in

Fado Alexandrino

A farsa da revolução

'𝐅𝐚𝐝𝐨 𝐀𝐥𝐞𝐱𝐚𝐧𝐝𝐫𝐢𝐧𝐨’, de António Lobo Antunes, com encenação de Nuno Cardoso. Foto: TUNA/TNSJ
'𝐅𝐚𝐝𝐨 𝐀𝐥𝐞𝐱𝐚𝐧𝐝𝐫𝐢𝐧𝐨’, de António Lobo Antunes, com encenação de Nuno Cardoso. Foto: TUNA/TNSJ

Presentouse no Teatro Municipal de Tui a monumental adaptación de Fado Alexandrino, novela homónima de António Lobo Antunes, publicada en 1983 e convertida en referencia mítica da transición portuguesa.

Unha referencia tan monolítica e ao tempo tan monstruosa (non menos de 600 páxinas, nas súas diversas edicións e traducións), comporta un reto importante para quen queira afrontar a súa adaptación.

Neste caso é Nuno Cardoso, director artístico do Teatro Nacional São João de Porto dende 2019, quen emprende a misión de levar este texto -e esta historia- aos palcos portugueses e internacionais, nunha proposta que non pode ser máis que ambiciosa, non só polo material de partida, senón polo propio concepto da produción: equipa, elenco, institucións implicadas…

Como dixen antes, Fado Alexandrino non só pon un texto en escena, senón unha historia, ou acaso deberiamos chamala Historia, en maiúsculas, xa que o contexto político e social ao que nos leva fala da construción do Portugal moderno: a guerra colonial de Mozambique (1964-1974), os últimos tempos da ditadura de Salazar e a revolución que acabou con ela, popularmente chamada Revolução dos Cravos, un mítico 25 de abril de 1974.

En escena -como na novela orixinal- catro militares que, ao tempo que debullan as súas (poucas) grazas e (moitas) desgrazas, retratan a toda unha sociedade e a todo un tempo.

Catro homes do seu momento: machistas, racistas, homófobos, crueis, vítimas, martirizados, inmaturos, perdidos… cuxas historias -malia que algún momento nos axude a entendelos na súa dimensión máis humana- non deixan lugar máis que para o sentimento de aberración por aquel feixe de homes que construíron e mantiveron o Portugal dos anos 70 (e polo tanto o de hoxe).

E dicimos Portugal como poderiamos dicir España que, no seu momento, estaba basicamente nas mesmas (e até hoxe).

Claro que, como espectador, ¿que facer cando a historia que che están a poñer diante non fai máis que levarte ao horror e a non poder empatizar cos seus protagonistas? Pois ver o conxunto.

O Fado Alexandrino de Cardoso é, ao meu parecer, unha tentativa de achegarse á esencia, ás raíces da historia contemporánea portuguesa sen adornos, sen idealizacións, de forma descarnada. Ao modo dos fados tradicionais, chamados alexandrinos en homenaxe ao poeta francés Alexandre Berné, esta posta en escena ensina como un mosaico os piares sobre os que se sustenta a sociedade portuguesa: unha mestura de tradición e modernidade que non sempre casa ben.


Publicidade

Nuno Cardoso faino ofrecendo unha peza de máis de catro horas, dividida en tres partes ben diferenciadas -como as da mesma novela-, pero que no conxunto é en realidade un quebracabezas ou, como atinadamente o chamou Afonso Becerra no seu artigo de Opinión Revolução, hormonas, história e Fado Alexandrino (Erregueté, 02/02/2025), “um calidoscópio em que a História com maiúsculas do período que trouxe a democracia da República Portuguesa”.

Coa axuda dos dramaturgistas Fernando Vilas-Boas e Florian Hirsch, Cardoso compuxo unha peza na que as tramas se mesturan, compoñendo capas que nos falan dos tempos superpostos e das historias particulares que compoñen esta História.

