in

A MITCFC dá a coñecer o cartel e as datas da súa 42ª edición

Desenvolverase entre o 22 de xuño e o 6 de xullo en Cangas

Presentación das datas e do cartel da 42ª MITCFC
Acto de presentación das datas e do cartel da 42ª MITCFC. Foto de Diego Seixo.

A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) celebrará a súa 42ª edición entre os días 22 de xuño e o 6 de xullo deste ano. O Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, as rúas e outros espazos da vila do Morrazo acollerán a programación do festival, que desvelará o seu programa completo no vindeiro mes de maio. Iso foi o que anunciou esta mañá María Armesto, directora da MITCFC, acompañada por Che Mariño, Casilda Alfaro e Salvador del Río, en representación da asociación cultural Xiria, organizadora da Mostra, nun acto no que tamén estivo presente Juanjo Pérez, director do Auditorio Municipal, e no que o elemento central foi o cartel desta edición do festival, que se fixo público.

Este é obra da pintora, ilustradora e muralista galega Xoana Almar, que non puido estar presente no acto de hoxe. Na ilustración poden verse “dúas mulleres rindo e contándose unha historia que se entrelazan e das que xerminan novas sementes”, segundo explicou a propia artista á Mostra. Un marco de ollos envolve as dúas figuras femininas, “que as observa coma nun escenario”.

Xoana Almar

A autora do cartel desta 42ª MITCFC formouse como ilustradora, economista e antropóloga. Estudou en Granada e foi alí onde comezou a traballar no campo da pintura no ano 2008. En 2013 volveu a Galicia e constituíu  con Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa Cestola na Cachola, onde exerce de muralista, pintora e ilustradora.


Publicidade

No seu traballo poden atoparse influencias de artistas clásicos/as da pintura galega e doutros actuais, especialmente relacionados co mundo da ilustración e do muralismo. A través dos seus personaxes, maioritariamente femininos, sobresae unha procura de formas sinxelas coas que tenta expresar “unha personalidade ou historia de vida”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

"As desterradas", de Producións Teatrais Excéntricas. Imaxe de Sabela Eiriz.

As desterradas

Fernando Pessoa, retratado por Almada Negreiros (1964), sobre fondo rosa.

Fernando Pessoa, aliade?