con Sobre des-constrúen o teatro e lévano a un lugar cheo de forza e de encanto revolucionarios. Isto é incrible, a día de hoxe, despois de tantas voltas e de tanta experimentación como se ten dado na historia das artes escénicas. Porén, Pedro Fresneda,Raquel Hernández e Artús Rei, neste caso ao lado de Juan Navarro, rómpennos todos os esquemas e permítennos desfrutar poñendo patas arriba o mundo. Iso sérvenos, ademais, para espertar un pouco as conciencias adormecidas con tanta sobre-abundancia consumista e con tanta anestesia dixital.

Só me resta esperar que o 2025 nos sexa propicio para continuar desfrutando e aprendendo coas artes escénicas galegas.

'The Exposure' de Tanit Cobas. Foto: Zoran Varga.
‘The Exposure’ de Tanit Cobas. Foto: Zoran Varga.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

XXVIII Premios María Casares

Os XXIX Premios de Teatro María Casares aceptan candidaturas

Ibiza 80', de Félix Albó, na Feria de Teatro de Castilla León

Ibiza 80’