Marta Pazos dirixirá a gala dos Premios Mestre Mateo

A gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o próximo 3 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, estará dirixida por Marta Pazos, directora artística e dramaturga da compañía teatral Voadora, na que desenvolve un traballo de investigación en creación escénica e dramaturxia contemporánea.

Ao longo dos últimos anos as direccións de Marta Pazos estiveron presentes en escenarios nacionais e internacionais como o Alt de Vigo, MIT Ribadavia, Escenas do Cambio, MA scéne nationale (Francia), Festival de Almada (Portugal), FITEI (Portugal), Festival de Agosto (Mozambique), Festlip (Brasil), Capital Europeia dá Cultura- Guimarães 2012 (Portugal), Tempada Alta, Festival de Almagro, Clásicos en Alcalá, Olmedo, Fringe Madrid ou no Centro Dramático Nacional –onde acaba de pór en escena a súa versión do Soño dunha noite de verán.

Pero esta non será a única presenza feminina do acto, que estará conducido pola actriz e presentadora Iolanda Muíños acompañada polas voces das actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias sobre o escenario. Ademais os premios, que os académicos e académicas elixen cos seus votos entre as 328 candidaturas presentadas en vinte e cinco categorías, serán entregados por diversas profesionais pertencentes a diferentes facetas do noso audiovisual.

A gala, que se celebrará o próximo sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, poderá seguirse a través das redes sociais da AGA (Facebook | Twitter) ou a partir das 22h00 na primeira canle da Televisión de Galicia.

 

Marta Pazos (Pontevedra, 1976), licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de pintura, comeza a dirixir no ano 2000 e desde entón asinou a posta en escena dunha vintena de espectáculos.

En 2007 funda en Santiago de Compostela a compañía Voadora xunto ao actor Hugo Torres e o produtor Jose Díaz. En 2011 recibe o XV Premio de Teatro María Casares á mellor dirección converténdose na directora máis nova en recibir este galardón. En 2013 recibe novamente o Premio María Casares de dirección ao que suma outro premio María Casares como mellor escenógrafa. Recibe tamén o terceiro premio do Certamen Nacional de Directoras de Torrejón de Ardoz e o premio INDIEFEST14 como actriz protagonista.

Algunhas das súas postas en escena máis relevantes son: Super-8, WaltzTokio3 –que foi finalista aos Premios Max 2013 ao Mellor Espectáculo Revelación–, A tempestade, Calypso, Martes de Carnaval –para o Centro Dramático Galego–, Soño dunha noite de verán ou Garage recentemente presentada no festival Escenas do Cambio de Compostela e que se poderá ver os próximos 23 e 24 de febreiro en Vigo.

Deixar unha resposta