Ese calidoscopio que parte da dramaturxia e se traslada á superposición dos espazos e dos movementos fai que no público apareza unha certa sensación de vertixe ou mareo ante a dimensión do que se nos amosa, acaso aumentada polo tempo que dura a peza. Será isto o que se sente cando nos asomamos ao abismo da Historia?

Contribúe tamén a esta sensación de desmesura a entrega absoluta dun elenco todo-terreo, magnífico en cada unha das súas interpretacións, calidoscópico tamén na enorme variedade de personaxes que interpretan e que se superpoñen como as diferentes tramas que se entrelazan sobre o escenario.

Finalmente, durante un último acto, que deixa sabor a eternidade (acaso cunha certa reminiscencia a aquela escena orxiástica -e tamén calidoscópica- da Dolce Vita felliniana), recibimos dúas mensaxes pouco esperenzadoras: por unha banda, que pouco importa quen sente no trono do poder, ou as revolucións que se fagan, porque aqueles que manexan os fíos son sempre os mesmos. Pola outra, que a xente que perde a alma (como a pode perder un soldado que decide obedecer a orde de asasinar a un suposto inimigo) se converte en mera observadora da vida que lle pasa por diante.

Mensaxes que deixan espida de lendas a democracia e que, postas en perspectiva -como dentro deste mosaico alexandrino-, nos levan a ver mellor as raíces de problemas que aínda temos a día de hoxe: a manipulación do poder e a propia elección de permanecer cegos ante a mesma fainos, cada vez, menos seres humanos e máis elementos de consumo (algo que Cardoso coñece ben dende a súa adaptación do Ensaio sobre a cegueira de José Saramago co Teatre Nacional de Catalunya en 2022).

Acaso o propio pobo portugués precisase de idealizar a súa Revolução como en España se idealiza a Transición, precisamente para poder soportar o peso do pasado que se tentaba deixar atrás, mais a realidade é moito máis cruel e, precisamente, descarnada, composta de moitas historias e miserias particulares.

Saímos do teatro aturdides, sobrepasades, descompostes e un tanto tristes, enfadades coa humanidade e mesmo decepcionades ao poder ver as entrañas dunha revolução que, ao humanizarse, deixa detrás un certo tufo a podremia, tabaco, suor e sangue seca.

Fado Alexandrino, Teatro Nacional São João de Oporto

Encenação, Adaptação cénica e Dramaturgia: Nuno Cardoso
Apoio à adaptação cénica e Dramaturgia: Fernando Vilas-Boas, Florian Hirsch
Cenografia: F. Ribeiro
Desenho de luz: Nuno Meira
Desenho de som e Sonoplastia: Joel Azevedo
Música: Pedro “Peixe” Cardoso
Figurinos: Nelson Vieira
Vídeo: Luís Porto
Movimento: Rodly Harrys
Assisténcia de encenação: Pedro Nunes, Nuno Pacheco
Assisténcia de figurinos: Nádia Mattos
Interpretação: Ana Brandão, Joana Carvalho, Jorge Mota, Lisa Reis, Nuno Nunes, Patricia Queirós, Paulo Freixinho, Pedro Almendra, Pedro Frias, Roldy Harrys, Sérgio Sá Cunha, Telma Cardoso

Fado Alexandrino é unha produción do Teatro Nacional São João de Oporto, en coprodución co Centro Cultural de Belém, o Teatro Circo de Braga, o Teatro Aveirense, o Teatro das Figuras e o Théâtre National du Luxembourg, e presentado no Teatro Municipal de Tui no ámbito da Programación Cultural Cruzada Portugal-España – 50 anos de democracia

Teatro Municipal de Tui. 31 de xaneiro de 2025.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, ADE Teatro, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Irene Moreira.

E que eu vivo disto

CEN 2024 Colectivo Glovo con Tabú en Bilbao Foto de Iván Martínez

Camiño Escena Norte acepta candidaturas para a súa sétima edición