in ,

O CDG estrea ‘A burra, a mesa e o pau’

No Salón Teatro, mañá, xoves, 6 de marzo

A burra, a mesa e o pau fonte Xunta
Presentación da nova produción do CDG 'A burra, a mesa e o pau'. Fonte: Xunta de Galicia.

O Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acolle mañá, xoves, 6 de marzo, a primeira das producións propias do Centro Dramático Galego de 2025, A burra, a mesa e o pau. Trátase dunha montaxe para a que conta cun elenco interxeracional de 15 intérpretes baixo a dirección e a dramaturxia de Lorena Conde. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou onte a peza canda o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o director do CDG, Fran Núñez, e o equipo da montaxe; unha produción que permanecerá en cartel ata o 20 de abril para ofrecer 34 funcións e manterá as habituais campañas de accesibilidade e de mobilidade desde máis de 65 concellos das catro provincias.

No acto, López Campos incidiu “na intensa actividade que, tras a celebración do seu 40º aniversario en 2024, continúa a manter o Centro Dramático Galego nestes primeiros meses de 2025 e que prolongará durante todo o ano”. Ao tempo que pon en escena A burra, a mesa e o pau, avanza na preparación doutra nova produción propia que verá a luz en setembro,  A serie clopen, baixo a dirección de Pablo Reboleiro, e continúa a participar en numerosas coproducións en Galicia, como as recentemente estreadas na Cidade da Cultura  dentro do ciclo Clásicas desfeitas, e en Portugal, onde vén de presentar xunto a ASTA Teatro un espectáculo sobre a figura de Rosalía de Castro.

Fábula arredor dunha familia obreira galega

A burra, a mesa e o pau preséntase como unha fábula arredor dunha familia obreira galega que mantén, segundo a directora, “a esperanza teimuda nun golpe de sorte ou solución máxica para saír da precariedade na que vive a pesar da loita e o esforzo diarios”.

Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar conforman o elenco deste “conto de fadas” sobre a clase obreira, “no que conviven nomes cunha ampla e recoñecida traxectoria teatral con outros que se están abrir camiño nos escenarios, nun intercambio e enriquecemento interxeracional que se traslada tamén ás táboas”.

Para esta proposta, Lorena Conde acompañouse, ademais, de Inés Salvado Gontad na asistencia de dirección e tamén na música xunto con Cibrán Seixo, de Carmen Casal (quen se ocupa así mesmo da caracterización), José Faro, Montse Piñeiro e María Torres Piñeiro no deseño do espazo escénico, iluminación, videocreación, vestiario e aderezos, Amparo Martínez no movemento escénico e coreografía, Raquel Crespo e Neme Vázquez na confección do vestiario e Keka Losada na asistencia de produción.


Publicidade

Como en todas as producións da compañía pública, as realizacións e traballos técnicos corresponderon ao equipo propio do Centro Dramático Galego, que desta volta contou tamén coa colaboración da Filmoteca de Galicia na cesión de imaxes de películas do noso patrimonio fílmico.

Servizos de accesibilidade e mobilidade

A posta en escena de A burra, a mesa e o pau “continuará avanzando no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa inclusión, a mobilidade e a descentralización, en liña”, tal e como explicou o conselleiro, “cos obxectivos da recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”. A este respecto, as funcións no Salón Teatro dispoñen de interpretación a linguaxe de signos e subtítulos para o teléfono, dun programa de lectura fácil e, nas sesións descontraídas dos mércores, o acondicionamento especial da sala. Ao tempo, consolidan nesta produción a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que facilita servizo gratuíto de autocares para ver o espectáculo e á que se sumaron ata o momento 65 concellos das catro provincias.

As entradas para as funcións de A burra, a mesa e o pau, programadas de mércores a domingos ás 18.00 horas, poden adquirirse tanto na web de Ataquilla como no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40 % para determinados colectivos e mais os domingos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Carnaval, 1946-47'. Oleo sobre tea. Laxeiro. (Fragmento)

O entroido, o teatro e o infinito

Seguimos enteras, de Provisional danza. Imaxe de Juan Carlos Toledo.

Seguimos enteras