Refutación de Robinson
| Manuel Xestoso |
Unha personaxe, unha muller, que vive excluída da sociedade –talvez nunha illa, talvez nunha beira agochada–, reciclando o refugallo que atopa, vivindo dos restos que desbota a sociedade da que se apartou. Podería lembrar á Suzanne de Leonard Cohen se non fose porque aquí o agónico está pasado polo filtro do clown, un pouco pola inxenuidade desconcertada de Jacques Tati. Un día, entre os restos que o mar lle devolve, aparece unha nena nunha botella e, con ela, o conflito: se inicia o diálogo coa inesperada visitante, pode perder a comodidade do seu retiro; se o rexeita, abandonará definitivamente o contacto cos seus semellantes.
O pallaso é sempre unha figura que conecta directamente coa nosa parte máis fráxil, máis vulnerable. A súa inocencia adoita bater coa habitual dureza das relacións sociais e, por esa razón, recibe sempre as labazadas. A protagonista de Una niña cre que atopou no illamento e na rutina dunhas actividades obsesivamente repetidas a solución a esa incompatibilidade coa vida en comunidade. Ata que o contacto coa infancia lle devolve a conciencia de que existe tamén unha bondade que paga a pena explorar. Descobre entón que o paraíso individualista de Robinson Crusoe está incompleto: carece do verbo compartir.
La Rous posúe a estraña virtude de facer un teatro infantil que non está infantilizado. Móvese nun territorio alleo aos mitos da pedagoxía para recuperar a esencia dunha fábula instrutiva que non doma o pensamento, senón que o incita e esporea. En Una niña, abre o camiño da sospeita. De que son ou foron vítimas as persoas que prefiren o retiro e o desterro? Por que ese abandono que os converte en seres excéntricos e un tanto incomprensibles?
A compañía de Rosa Díaz consegue que esta pequena pero penetrante parábola se prolongue grazas a unha minuciosa posta en escena que coida con esmero o efecto plástico, a expresividade musical, o excurso humorístico. Hai unha vocación estética que xoga a favor da trama: completa o breve argumento e revísteo dun preciosismo que dilata a atención do público. A manipulación dos bonecos é extraordinaria e contribúe a acrecentar esa sensación de maxia que ás veces nos concede o teatro e que tanto agradece o público: o infantil e o adulto.
Foto: Natasha Lelenco | MIT Ribadavia
Una niña, de Rosa Díaz, a partir do conto de Grassa Toro
Compañía: La Rous
Dirección: Rosa Díaz e Fanny Giraud
Elenco: Rosa Díaz, Ariel García
Espazo escénico: Eskenitek S.L.
Son / música: Iván Monje
Vestiario: Laura León
Mostra de Teatro de Ribadavia, 26-07-2014